xoves, 23 de xaneiro de 2020

LENDO O DIARIO


Por Pepe de Rocaforte
            A fins de abril do ano pasado empezaba a ler o “Diario” de Samuel Pepys. Hai un par de días, oito meses e pico despois, puxen fin á lectura desta selección de textos que non chega ó corenta por cento da extensión orixinal do libro. Certo que non fixen a lectura dun tirón, senón a tramos espaciados, ás veces con varios días, semanas nalgún caso, de deixar ó amigo Samuel en stand by ata outra ocasión máis ó xeito.
            Pero este remate non foi unha despedida definitiva. Sei que hei volver nalgunha ocasión que outra porque o “Diario” está cheo de celmosos treitos que tanto te informan sobre o pavoroso incendio de Londres de setembro de 1666 ou o final da república de Cromwell coa volta ó trono de Carlos II (un rei a quen lle podemos atopar numerosas similitudes con algún outro monarca europeo de épocas posteriores), como che contan a discusión que o autor sostivo un día coa súa esposa a quen ameazou con guindar pola fiestra o can que lle regalara un irmán seu se volvía mexar dentro da casa. Ou che fala do bo sermón que lle escoitou un día ó oficiante no templo de St. Dunstan’s, que tal vez non puido seguir coa atención debida por estar sentado á beira dunha fermosa descoñecida á que con disimulo lle intentaba coller a man, pero ela non llo permitía e a cada aproximación afastábase en silencio do intento de contacto persoal.
            O aspecto sexual, a pesar de non ocupar unha extensión importante no “Diario”, tal vez sexa o cebo que máis lectores morderon para iniciar a súa lectura. E desde logo Pepys non debeu ser manco nese aspecto, ata o punto que, por exemplo, as criadas máis ou menos agraciadas durábanlle pouco tempo na casa, porque á primeira sospeita da súa esposa sobre un inicio de entendemento entre o marido e a moza, xa as estaba largando con vento fresco.
            As opinións que expresa Pepys ás veces aquí ou acolá tamén che traen á orella algunha moi coñecida música intemporal, como cando reflexiona a propósito dun traballo que lle ofrecen: “non é o salario dun cargo o que fai rico a un home, senón a oportunidade que che ofrece de gañar máis mentres ocupas ese cargo”.

            Ou: “hai que ver como o éxito, sexa con ou sen razón, fai que un home pareza sabio a pesar de ter demostrado a máis absoluta estupidez do mundo”.
            Ou, para vir sobre un tema tan de actualidade como a contaminación ambiental, cando reflexiona sobre a “vella regra” que dicía que unha familia que vivise a cincuenta millas de Londres duraría cen anos; se vivía a cen millas, douscentos anos, e así, segundo a distancia ou proximidade a Londres, máis ou menos anos. O cal lle facía reflexionar sobre as palabras dun vello que dicía que nos seus tempos era tan estraño que un cabaleiro do campo viaxase a Londres, que cando o facía acostumaba redactar o seu testamento antes de saír. Por se acaso...

Ningún comentario:

Publicar un comentario