E tamén desde este caderno e nesta
época de tensión académica, queremos lembrar a todo aquel que esta a punto de enfrontarse
a un ou a un feixe de exames. A tensión destes días, os apuros de última hora,
os litros de café e tantos e tantos remedios que, moitas veces, en vez de
axudar aínda xeran máis estrés. Pois aí tendes na universitaria Compostela ó
Cristo orando, que se venera na capela da Corticela a quen os estudantes lle
deixan papeliños coa solicitude do que desexan, ou sexa, por medio da palabra
escrita, desde a axuda para aprobar unha materia ata agradecerlle o favor de
ter pasado algún exame.
Casos como o desta imaxe de Xesús non son únicos, que tamén se fai o mesmo
co san Torcuato de santa Comba de Bande ou co santo Andrés de Teixido, para
solicitarlle ás máis estrañas cousas, neste caso postos os recados dentro de
bolsas de plástico, para protexelos contra a furia do vento mariño, pois
déixanos colgados nun arredor próximo ó santuario, entre as silveiras e nos
mesmo arames divisorios da finca.
Tabellae defixiorum |
Mais saiban os lectores deste caderno, que isto non é novo nin único do
cristianismo, pois tamén os romanos tiñan esta afección a deixarlle recados
escritos ós seus deuses, nas Tabellae
defixiorum, ás veces enterrando as láminas na area do circo, procurando a
axuda divina nas loitas de gladiadores, e outras tratando de subornar ós deuses
para que mediasen na consecución dalgún logro, xa fose o favor dunha doncela ou
o dun xuíz nalgún preito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario