domingo, 12 de xaneiro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (53)


Uruguaios no mundo

O Curmán de Undochán

            Horacio Quiroga
Na crónica 30 observábamos determinados aspectos da diáspora uruguaiana ocurrida de cincuenta anos a esta parte, ou sexa, desde o momento no que o Estado do benestar comezou o seu derrubamento. Nestora quixéramos complementar con outros exemplos deste drama. E é que esta sangría está composta polos mellores elementos da sociedade, non somente os máis novos, senon, o que é se cadra pior, os máis preparados cultural e científicamente: algo moi similar co que está a acontecer aí, só que con décadas de adianto sobre o caso español e galego.
                                 
É desta xente intelectualmente destacada que quero falar aquí, moi outra da masa traballadora tradicional, na sua inmensa maioría pouco preparada culturalmente, que nutríu a nosa secular emigración; sen que isto supoña desprezo por esta. Adiantemos que os destinos preferidos por aquela, elexidos ou forzosos, son os máis cercanos: a consabida capital arxentina ou Sao Paulo, a megaurbe brasileira; esa expatriación tiña a ventaxe de poder tornar con certa asiduidade á terra natal, á familia e aos amigos.
L’Opéra de la Bastille, París,
 obra de Carlos Ott
Ignoramos se no chamado Departamento Veinte do Ministerio de Relaciones Exteriores  (lembrade: a República está dividida administrativamente en 19 departamentos) hai o necesario rexistro de naturais emigrados no mundo. Pero, a ollo de bo cubeiro, podemos dar algúns nomes e lugares da maior presenza de uruguaios -fora Australia (e Sidney), onde van, na maioría, os que procuran simplemente un choio para sobrevivir, e agás os futbolistas, cuxos nomes e realidades son abondo coñecidos- e que están encabezados por Arxentina, España e USA, seguidos, a boa distancia, por países como Suecia (refuxio habitual de exiliados da ditadura), Francia, Italia ou México.
            Logo se pode advertir que uns destinos atraen pola lingua, outros por conteren urbes enormes con máis oportunidades, outros, en fin, por razón de sangue: milleiros tramitaron o pasaporte europeo, como fillos (e, por veces, netos) de españois ou italianos, os máis numerosos nos países platenses. (É curioso como a existencia de apelidos itálicos na Galiza, ao igual que a moda da pizza, case nunca proceden de Italia, e si da Arxentina e do Uruguai).
Algúns antigos emigrantes morreron fora, outros moitos, particularmente os exiliados, voltaron, e uns cantos só veñen de pasada (ao igual que facían antano os nosos “indianos” exitosos). Non ven a conto explicar o que todos sabemos: as razóns (a miúdo económicas!) que atan ou non aos que marcharon aos seus países de adopción, nen nos laiar polo que eles gañan (ou perden) e perde (ou gaña) o país natal…
Quixera, entón, moi discrecionalmente, dar un feixe de nomes entre os motísimos uruguaios de primeiro nivel ciscados polo mundo antano e hogano, facendo, deste xeito, unha mélange abondo atrevida.
Escritores (fora os nomeados na cidata crónica) tales: Espina, Vitale, Rodríguez Monegal, Ruffinelli, Fierro, Moraña ou Majfud (USA), Gravina ou Chavarría (Cuba), Fressia (Brasil), H. Quiroga, Florencio Sánchez, C. Vigil ou Martínez Cuitiño (Arxentina), Quijano, Martínez Moreno, Ibargoyen ou E. Milán (México), Paseyro (Francia, xenro do poeta franco-uruguaio Supervielle, que se declarou apátrida), Trobo ou Ulive (Venezuela)… Músicos e intérpretes como Canaro, De Nava, Gardel, Roldán, Feria, Sosa ou Oreiro (Arxentina), Damiani (con destinos varios), J. Serebrier, Batlle Ibáñez ou Jaurena (USA), Chenlo, Cabrera, Palacios ou Drexler (España), R.M.Rivero ou Fdz. Bardesio (Alemaña), Passarella (Italia) ou Sampayo (Suecia).
  Díaz Pardo por Sábat
            Entre os numerosos artistas plásticos (todos contemporáneos), mencionemos a: H. Sábat (Arxentina), Achugarry (Italia), Fonseca (USA, Italia), Cardillo ou Ojeda (USA), Canosa (España), Capelán (Suecia), Armando González (Bulgaria), Palleiro (México) ou os arquitectos Carlos Ott (Canadá) ou Viñoly (Arxentina). Xornalistas, cineastas, actores… ata científicos, apenas vai aquí unha mínima mostra… E veredes que moitos delatan raíces galegas…
                                                   

Dato extemporáneo: O Uruguai ten a maior tasa en Latinoamérica de doantes de órgaos e tecidos biolóxicos… case un 24 por millón de habitantes, máis do doble da media do subcontinente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario