Maio Maiolo,
maio tolo, que os romanos tiña baixo a advocación de Maia, a santa que se
preocupaba de que a vexetación medrase, a que tomaba o relevo de Flora, e será
por ela que xa vemos os campos plenamente florecidos, e onde a flor se perde xa
o froito apunta. Xa hai cereixas e os toxais medraron en todas as abas
montesías. Polos camiños da terra o verde dos campos tínxese de amarelo e
semella que outra luz máis viva nos invade, sen embargo, atentos ó refrán maio
tamén é medio tolo.
Entramos
nun mes onde o santoral nos fala da floración, da esperanza, da forza da vida,
e aínda que o refraneiro nos diga que “a choiva de maio é a mexadiña dun
rato” haberá que ver o rato, porque
tamén se di que “en maio aínda bebe o boi no prado”, ou que “maio chuvioso
verán caloroso”, e como nunca chove a gusto de todos tamén o “maio ventoso para
o labrador fermoso e para o mariñeiro desastroso”. Sen esquecer que “en maio
aínda a vella queima o tallo”. Refráns que nos advirten para que non demos por
feito que o verán xa está aí, ás portas, ou para que non nos enganen as horas
de sol.
En
fin, que entramos nun mes de días longos e de moita luz, por iso os pobos
celtas, que só tiñan dúas estacións, facían coincidir co primeiro de maio a
Belteine, a festa da luz, ou a entrada ó verán, en que se adornaban as casas
con flores e acendíanse grandes fogueiras nos outeiros, arredor das que se
danzaba seguindo o sentido do movemento do sol (de esquerda a dereita e mirando
ó sur). E nós adaptamos o significado deste festexo, coa festa dos Maios, que
enche as vilas de adornos florais, e coa enxebre tradición que aínda se mantén
na Barbanza, onde se colocan xestas e toxos en flor nos parachoques dos coches,
como antes se poñían nas proas das embarcacións e nos carros.
E
permitídeme, xa que de refráns falamos, que vos deixe un refrán que case sempre
acerta: “Sempre polo san Murguía, chove arredor do seu día”. Téndeo en conta os
que ides celebrar o Día das Letras ó aire libre, que polo menos en Oseiro e no
Froxel, a súa terra natal, non falla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario