xoves, 29 de outubro de 2020

UN SOÑO ANGUSTIOSO

Por Pepe de Rocaforte

Houbo unha época en que despertaba dun soño e seguíao lembrando en case todos os detalles ó longo do día, aínda que para non me esquecer del pasábao ó papel xeralmente no transcurso da primeira mañá.

Pasaron logo moitos anos en que os soños que me facían despertar borrábanseme do pensamento uns minutos despois de acordar. Pero hoxe tiven un, oniricamente coherente en principio, que recordo bastante ben e vouno referir por medo a que se me esqueza se deixo pasar máis tempo sen o poñer por escrito.

Neste soño saía eu da casa pola mañá cedo para ir á oficina. Collía o coche e pouco máis alá da saída do garaxe vía unha miña curmá na acera acenándome coa man. Detívenme a saudala e preguntoume se a podía levar ó traballo, que xa lle era moi tarde e ía ter problemas co xefe. Subiu ó meu lado, arranquei e funlle preguntando de cando en vez por onde iamos mellor para a súa oficina. Ela dirixíame: xira aquí, agora por aquí, torce na segunda á dereita, e dunhas noutras decatábame, non sei como, de estarmos chegando a Valladolid, onde só estivera un par de veces na miña vida e non sabía por onde chegar ó centro.

A seguido, non sei como nin como non, estaba eu traballando na oficina e decateime de que necesitaba levar o coche a un taller de Perillo, onde tiña cita para as dez da mañá, pero as chaves quedáranme na casa e compríame ir por elas. O xefe estaba falando cun cliente moi importante e facíame un aceno de contrariedade ó me ver marchar. Eu seguín cara á porta vendo polo rabo do ollo como miraba ostensiblemente a hora no seu reloxo. Non lle fixen caso e cheguei á parada do bus, pero pasaba o tempo e non aparecía ningún. Entón botei a andar, case a correr, para ir a Monte Alto, á miña casa, no outro extremo da cidade. Corría apresurado e chegaba ó pé do Monte Alto, por certo un monte moi alto, rodeado por unha alta muralla ameada e cun enorme castelo na cima, o cal me enchían de estrañeza por me resultar totalmente descoñecido. Hai que ver canto cambiou o barrio desde que non veño por aquí, pensei, non sei se darei atopado a miña casa.

 

Acto seguido víame na vivenda dos meus pais. Parecía deserta, pero non: a miña nai estaba no seu cuarto, deitada no leito. Ó me ver díxome que me ía poñer o almorzo. Eu protesteille: que non, non tiña tempo; pero ela facíame esperar, dicía que axiña sairía meu pai do cuarto de baño para vir con nós. Finalmente saímos os tres á rúa, pero eles andaban moi amodo, seica meu pai ía canso. Entón vin pasar un tranvía acolá embaixo, pola beira do mar. Vouvos deixar, díxenlle ós meus pais; xa me é moi tarde e preciso coller ese tranvía. Miña nai díxomo que por aí non se ía ó meu traballo, que debía atravesar ós Cantóns e alí coller un bus. Seguimos andando pouco a pouco os tres. A min comíame a impaciencia e forceinos a se iren sentar á terraza dun café no Orzán.

Xa na Mariña sentía tanta fame que entrei nun bar para tomar algo e calmala un pouco. O local estaba deserto. Detrás da  barra había dúas camareiras que empezaron a contarme non sei que cousa mentres eu lle poñía présa. Sen me decatar de se tomara algo ou non deille a unha delas un billete para me cobrar e ela marchou ó interior polo cambio mentres a súa compañeira seguía a me contar non sei que historia da que non entendía nada.

Transcorría o tempo e eu alí parado coma un babión. O xefe esperaríame na porta da oficina para poñerme as peras a cuarto. E mentres a camareira me falaba, a súa compañeira non saía a me traer a volta do billete con que lle pagara a consumición. Díxenllo á faladora, quen me respondeu que a compañeira marchara, xa rematara o turno.

Eu fervía e non fumeaba polo chaparrón que me ía caír na oficina, e ademais aínda tiña que escribir hoxe mesmo a miña colaboración para OS CHANZOS e nin sequera se me ocorría nada de que tratar. Entón a camareira foi ó interior para me traer a volta, pero regresou e díxome que na caixa non había ningún billete de cincuenta euros, o cal seica lle dixera eu que llo dera á súa compañeira para me cobrar. Eu cada vez máis angustiado: ¡Vanme botar do choio e ademais teño sen escribir a colaboración para OS CHANZOS!...

Como ela se encollese de ombros, xa sen saber o que sería mellor, marcheime sen máis. ¡Voume! ¡Voume porque estou vendo que hoxe a miña colaboración para OS CHANZOS non vai saír!

Perdóenme vostedes, señores, pero non vai saír.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario