xoves, 29 de outubro de 2020

“Virar a tella” en Brantuas, Ponteceso.

 

    Coa intención de probar se a crenza popular no ritual de “virar a tella” ten ou non razón de ser, dado que tiñamos encima unha desas borrascas de outono que non nos deixan pasear pola beira do mar, e ata ameazan con non deixarnos sementar os fabóns seguindo os consellos do refrán: “Polo san Simón sementa os fabóns”, aló fomos o amigo Afonso e eu ata ó santuario de Nosa Señora de Monte Faro para trocar o mal tempo. É o mesmo ritual que se fai en santo Alberte da Conlleira,en Ribeira. En ambos lugares, cando o vento non facilitaba o retorno dos mariñeiros a terra, as esposas, nais ou mozas subían a un destes promontorios e en virando unha das tellas do tellado, o vento rolaba.


Nosa Señora do Faro, a quen se festexa cada 8 de setembro, ten unha longa devoción mariñeira, e no seu día grande os fregueses levan a imaxe da Virxe en procesión desde a igrexa parroquial, en Brantuas, ata o cume onde está a capela, situada a 231 metros sobre o nivel do mar, e desde onde se ve un longo tramo de costa, polo que foi de sempre un lugar privilexiado para observar, vixiar e servir de faro e guía para os mariñeiros.

Preto da capela hai unha fonte milagreira onde os devotos se lavan e  deixan logo os panos a secar para curar das verrugas e outras afeccións cutáneas. E é de destacar o alto monumento dedicado ó Sagrado Corazón de Xesús, unha torre de 39 metros de altura pola que se pode subir ata o cume por unha escada de caracol, doada pola familia de don Ricardo Pose e inaugurada en 1959.

Cumprido o ritual volvemos e así como avanzaban as horas o tempo foi amainando e a esta hora está lucindo o sol.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario