Desde que chegou o tabaco e se correu que unhas febras na moa aliviaban a
dor, algúns aínda foron substituíndo outros remedios que, a pesar de todo, e
aínda que non sempre servían, deixaban un pouso de esperanza, tal o de enxugar
a boca con augardente, con auga salgada á que se lle botou unhas gotas de
vinagre ou viño quente con graxa de porco.
E cando o remedio non funcionaba, a santa a quen se lle pedía alivio molar,
como xa temos comentados neste caderno era santa Apolonia. Pero outras veces
cambiábase de santo e a cura ou o alivio viña rezándolle sen trabucarse a san Clemente:
Estaba san Clemente
nunha pedra sentado,
e chegou a Virxe preguntando:
-¿Que estás facendo Clemente?
-Señora estou morrendo por moas e dentes
-¿Ques que chas bendiga, Clemente?
-Si, Señora, de moi boa mente.
-Pois eu chas bendigo polo arrecido,
e o sol raiante, por sandador e roedor
que che volvan ó bon amor
como foi a lanzada
de Lonxinos ó Noso Señor.
Outro remedio de parafarmacia, claramente escatolóxico era o uso de
excremento de neno secado ó sol, que se mete no furado da carie.
Mais nestas andainas que periodicamente facemos polo país, atopamos no
Museo Etnográfico de A Fonsagrada un corno que os paisanos queimaban cun ferro
arrubiado, preto da boca do doente, para que o fume desprendido aliviase a dor
da dentame.
Quero apuntar aquí que, en certa ocasión, estando uns amigos cortándolle os cornos a unhas vacas estabuladas, o que llos cortaba sentiuse mareado, e o dono das vacas, mandouno saír e tomar un pouco o aire, porque o pó desprendido de cortar os cornos era o causante dese mareo.
ResponderEliminar