domingo, 25 de outubro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (94)

 

 

                                    Nomes galegos do Uruguai

O Curmán de Undochán

      

            Tendo tratado os apelidos galegos no Uruguai e máis certos nomes típicos do país, hoxe, por suxerencia do curmán Un, traemos ao blog algúns nomes galegos do Uruguai, quer dicir, nomes de pía. É así que, décadas antes da posibilidade legal de os galegos da Galiza levar nomes propios autóctonos, xa se facía isto, coa mesma vocación, chamémoslle patriótica, nestes países que forman a Galiza da diáspora.

            Hai, neste campo, como sabemos, nomes máis ou menos ocidentáis, comúns ás nacións europeas, na sua versión galega e/ou portuguesa: Xoán/Joao, Iria, Martiño/Martinho, Brais/Braz, Comba, Cristovo/Cristóvao, Minia, Paio, Uxío, Sabela, Iago… e tamén os arcaicos: Duarte, Roi, Ilduara, etc. ou mesmo mitolóxicos, tal Breogán…

            Neste sul de Sul-América, galegos houbo, maiormente os de mentalidade política ben asumida, noutras palabras, os que de galegos exercían que, cando exercían de pais, como proba suprema de amor á Terra nai, aplicaron aos fillos nomes desa patria lonxíncua (Crón. 34).

            Andan por aquí persoas que se chaman Rosalía ou Flavia, específicamente por Rosalía de Castro e por Iria Flavia (sendo este un complemento do citado Iria). (O infortunado padronés ou mellor, iriaflavense Castro Padín da Crón. 27 puxéralle Rosalía –de tal xeito, R. Castro- á sua filliña máis nova). Mesmo temos algunhas Sabelas e Suevias, ata Galicia e Galiza.

E Lugo chámase o fillo de dona Celia Bello e do galeguista lugués de primeira liña, Manuel Meilán Martínez (1904-1994), presidente do Patronato da Cultura Galega (1981-1989) e Vieira de Prata 1990 desa institución e antes disto Medalla Castelao 1987, e moito atrás, colaborador de Castelao e, morto o Guieiro, outro cofundador (Crón. 89) da audición radiofónica Sempre en Galicia, seguindo no ar viva a sua voz setenta anos despóis: “Bos días, galegos, eiquí Sempre en Galicia…”, co fondo da Muiñeira de Chantada interpretada ao piano polo coruñés Emilio Pita (1909-1981), residente principalmente  en Buenos Aires.

            Celta coñecemos duas mulleres, así como un home Céltigo. E, como non, Breogán máis de un. Medulio Pérez foi un cidadán que xa temos mentado (Crón. 6), e mencionámolo agora, na medida en que, dada a sua problemática situación xeográfica, se trate dun topónimo noso.



            Ora, en liña co costume americano de lle pór a nenos varóns recén nados como nomes de pía apelidos de próceres (Crón. 56), aquí temos, cando menos, a un Líster e a un Castelao… dándose neste eido un caso curioso cal é o do uruguaiano  Héctor Rivadavia Gómez Sanguinetti (1880-1931), xornalista e político, ideólogo, fundador (B. Aires, 1916) e primeiro presidente da CONMEBOL (Confederación Sudamericana de Fútbol/Confederaçao Sul-americana de Futebol) quen, como delegado da AUF (Asociación Uruguaya de Fútbol), conseguiu para este país a sede do campeonato mundial de 1930. Pois resulta que este home levaba ese segundo nome en honra do persoeiro arxentino dese apelido, apelido que no Río da Prata adquiriu tal versión a partir do pai daquel, o monfortino González de Ribadavia…

            Só nos resta, abordar o terreo dos alcumes ou, mellor, diminutivos, onde é salientábel como neste Uruguai aínda se dan algunhas Finas (Josefinas galegas ou desta orixe), mesmo tendo coñecido nós unha Marica (de familia de moito acomodo) que levaba, sen unha explicación clara, tal hipocorístico que, incluso en Galicia vai caíndo en desuso…

 

 

Frase extemporánea: “Nesta América cuxas veas levan moito sangue da nosa estirpe, sinto unha emoción grande ao voltar a esta cidade, despóis de corenta anos nos que o mundo deu moitas voltas e a cultura galega adiantou moito na sua consolidación, e en boa medida gracias ós galegos da diáspora”. Xosé Neira Vilas, Montevideo, 1998.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario