xoves, 2 de maio de 2019

ARALLADAS DE ALBERTO ORO CLARO


Por Pepe de Rocaforte
Unamuno, ademais de todo canto fixo no mundo da Cultura (con maiúscula por se acaso), tivo unha afección entusiasta pola papiroflexia, arte ¿menor? por el chamada “cocotología”. Vostedes dirán... Entre nós Pepe Cáccamo, e outros que agora mesmo non me veñen á cabeza, practican, á parte da súa máis evidente, un tipo de afección á elaboración doutro tipo de enredos que o propio Cáccamo denominou “cacharriños”, seguindo a palabra con que Antonio Gamoneda se lle referiu ás súas creacións. Cacharriños, xoguetes, biblio-grafías, pretextos ilustrados, obxectos de desexo... Alberto Oro Claro, nunha exposición que actualmente se pode ver na Normal de Maxisterio da Coruña, chámalle ós seus traballos “aralladas”.
 ¿Que son as “aralladas”?: Unha recreación de obxectos, moi comúns polo xeral, que Alberto observa cunha ollada distinta, unha ollada chea de bo humor, con considerables doses de ironía, que vai máis alá da superficie deses obxectos. E para que nós poidamos reflexionar, e ver, e comprender a súa visión, auméntalles un toque, unha modificación inesperada coa cal nos suxire un modo distinto de os observar. Un traballo en certa medida parecido ó do ilusionista que che mostra unha cousa e faiche ver que é (ou pode ser) outra.
Por certo: nesta exposición a ollada retranqueira de Alberto Oro Claro pode por veces zumegar tristura. Ou polo menos esa sensación me produciu a min unha peza formada unicamente por un libro e, sobre el, unhas gafas negras. O título na portada do libro é “Sempre en Galiza”. Ó mellor a causa da miña tristura foi a de traerme o recordo das recentes eleccións ó Parlamento español que nos permitiron comprobar a escasísima altura duns políticos incapaces, por moitas razóns, de levar a nosa voz propia a ese Parlamento.
E unha nota final: Cando, en varias ocasións, escribín aquí sobre tantos e tantos museos de distintos tipos como hai polo mundo adiante (recordo especialmente os citados por Orhan Pamuk en “O museo da inocencia”, ou o visto por min en Zagreb, “Museo das Relacións destruídas”), esquecinme de citar o “Museo do Xoguete” de Allariz, doado por Alberto Oro Claro á súa vila natal.
Aquí deixo constancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario