mércores, 6 de maio de 2015

Contra a dor de moas



Desde que chegou o tabaco e se correu que unhas febras na moa aliviaban a dor, algúns aínda foron substituíndo outros remedios que, a pesar de todo, e aínda que non sempre servían, deixaban un pouso de esperanza, tal o de enxugar a boca con augardente, con auga salgada á que se lle botou unhas gotas de vinagre ou viño quente con graxa de porco.
E cando o remedio non funcionaba, a santa a quen se lle pedía alivio molar, como xa temos comentados neste caderno era santa Apolonia. Pero outras veces cambiábase de santo e a cura ou o alivio viña rezándolle sen trabucarse  a san Clemente:
Estaba san Clemente
nunha pedra sentado,
e chegou a Virxe preguntando:
-¿Que estás facendo Clemente?
-Señora estou morrendo por moas e dentes
-¿Ques que chas bendiga, Clemente?
-Si, Señora, de moi boa mente.
-Pois eu chas bendigo polo arrecido,
e o sol raiante, por sandador e roedor
que che volvan ó bon amor
como foi a lanzada
de Lonxinos ó Noso Señor.
Outro remedio de parafarmacia, claramente escatolóxico era o uso de excremento de neno secado ó sol, que se mete no furado da carie.
Mais nestas andainas que periodicamente facemos polo país, atopamos no Museo Etnográfico de A Fonsagrada un corno que os paisanos queimaban cun ferro arrubiado, preto da boca do doente, para que o fume desprendido aliviase a dor da dentame.

martes, 5 de maio de 2015

As invocacións por escrito



     
            E tamén desde este caderno e nesta época de tensión académica, queremos lembrar a todo aquel que esta a punto de enfrontarse a un ou a un feixe de exames. A tensión destes días, os apuros de última hora, os litros de café e tantos e tantos remedios que, moitas veces, en vez de axudar aínda xeran máis estrés. Pois aí tendes na universitaria Compostela ó Cristo orando, que se venera na capela da Corticela a quen os estudantes lle deixan papeliños coa solicitude do que desexan, ou sexa, por medio da palabra escrita, desde a axuda para aprobar unha materia ata agradecerlle o favor de ter pasado algún exame.

Casos como o desta imaxe de Xesús non son únicos, que tamén se fai o mesmo co san Torcuato de santa Comba de Bande ou co santo Andrés de Teixido, para solicitarlle ás máis estrañas cousas, neste caso postos os recados dentro de bolsas de plástico, para protexelos contra a furia do vento mariño, pois déixanos colgados nun arredor próximo ó santuario, entre as silveiras e nos mesmo arames divisorios da finca.
                                         Tabellae defixiorum
Mais saiban os lectores deste caderno, que isto non é novo nin único do cristianismo, pois tamén os romanos tiñan esta afección a deixarlle recados escritos ós seus deuses, nas Tabellae defixiorum, ás veces enterrando as láminas na area do circo, procurando a axuda divina nas loitas de gladiadores, e outras tratando de subornar ós deuses para que mediasen na consecución dalgún logro, xa fose o favor dunha doncela ou o dun xuíz nalgún preito.

luns, 4 de maio de 2015

Consellos a unha embarazada (e VII)



O bautizo prenatal

           E finalmente, cando se teme algún perigo que impida que o neno poida nacer (aínda despois de que nazan pitos e cuxos na casa), xa porque a nai non logrou ningún fillo en anteriores embarazos, ou xa porque teme que algunha enfermidade lle afecte ó crío, aínda queda o remedio do bautizo prenatal, ou o bautizo ó neno cando aínda está no ventre da nai.
            Un bautizo prenatal ten un poder apotropaico indiscutible, e debe facerse ás doce da noite, e nun cruce de camiños ou nunha ponte que teña algunha imaxe santa nel ou preto, tal un cruceiro nun dos lados, evitando sempre que mentres se agarda ou efectúe o rito pasen animais, pois daquela queda invalidado todo o ritual e haberá que volver ó día seguinte.  E a muller debe ir acompañada, a ser posible de varóns da familia, aínda que tamén poden ir mulleres, cunha pota onde haxa auga recollida en sete fontes diferentes, muíños ou regatos. E agárdase á primeira persoa que pase, porque esa persoa que trae a casualidade representa a fortuna, e invítase a participar no bautizo preguntándolle. “¿que se lle fai ós presos?”, ó que o camiñante ha de responder “libéranse”, e entón dáselle unha tesoura para que corte unha cinta atada sobre o ventre da embarazada, e logo con esa auga bendícese o ventre “bendígote no nome do Pai do Fillo e do Espíritu Santo, para que se arrede o mal desta criatura”, e os anacos da cinta e os restos da auga bótanse ós catro camiños da encrucillada ou a ambos lados da ponte, segundo o caso.
            De no cumprir estes requisitos ou non pronunciar as palabras ó dereito o bautizo non vale e haberá que volver outro día.
            Esperemos que con estes consellos que a nosa tradición nos reserva, a miña amiga Amparo leve un bo embarazo, e máis adiante xa lle contarei das precaucións a ter en conta de cara ó parto e ós primeiros momentos do recén nado.

venres, 1 de maio de 2015

Maio Maiolo

                 
Maio Maiolo, maio tolo, que os romanos tiña baixo a advocación de Maia, a santa que se preocupaba de que a vexetación medrase, a que tomaba o relevo de Flora, e será por ela que xa vemos os campos plenamente florecidos, e onde a flor se perde xa o froito apunta. Xa hai cereixas e os toxais medraron en todas as abas montesías. Polos camiños da terra o verde dos campos tínxese de amarelo e semella que outra luz máis viva nos invade, sen embargo, atentos ó refrán maio tamén é medio tolo.
            Entramos nun mes onde o santoral nos fala da floración, da esperanza, da forza da vida, e aínda que o refraneiro nos diga que “a choiva de maio é a mexadiña dun rato”  haberá que ver o rato, porque tamén se di que “en maio aínda bebe o boi no prado”, ou que “maio chuvioso verán caloroso”, e como nunca chove a gusto de todos tamén o “maio ventoso para o labrador fermoso e para o mariñeiro desastroso”. Sen esquecer que “en maio aínda a vella queima o tallo”. Refráns que nos advirten para que non demos por feito que o verán xa está aí, ás portas, ou para que non nos enganen as horas de sol.

            En fin, que entramos nun mes de días longos e de moita luz, por iso os pobos celtas, que só tiñan dúas estacións, facían coincidir co primeiro de maio a Belteine, a festa da luz, ou a entrada ó verán, en que se adornaban as casas con flores e acendíanse grandes fogueiras nos outeiros, arredor das que se danzaba seguindo o sentido do movemento do sol (de esquerda a dereita e mirando ó sur). E nós adaptamos o significado deste festexo, coa festa dos Maios, que enche as vilas de adornos florais, e coa enxebre tradición que aínda se mantén na Barbanza, onde se colocan xestas e toxos en flor nos parachoques dos coches, como antes se poñían nas proas das embarcacións e nos carros.

            E permitídeme, xa que de refráns falamos, que vos deixe un refrán que case sempre acerta: “Sempre polo san Murguía, chove arredor do seu día”. Téndeo en conta os que ides celebrar o Día das Letras ó aire libre, que polo menos en Oseiro e no Froxel, a súa terra natal, non falla.