mércores, 2 de xuño de 2021

UNHA APROXIMACIÓN A CASANOVA

Por Pepe de Rocaforte

     

            Como eu non sabía practicamente nada sobre Giacomo Casanova, penso que a moitísima xente lle pode pasar o mesmo. Seguramente estou equivocado, pero por se houbese alguén desexoso de ler algo máis sobre el, pareceume que non estaría mal reproducir algunhas historias desta personaxe, botando man de fragmentos do prólogo de David J. Renom a de “La última aventura de Casanova”.

Casanova chegouse a converter nun gran sibarita, hasta o punto de que, alá por 1754, nas súas relacións amorosas cunha relixiosa, amante tamén do embaixador de Francia en Venecia, os praceres da mesa foron un complemento fundamental dos da cama: «O servizo era de porcelana de Sèvres. Oito pratos cociñados compoñían a cea, postos nuns recipientes de prata cheos de auga quente que conservaban os alimentos á temperatura adecuada. Era unha cea exquisita e refinada.» Casanova sospeitaba que detrás de todo ese refinamento estaba a man do embaixador francés, quen desfrutaba instruíndo á relixiosa e poñendo á disposición destas veladas 0 seu equipo de cociña, composto por un panadeiro, un xefe de cociña, un axudante e un especialista en asados, que viaxaron con el a Venecia. E non só eso, o señor de Bernis, despois de coidar todos os detalles destes festín, gozaba das mesmas axexándoos desde un agocho.

Tamén en Venecia Casanova cortexaría á muller do gobernador de galeras, iniciando os seus primeiros voos de altura. Pero, aínda que xa apuntaba unha ousadía e unha paixón polo risco que o levaría ó longo da súa vida a se lanzar ás maiores aventuras, disposto a ganalo ou perdelo todo sen vacilar. Pero daquela só era un aprendiz. A súa atracción pola esposa do gobernador era a dun adolescente, e aquela muller en quen creu ver «algo sobrenatural e tan por riba de todas as mulleres que coñecín ata entón, que non me tería importado namorarme...», riríase del cando o mozo se atreveu a trinchar un pavo asado e, descoñecedor das normas que rexen para esta arte nas altas esferas, organizou unha carnicería. «Miroume e díxome que, se non estaba seguro de trinchalo como mandan os canons, non me debía ter entremetido. E como eu non souben que contestar, púxenme corado, senteime e empeceina a odiar.»

Sabía tocar aceptablemente o violín e decidiu incorporarse á orquestra dun pequeno teatro. «O meu emprego non era nobre, pero non me importaba (...) Non renunciara a acadar fortuna e podía esperar que chegase. ¡Eu era novo!»

A súa vida en Venecia, daquela, era unha vida sen releve. Dedicábase a frecuentar casas de mala nota e garitos barriobaixeiros. O seu irmán e algúns compañeiros do teatro e da orquestra acompañábano nas súas correrías. Divirtíanse facendo trasnadas de todo tipo: desatar as góndolas para abandonalas a mercede da corrente, subir ós campanarios para tocar a rebato...

Un día levaron a súa ousadía demasiado lonxe e, a non ser pola colaboración da súa vítima, poderían ter dado cos ósos no cárcere, acusados de secuestro e violación.

Daquela Casanova empezou a utilizar un novo instrumento como importante recurso. Empezouse a interesar pola alquimia, a cábala, a astroloxía. Atraeuno todo o relacionado co ocultismo, os rosacruces e os círculos infernais. O seu interese non ía máis alá do de utilizar eses coñecementos para se lucir nos salóns ou estafar ós incautos. Como tafur posuía unha gran axilidade para realizar os cálculos máis complicados en poucos segundos. Adquiriu a psicoloxía do xogador e sabía adiviñar as inquietudes e as reaccións das persoas que acodían a el en busca dunha resposta. El mesmo inventou un complicado sistema de números e correspondencias alfabéticas que lle permitían obter a resposta desexada ó seu antollo. Ó conde Medini predíxolle un desenlace fatal en Inglaterra e, efectivamente, o conde morrería nunha prisión de Londres. No caso de Anne Roman-Couppier, a quen se esforzaba en seducir e acabaría seducindo, trazoulle un horóscopo no que profetizaba que chegaría ser amante de Luís XV. E vaticinoulle que, con a penas dezaseis anos, tería un fillo produto dese romance que Luís XV chegaría a lexitimar como príncipe.

Con todo o asombro que poida causar esta historia, Anne Roman, a quen se coñecería en Versalles como a baronesa Meilly-Coulonge, alcuñada “a grande”, deu a luz un fillo o 13 de xaneiro de 1762, que sería a causa das súas desgracias, pois a intervención da Pompadour para evitar que o neno fose lexitimado e cortar a influencia que Anne tiña sobre Luís XV, levaría ó monarca a encerrala nun convento e manter ó fillo no anonimato.

Deste asunto Casanova non sacou maior beneficio que uns días de pracer con Anne. E o mesmo se pode dicir doutro caso, o de Justinienne Wynne, tan chusco como escandaloso (unha denuncia obrigaría a Casanova a irse París) no que convenceu á moza inglesa que, se desexaba abortar, teríase que aplicar na matriz un ungüento cuxa fórmula fora extraída dun texto de Paracelso, agregando el da súa propia colleita que o ungüento tíñase que mesturar con seme no mesmo momento da aplicación, para o cal  posuía el o instrumental adecuado.

E paro aquí, porque penso que como aproximación á personaxe xa está ben.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario