martes, 3 de febreiro de 2015

DISTINTOS PUNTOS DE VISTA



Por Pepe de Rocaforte
  
          A raíz do comentario en que citaba o atentado á revista “Charlie Hebdo” falaba cun amigo sobre as reaccións e as diferentes informacións encol dalgúns determinados feitos segundo se contemplen desde un ou outro lado.
            Así observamos a indignación xerada por un atentado levado a cabo por extremistas islámicos e tal vez non vemos a situación de xeito similar cando o feito se produce por obra de extremistas católicos. O meu amigo citábame neste caso o atentado, afortunada e casualmente sen consecuencias mortais, ó Teatro Alfil de Madrid en febreiro de 2006, cando un descoñecido non identificado puxo unha bomba ó lado do camerino do actor italiano Leo Bassi pouco antes de empezar a representación de “La Revelación”, onde se poñía en solfa á Igrexa Católica.
            Si, efectivamente, non pasou nada. Pero de non ter sido pola intervención do controlador da sala, alertado polo comportamento estraño dun descoñecido, un home duns cincuenta anos que se deu inmediatamente á fuga, ¿cales non poderían ter sido as consecuencias nunha sala ocupada por douscentos espectadores?

            O home desapareceu e non se sabe de ningunha investigación para identificar o autor do intento de atentado. Todo quedou nun suceso sen importancia sobre o cal non se considerou necesario remexer máis.
            Agora, nestes días pasados tamén se comentou con certa indignación o proxecto das autoridades turcas de converter o templo de Santa Sofía de Istambul nunha mesquita musulmá. E casualmente, polas mesmas datas, sae a luz que o Bispado de Córdoba aproveitando, nunha xogada de “trilero”, dous artigos da Lei Hipotecaria, reformada en 1998, durante o goberno de Aznar, gracias á cal se permite á Igrexa (só á Igrexa) inscribir a seu nome, sen publicidade e sen pagar impostos, lugares de culto non rexistrados anteriormente a nome de ninguén. Deste modo a Igrexa fíxose tan lindamente coa propiedade do monumento.
            ¿Observamos a diferencia entre un e outro feito? ¿E tomámolos da mesma maneira? Aí queda a interrogación.

luns, 2 de febreiro de 2015

PRESENZA



Por Pura Tejelo
                                                        Ilustración de P. Losada


O sol pregouse no serán.
As ondas fuxían con violencia da praia
e voltaban a dentadas
devorando o seu espazo lunático.

Encarámase a montaña
coa súa crista verde
e raña un raiolo que lisca
en xolda,
galo no mencer,
entrando na miña alcoba
como un corpo coñecido,
cando os ollos azuis da noite
espreitan sons que eu reclamo.

( De diálogo da Montaña e o Sol)

Aves anunciadoras de vida


Cando a candeloria ri o inverno vén aí, porque o ceo libre de nubes non retén a calor do chan e o frío faise máis duro; e cando a candeloria chora as nubes do ceo son como unha manta que nos cobre, con auga, pero cóbrenos evitando que a pouca calor que haxa fuxa, por iso este é un tempo de alegría nas aves e das primeiras flores das plantas.
Xa andan os paxariños piadores, din que esta é a data na que eles casan, ou polo menos, agora en que os matrimonio perderon popularidade, é cando se arriman, cando buscan unha boa pola onde aniñar e traer ó mundo a súa prole. E ó largo deste mes, que leva o nome dun dos deuses da morte, a evocación á vida está no santoral, nos rituais, e ata nesta sepultura onde unha pomba evoca a vida tras a morte. 
Xa temos falado neste caderno da simboloxía das aves, pois aquí está tamén evocando que tras a morte hai unha nova vida, unha resurrección, que a alma do finado, que no imaxinario popular ten os atributos dunha pomba cando foi boa persoa, segue viva a pesar de todo.

domingo, 1 de febreiro de 2015

Febreiriño corto


Aquí está este novo mes, o febreiriño curto, cos seus días vinte e oito, que se durase máis catro non quedaba can nin gato. Un mes con nome dun dos deuses do averno, deus da morte, porque este é un dos meses máis mortíferos do ano, pero tamén da purificación dos corpos, sobre todo cando chega ese ritual marabilloso das Lupercais que nós adaptamos ó noso Entroido, e a igrexa ó Carnaval. Aquela á festa de honra á natureza, de pedirlle pola rexeneración dos campos, estoutra o desenfreo previo á Coresma, ó xaxún e á penitencia. Dúas festas que coinciden nun tempo pero teñen distinto significado. Un mes no que as aves anuncian a vida e serán o símbolo central destes primeiros días, tanto no santoral como na tradición popular, mentres agardamos a entrada da primavera.

.-.-.

                                               A asiatización