Xa está aquí un novo ano e coma todo o novo cargado de bos desexos e esperanzas, pero iso aínda non arredou o medo que nos deixou no corpo a dura experiencia pasada. E aquí non vale de nada ser dos da media botella chea ou baleira, todo depende de se está baixo a billa ou co bico tumbado, do que sae da billa ou do que se verte polo bico, así que, como dicía alguén, vexamos como sopra o vento para saber cara onde poñer o paraugas. E niso se basea a resolución de todos os problemas, primeiro ter moito sentidiño e logo observar e analizar antes de decidir e dar nada por feito.
Concordamos en que non paga a pena correr riscos innecesarios, que as festas de hoxe poden ser as penas de mañá. Xa pasamos estes días celebrando reunións familiares por video-conferencia. Sen medo, só por precaución, para avanzar e deixar atrás ese mal ano. E aínda que o porvir se amosa cheo de esperanza, entre o medo e o risco os oficios que máis proliferan en tempos de crise son os dos adiviños afeitos a adular para gañar clientela. Profesionais, afeccionados ou charlatáns de parladoiro que de todo saben e para todo teñen resposta, uns prognosticando isto e outros o contrario, e así como non lle facemos caso a aquel presidente que dixo que a vacina do COVID podía converternos en crocodilos, tampouco imos crer que todo vai rematar tan só por pasar a folla do calendario.
Aí andaba este día Xulio prevíndonos contra os falsos profetas, se é que algunha vez houbo algún que fose verdadeiro. Lembrábanos un cadro titulado A boa ventura, do pintor francés Georges de La Tour, onde un rapaz imberbe, pero vestido coa elegancia dun nobre atende ós prognósticos dunha bruxa. Un deses mozos acostumados a pensar que o mundo e os camiños da vida son igual de seguros e cómodos que os seus fogares, un deses rapaces que nunca viron o perigo e por iso non lle temen, seguros da súa saudable idade e da fortuna que os ampara. Un deses mozos cuxa experiencia vital se reduce a ter escoitado algunha vez as aventuras dun farfallante militar retirado e pensan que eles non son menos. Ese rapaz do cadro ten mirada de soberbia e desconfianza cara a vella que lle está botando as sortes a troco dunha moeda, como se a sorte e boa ventura estivese en función do valor pagado, sen se decatar de como por detrás lle están cortando a cadea de ouro con medalla que leva colgada do cinto como símbolo de distinción.
Non nos pase a nós que engaiolados coas palabras, por dicirnos o que queremos oír, baixemos a garda e nos deixen sen escapatoria. Total, que ía sacar en limpo aquel adolescente das palabras da adiviña? Á fin esa, coma todos os expertos en embelecar, en pro ou en contra, sempre saben adular ós incautos e deixalos sen a moeda pero con moita fantasía na cabeza. O malo é que pagar por palabras non é pagar por realidades. Por iso, como Xulio di, nada é doado nin imposible, entre o medo e o risco sempre hai un punto de equilibrio, pero que nolo sinale quen realmente sabe de que vai a cousa, non vaia ser que por soberbia propia ou allea fiquemos un ano máis a velas vir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario