martes, 7 de xaneiro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (52)




 O Curmán de Undochán

Os biguás na ribeira do Prata, na miña viciñanza…


 Tornan a florecer as máis madrugueiras jacarandás. Amoréanse os biguás nas rochas. Os benteveos teiman nos seus estridentes chios. Os tamborís, a ensaiaren para o vindeiro carnaval, enchen as noites de africanidade. As praias comezan a ser desfrutadas polo home (e a muller!), pois chegaron xa as primeiras calores. As eleccións quinquenáis a presidente da República están a se celebrar, con casas embandeiradas,  mentres, aí ao lado, América latina está ardendo ou está para arder… e o fútbol segue a reinar.   
           Todo isto e a tenaz evidencia dos números faime ver que levo un ano cabaliño cos meus leitores: enigmático concepto, tamén moi matemático, que igual pode significar un guarismo avultado como unha facareña relación de leais a esta sección dos amicais chanzos.
            Meses levo argallando o que hoxe me decido a analisar, pondo por diante o meu amadorismo en tema tan complexo. Isto é, tentando resumirvos, o que as Américas lle deron ás Europas e ao resto do mundo, fronte ao que esoutros mundos lle agasallaron a estoutro mundo… á marxe de imposíbeis balanzos reclamadeiros de “contas vellas” (como diría o noso Leiras Pulpeiro).
 Estaba en débeda coa miña árbore predilecta:
vedeaí a jacarandá
            Por unha banda temos o cúmulo de comestíbeis americanos, máis ou menos a integraren a “canastra básica”: a pataca (que chegou case a definir Galiza e Irlanda, sendo inimaxinábel un galego non pataqueiro), ou o millo/maínzo (a suplantar o noso millo miúdo, sen podermos obviar os seus supostos efeitos nocivos, segundo, a través do amigo X.M.M.Oca, nos ilustra o M.A.Murado), ou o apetitoso tomate, ou os tan nosos pementos de Padrón, o, en fin, exquisito chocolate, e máis a reste de froitos tropicais que nas últimas décadas, moi precedidos polo ananá (piña), invaden os nosos mercados, dous exemplos entre ducias: a palta (aguacate) e o mango, a faceren parte de ensaladas e outros caprichos culinarios…
    
   Unha cuerda de tambores no carnaval de las llamadas
       
Ora, no outro prato da balanza, aí temos a dupla maldición moderna das  drogas universalizadas desde o seu berce indiano, a competiren coas outras pragas tales o tráfico de persoas e de armas, a explotación infantil, eun longo etc.: o maléfico tabaco –a fornecer o rapé de antano- e a mortífera coca (entre outros narcoprodutos non americanos, tales o opio –das nosas adormideiras-, a heroína ou a marihuana, máis acá ou máis alá da ponzoñosa influencia dos seus derivados a partir da posterior manipulación laboratoriana)… sabendo que a folla de coca, en estado puro e no seu contexto natural, non ten nada de vituperábel.
Mais velaquí que, máis unha volta, nestes países do Prata temos unha realidade ben diferente: daquí non saíu ningunha desas prantas inocentes, de culposa derivación. E, curiosamente, foron estes países, que non deron nen prata nen ouro á cobiza hispánica, os que receberon daí cousas como a vide dos famosos caldos chileno-arxentinos (últimamente secundados polos uruguaios, mesmo coa importación recente da variedade albariño) e, sobre iso, o gando, que é base da sua economía (bovinos, ovinos e porcinos) e da sua realidade rural (equinos e cánidos euroasiáticos) e urbana (felinos domésticos e máis os cans e os cabalos para uso deportivo), xunto con outros fáunidos –tales a galiña- e flóridos…
Que outros máis duchos completen e/ou corrixan o cadro!

Ciencia recreativa: Mentres nese hemisferio boreal, segundo a vox populi, a lua “é mentireira”, nestoutro “é verdadeira”: aquí confírmase o grafismo C/D para [C]recente (abalo) e [D]ecrecente (debalo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario