luns, 20 de xaneiro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (54)


Lautréamont, Dumas, Hudson

O Curmán de Undochán

  
A primeira ed. dos Cantos
 ía sen autor         
         
Dumas, Hudson, Lautréamont, Laforgue, Supervielle… A que ven esta exótica enumeración? Que ten que ver coa nosa materia adoito?
            Comezando polo máis comprido, aí temos os tres poetas calificados como franco-uruguaios, pois que nados nesta capital: Ducasse, Laforgue e Supervielle: os dous primeiros, mortos novos, con limitada vivencia no Montevideo natal, antes de se radicaren en Francia; o terceiro, de familia abastada e arraigada no Uruguai, con idas e voltas ao país (por exemplo, durante a II Guerra que aquí se exiliou) e o único de vida prolongada. 

Isidore Ducasse (a) Conde de Lautréamont (1846-1870), que algún quixo ver como L’autre à Mont[evidéo] –igual que xa se ten xogado con Shakespeare/Jacques Pierre! ou co que os franceses lle chamaban a Ma. Antonieta (l’autrichienne): L’autre chienne, a outra cadela- é, sen dúbida, o máis universal cos seus desenfadados, irreverentes e anovadores “Les chants de Maldoror” (1ª ed. 1868, traducido aínda en 1941), dos que se ten rastreado influencias no Lorca neoiorquino ou no Maio francés, en Godard,  Houellebecq ou Cortázar. Jules Laforgue (1860-1887), con tres anos máis de vida e algo posterior, é poeta, tamén orixinal, precursor do novo dicir poético francés do século seguinte.
Jules Supervielle (1884-1960), xa home do XX, é fillo de nai do país, non sendo, entón, ave de paso como os anteriores que, máis que uruguaianos de nación poderían ser considerados apenas montevideanos de berce –tal o coruñés Menéndez Pidal ou o compostelán etnógrafo, pai dos poetas irmáns Machado- e foi intitulado en Francia Prince des poètes.
Voltemos agora ao século XIX co outro francés, Alexandre Dumas (1803-1870), o prolífico novelista de Os tres mosqueteiros, de sangue mestizo, e tráemolo aquí por mor da sua novela histórica menor “Montévideo, ou une nouvelle Troie” (1850), na que narra -en base a informes do uruguaio Melchor Pacheco (1809-1855), de quen sería o negro… mais neste caso negro exposto- o sitio de sete anos desta capital polo exército federal, durante a nosa Guerra Grande (1843-1851).                                               
  Nesta panorámica de determinadas obras clásicas uruguaias ou sobre o Uruguai en outros idiomas temos que mencionar a máis divulgada: “The Purple Land” (1885), do estadounidense William Henry Hudson (nado en Quilmes-B.Aires, 1841-1922) ocupa ese lugar preferencial na Literatura rioplatense, con innúmeras traducións ao español (“La tierra purpúrea”, 1ª trad. 1928). El vivíu nestas paraxes ata os 33 anos, anos dunha activa intensidade, mesmo nesta banda do Prata (por 1868-1869), curto período que lle inspirou a obra citada, parte dunha inxente produción, toda escrita na G. Bretaña e en idioma inglés.
Duas edicións inglesas
 de “La tierra purpúrea”
Produción que, na sua parcela de temática americana, foi traducida en títulos tales “Días de ocio en la Patagonia”, “El ombú” ou “Allá lejos y hace tiempo”, e que  enalteceron, entre outros, Quiroga e Borges, e da que F. Arocena sinalou radicar a sua orixinalidade na visión auténtica de paisaxe e paisanaxe: “Na pampa era o gringo acriollado, en Inglaterra, un bárbaro do que tiraron sabencia os máis civilizados”.

Dans l’Uruguay sur l’Atlantique/ l’air était si liant, si facile/ que les couleurs de l’horizon/ s’approchaient pour voir les maisons”. (J. Supervielle, “Montevidéo” de “Gravitations”, 1932).                                                                                                                 

Ningún comentario:

Publicar un comentario