Por Pepe de Rocaforte
En principio, se existe unha
relación entre o mito do Rei do Bosque que loita por seguir vivo e os vellos,
nada mitolóxicos, que van resignados á morte, non parece clara. Así e todo
atrévome a atoparlle unha certa similitude a ambos casos cando o propio Frazer
confesa no prefacio de “O ramo dourado” que a súa primeira aspiración ó iniciar
a redacción do libro era explicar a lei que regulaba a sucesión no sacerdocio
do Templo de Diana Nemorense a carón do lago de Nemi, uns trinta quilómetros ó
sur da cidade de Roma; pero cando se puxo ó traballo encontrouse con tanto
material relacionado co tema que para poder levar a cabo unha interpretación
correcta compríalle entender e explicar outra longa reste de cuestións máis ou
menos relacionadas co mesmo asunto, ata o punto de que cando esperaba non
estenderse moito na redacción do seu texto, acabou precisando os doce tomos que
finalmente ocupou o seu famoso traballo.
Como saberán vostedes, o santuario
de Diana situado no bosque sagrado a carón do lago de Nemi estaba gardado por
un sacerdote que conseguira o seu posto despois de vencer nun combate a morte ó
sacerdote que o ocupaba ata ese momento.
A partir de aquí o novo sacerdote
era gardador e amo do templo, pero a súa vida convertíase nun inferno, sempre
en vela, de ronda pola súa posesión, coa espada na man, para non ser
sorprendido por outro aspirante a apropiarse do seu posto.
Chegado a este punto é onde eu
relaciono a desesperación dos vellos abandonados á súa sorte, ou mellor dito: á
súa desgracia, e ó transcorrer desesperado das horas ata o momento de lle
chegar a morte, no monte Naraiama ou en calquera outro monte ó largo e ancho do
mundo, coa angustiosa ronda do Rei do Bosque de Nemi, convertido en homicida
para non ser asasinado e poder manter a súa posesión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario