luns, 25 de xaneiro de 2021

Andando o camiño (I)

        ANTES DE INICIAR O CAMIÑO

Por Pepe de Rocaforte

         

Saint Jean Pied de Port, ponte sobre o rio Nive.


   

            No ano 2001 un grupiño de cinco animosos deportistas dispuxémonos a facer o Camiño de Santiago desde Saint-Jean-Pied-de-Port ata a catedral compostelá. Iniciamos a viaxe nA Coruña o día 16 de maio, no tren que saía paréceme que a eso das nove da tarde en dirección a Barcelona. Chegamos a Castejón na madrugada do Día das Letras Galegas e alí tivemos que esperar unhas catro horas para enlazar con outro tren que nos levase a Pamplona. Non sabiamos como pasar tanto tempo de espera a aquelas alturas da madrugada e preguntámoslle a un garda de seguridade da estación, quen nos indicou que a uns trescentos ou catrocentos metros, nas primeiras casas da localidade, había algúns bares abertos toda a noite e alí a espera sempre nos sería máis cómoda.

            Agradecémoslle o consello e alá fomos meternos nun bar deserto no cal, a falta de mellor cousa, sen ánimos para mirar a televisión, puxémonos a xogar ó tute mentres tomabamos uns cafés que nos impedisen quedar durmidos de pé.

            Cando a eso das seis e media ou sete da mañá empezaron a entrar algúns outros clientes, xente que viña botar algo gorxa abaixo antes de entrar ó traballo, pareceume que empezabamos a nos desprender do noso mundo para meternos de cheo na aventura, mentres eramos obxecto dunha inspección escasamente disimulada por parte dos seareiros que debían estar a se preguntar se non estariamos un pouco mal do chícharo para botar toda unha noite xogando ás cartas no bar.

            En fin, a eso das oito da mañá chegou o tren que nos depositaría hora e pico máis tarde na estación pamplonica, onde a mellor perspectiva que se nos ofrecía era a de nos adentrar nunha visita turística á cidade, como así fixemos ata eso das cinco ou seis da tarde, hora en que saía un autobús para Roncesvalles. Logo, xa ó pé dos Pirineos e ó lado da parada do autobús, vimos un grupo de taxis presumiblemente dedicado ó traslado de peregrinos á localidade francesa de Sain-Jean, de modo que, sen máis espera, collemos un para nos levar ó outro lado da raia.

            Así foi como chegamos ó verdadeiro punto de saída para a nosa “aventura”. Pero antes de iniciar o relato de como levamos a cousa a partir de alí, paréceme correcto informar ós posibles lectores desta especie de diario de viaxe que entón me dediquei a escribir sobre a marcha cada un dos días que durou a excursión: nesta relación de incidencias diarias, non me dedicarei a describir con maior ou menor detalle os monumentos pola beira dos cales pasamos ó longo da viaxe; non me sinto coa preparación suficiente para facer unha guía dese tipo, por outra parte doada de atopar en calquera librería, e máis neste Ano Santo que o Papa Bergoglio tivo a bondade de nos ofrecer por duplicado para darnos tempo de entrar pola Porta Santa da catedral xacobea sen ter que queimar etapas á carreira, nin nos preocupar polo tempo que poderiamos tardar en chegar a Santiago.

             (1ª Etapa).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario