Queixábase a matemática e divulgadora científica Clara Grima, durante unha entrevista, porque ninguén coñece a ningún matemático famoso. E claro está que sen un Messi das matemáticas pululando polos “Mass Media”, ningún adolescente vai apreciar os caneos dunha ecuación. Tal vez falten referentes, no só nesta materia, senón en todas as ramas da ciencia, a pesares de que hai varias películas sobre a vida dalgún que outro científico, máis famoso a nivel popular polos seus conflitos persoais ca polos éxitos ou propósitos de investigación.
Di o amigo Xulio que se a ciencia tivese nos xornais a metade de espazo que ten a crónica de sociedade, seguramente habería máis mozos interesados por coñecer os últimos resultados de LIGO ou do CERN e menos por quen é a nova moza de non sei quen. Un pouco máis de espazo dando conta das recentes publicacións e avances nestes campos e seguramente habería unha cultura máis crítica ante eses espectáculos que converten a ciencia nun misterio para atrofiar as mentes con temas que tantas veces aparecen convertendo algún descubrimento nun enigma insondable e inintelixible antes ca no resultado dun traballo longo e constante. Di o amigo Xulio que faltan referentes e falta motivación de parte a parte. Cansan os profesores de repetir que dous máis dous son catro e abúrrese o alumnado de ter que chapar a fórmula do clorato potásico para sacar un cinco nesta avaliación sen saber para que sirve o susodito ou como se usan esas leis e teoremas que tantas veces aprendemos de memoria pero non sabemos como se aplican na vida diaria. As cousas apréndense cando gustan e gustan cando sabemos andar con elas. Segue dicindo o amigo Xulio. E tamén di que a cultura como tal abrangue tanto a letras como a ciencias.
Sempre nos marabillou saber que o pintor Dalí chegase a facer viaxes unicamente para que un físico estadounidense lle explicase iso do tempo e o espazo.
O amigo Xulio di que agarda polo día en que realmente nos sintamos avergoñados daquela desafortunada frase de “Que inventes eles”, e non vería mal que ciencias e letras se coordinasen, que un profesor de física, cando está explicando as leis de Newton, recomendase algúns parágrafos do libro Da terra á lúa de Verne, para comentar os erros que o autor comete ou que visen A guerra das galaxias, para descifrar a cantidade de incorreccións e incongruencias con que se engalana unha película tan fermosa, onde os efectos especiais suplantan a realidade. E do mesmo modo, gustaríalle que o profesor de literatura, coordinado co de bioloxía, lles explique por que o doutor Hurtado de A árbore da ciencia, de Baroja, manda abrir as fiestras da habitación dun doente acatarrado.
Porque as ciencias, segue dicindo o amigo Xulio, non son un xogo pero pódense aprender xogando. Por que baila unha buxaina, cal é a reacción de dúas bolas ó chocar, como manexar un patinete movendo a cadeira ou onde golpear o balón para que a parábola engane ó porteiro ten a súa explicación nas ciencias.
As leis e fórmulas de Newton ben entendidas, en opinión de Xulio, poden ser tanto ou máis fermosas que as Rimas de Bécquer e operar o mesmo interese nun adolescente.
Tamén di o amigo Xulio que non se trata de que todos os estudantes saian científicos, pero si de que se interesen por entender como funciona o mundo que os rodea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario