luns, 7 de xuño de 2021

FACENDO O CAMIÑO (15/2)

DE FRÓMISTA A CARRIÓN DE LOS CONDES

Pepe de Rocaforte

 


  Continuación do día 31 de maio –    A ruta transcorre agora pola beira da estrada C-980 e cando levamos cousa de dous quilómetros andados oímos ás nosas costas a bucina dun coche que nos pita con insistencia. Virámonos e vemos un taxi, un “Mercedes” negro, no cal veñen Jaime, Fernando e Luís, que nos berran e acenan cos brazos, “imos preparar o xantar máis adiante. Vémonos logo”. Moi ben, dicímoslle, pois ata logo. E deixámolos ir. Cando pasamos por Población de Campos, onde supoñemos que fican cociñando os tres colegas, decidimos proseguir a marcha, porque a estas alturas temos poucas ganas de xolda e  o malo desta, por outra parte boísima, xente é seren uns liantes. Se nos deixamos guiar por eles non sei se arribaremos a Compostela antes dun par de meses.

Son case as dúas da tarde cando chegamos a Villalcazar de Sirga, cunha  impresionante igrexa, baixo a advocación de Santa María a Branca. Este templo gótico do século XIII, rodeado, como a galiña polos pitos, polas escasas casiñas da vila, parece tan grande el só coma o resto da poboación xunta, e conta cunha  abondosa e literaria historia, desde as cantigas de Afonso X ó romance de Don Gaiferos de Molmartán.

Xantamos non lonxe da igrexa, no “Mesón de Pablo”, entre fotos de Lina Morgan, do mesoneiro acompañado polo presidente Aznar, e moitas outras con personaxes e personaxiños da mesma corda, que dan idea das preferencias políticas do pousadeiro. Non sentimos dor ningunha cando no cambio, ó pagarmos, nos devolven mil pesetas de máis. Non pasa nada, o aspecto desta casa di con claridade que teñen pasta suficiente, e coa caixa que fan a diario nin sequera se darán conta da diferencia. Certo tamén que cando nos decatamos do caso xa sairamos do local e non ía ser cousa de volver atrás por semellante minucia.

Despois de xantar achegámonos ó albergue onde, por un letreiro na porta, temos coñecemento de que non abre ata as cinco da tarde. Vai unha calor de canícula, así que buscamos a sombra duns pinos nun pequeno xardín á beira da igrexa, ou basílica, para desfrutar dunha pequena sesta. A mesma idea tivérona unha parella que se achega a confraternizar con nós. Son unha rapaza belga, que lle tira fotos e máis fotos á igrexa, e un “sevillano-francés” –así se nos presenta o colega–, con aspecto de hippy, ou bohemio, de longa melena e roupa esfarrapada, que camiña cun can, unha guitarra e unha flauta. Agora mesmo tampouco lembro o seu nome.

A Inma dálle mala espiña o mozo. Eu dígolle que son prexuízos tontos, pero ela non acaba de se convencer e insiste en que para evitar unha maior intimidade o mellor será proseguirmos a marcha. Por unha parte paréceme ben: sempre teremos máis cousas que ver en Carrión que aquí, onde xa coñecemos a igrexa doutra visita anterior. Pero, pola outra parte, facer agora seis quilómetros a pleno sol, co risco engadido de chegar a Carrión a unha hora na que será máis difícil atopar praza no albergue, tírame un pouco para atrás.

Chamo por teléfono ó albergue de Santa María del Camino e pregúntolle se aínda teñen prazas libres. Explícolle que estou en Villasirga e teño medo de arriscarme a chegar alá e non atopar onde durmir. Respóndenme que aínda hai unhas doce liteiras libres e eso acaba de nos decidir a soportar a panchada de sol pola beira da estrada.

A eso das cinco e cuarto chegamos a Carrión de los Condes. Nesta etapa despachamos corenta e cinco quilómetros no día, a distancia máis longa que percorremos nunha soa etapa do camiño e que non está nada mal para deixarnos un tanto baldados, pero que a Inma lle serve para lavar a mala conciencia arrastrada desde a etapa Navarrete-Nájera, de tan só catorce quilómetros, onde nos pasamos de preguiceiros e perdemos un día.

No albergue atopámonos con Naoba e Lucia, as dúas brasileiras que levaban uns cantos días camiñando por diante de nós (precisamente desde o día anterior a Navarrete). Pregúntolle por Manolo, o valenciano, de quen Marichu me dixera que ía en compaña de Naoba, e esta dime que efectivamente era así, pero el vai moi apurado e ó non lle poder seguir o ritmo hoxe ela ficou aquí mentres el proseguía ata Calzadilla de la Cueza. Tamén encontraremos a Manuel, o brasileiro fortachón que viaxa acompañado dun mozo australiano, quen seica tivo problemas en Burgos, onde sufriu un ataque epiléptico; pero xa está recuperado e, como di o brasileiro: “tudo vai óptimo”.

Á tardiña, de paseo pola vila, atopámonos co “sevillano-francés” do can e a guitarra. Camiña só, sen a compaña da rapaza belga. Pregúntolle como lle vai e di que anda buscando onde durmir, porque no albergue non o deixaron entrar co can e daquela marchou. Tamén nos encontramos con ¡Fernando, Jaime e Luís!, que finalmente viñeran cociñar aquí o año. Están no convento das monxas e, xa que non quixemos quedar a xantar con eles, convídannos agora a ir cear , porque lle sobrou máis da metade da comida. Non nos queda máis remedio que aceptar, merco por tanto unhas botellas de viño e alá marchamos onda eles.

No comedor das monxas atopámonos coa máis variopinta colección de peregrinos raros nunca vista ata agora, entre eles a moza belga da máquina de fotos a quen viramos en Villalcázar de Sirga. Pregúntolle como deixou marchar só ó seu colega e ela encolle os ombros, seica lle deixaban ter o can no garaxe, pero el empeñouse en telo onda si no dormitorio, ou nada, así que alá el.

Do resto, pegámonos unha opípara cea a base de año á burgalesa, ben regado por un tinto Rioja que nos deixou xusto a punto para pasar unha boa noite, a pesar do alboroto dun grupo de americanos, que debían estar un tanto colocados, empeñados cos seus berros en non deixar durmir ós restantes seareiros do albergue.

 (Etapa 16)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario