martes, 3 de febreiro de 2015

DISTINTOS PUNTOS DE VISTA



Por Pepe de Rocaforte
  
          A raíz do comentario en que citaba o atentado á revista “Charlie Hebdo” falaba cun amigo sobre as reaccións e as diferentes informacións encol dalgúns determinados feitos segundo se contemplen desde un ou outro lado.
            Así observamos a indignación xerada por un atentado levado a cabo por extremistas islámicos e tal vez non vemos a situación de xeito similar cando o feito se produce por obra de extremistas católicos. O meu amigo citábame neste caso o atentado, afortunada e casualmente sen consecuencias mortais, ó Teatro Alfil de Madrid en febreiro de 2006, cando un descoñecido non identificado puxo unha bomba ó lado do camerino do actor italiano Leo Bassi pouco antes de empezar a representación de “La Revelación”, onde se poñía en solfa á Igrexa Católica.
            Si, efectivamente, non pasou nada. Pero de non ter sido pola intervención do controlador da sala, alertado polo comportamento estraño dun descoñecido, un home duns cincuenta anos que se deu inmediatamente á fuga, ¿cales non poderían ter sido as consecuencias nunha sala ocupada por douscentos espectadores?

            O home desapareceu e non se sabe de ningunha investigación para identificar o autor do intento de atentado. Todo quedou nun suceso sen importancia sobre o cal non se considerou necesario remexer máis.
            Agora, nestes días pasados tamén se comentou con certa indignación o proxecto das autoridades turcas de converter o templo de Santa Sofía de Istambul nunha mesquita musulmá. E casualmente, polas mesmas datas, sae a luz que o Bispado de Córdoba aproveitando, nunha xogada de “trilero”, dous artigos da Lei Hipotecaria, reformada en 1998, durante o goberno de Aznar, gracias á cal se permite á Igrexa (só á Igrexa) inscribir a seu nome, sen publicidade e sen pagar impostos, lugares de culto non rexistrados anteriormente a nome de ninguén. Deste modo a Igrexa fíxose tan lindamente coa propiedade do monumento.
            ¿Observamos a diferencia entre un e outro feito? ¿E tomámolos da mesma maneira? Aí queda a interrogación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario