
Falabamos
disto estoutro día porque o médico recomendoulle a Xulio tomar salmón por mor
de non sei que tipo de graxas que lle saíron baixas nas análises, e Xulio, quen
sempre coidou moito todo aquilo que metía na boca retrucoulle co de que era un
peixe de piscifactoría, alimentado con pensos e, segundo as noticias, con abuso
premeditado de antibióticos, pero o médico sen sacar a vista dos papeis foi
rotundo: “Ti necesitas a graxa do salmón”. E calou para non dicirlle que o
peixe de alta mar tamén está cheo de microplásticos e metais pesados, que a
fariña do pan é transxénica, as mazás veñen vernizadas e os roxóns adultéranse
con peles de polo. Non hai nada auténtico, pero aínda é peor desconfiar do que
non está mal por non coñecer ben os sistemas de conservación e manipulación.

Como
comer graxa de porco, é a un tempo unha gloria culinaria e un pecado contra a
saúde, Xulio pasounos un artigo sacado de non sei que universidade americana,
moito máis fiable ca todo o que digan desde Lalín, asegurando que unha dieta
con carnes, aves e vexetais baixos en amidón activa as células do livián e
mellora a inmunoloxía contra os virus da gripe. Non sei quen pagaría o estudio,
pero seguro que non foron os pataqueiros de Coristanco nin os da Limia. De
todas formas ben sabemos que un bo trago de caña con limón e mel é man de santo
para o trancazo.
Así están as cousas co asunto do consumo
segundo conveña, teñan ou non aditivos, graxas saturadas ou conservantes. Nin
tan malos nin tan bos, pero quen máis e quen menos andamos algo receosos con
tanta proclama. Falta unha voz que aclare e poña orde no asunto, ó menos co
mesmo tipo de letra que aquela que nos amedrenta, para poder sentarnos a mesa
sen pensar mal.
( Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
( Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)