O bautizo prenatal
E finalmente, cando se teme algún
perigo que impida que o neno poida nacer (aínda despois de que nazan pitos e
cuxos na casa), xa porque a nai non logrou ningún fillo en anteriores
embarazos, ou xa porque teme que algunha enfermidade lle afecte ó crío, aínda
queda o remedio do bautizo prenatal, ou o bautizo ó neno cando aínda está no
ventre da nai.
Un bautizo prenatal ten un poder
apotropaico indiscutible, e debe facerse ás doce da noite, e nun cruce de
camiños ou nunha ponte que teña algunha imaxe santa nel ou preto, tal un
cruceiro nun dos lados, evitando sempre que mentres se agarda ou efectúe o rito
pasen animais, pois daquela queda invalidado todo o ritual e haberá que volver
ó día seguinte. E a muller debe ir
acompañada, a ser posible de varóns da familia, aínda que tamén poden ir
mulleres, cunha pota onde haxa auga recollida en sete fontes diferentes, muíños
ou regatos. E agárdase á primeira persoa que pase, porque esa persoa que trae a
casualidade representa a fortuna, e invítase a participar no bautizo
preguntándolle. “¿que se lle fai ós
presos?”, ó que o camiñante ha de responder “libéranse”, e entón dáselle unha tesoura para que corte unha cinta atada
sobre o ventre da embarazada, e logo con esa auga bendícese o ventre “bendígote
no nome do Pai do Fillo e do Espíritu Santo, para que se arrede o mal desta
criatura”, e os anacos da cinta e os restos da auga bótanse ós catro camiños da
encrucillada ou a ambos lados da ponte, segundo o caso.
De no cumprir estes requisitos ou
non pronunciar as palabras ó dereito o bautizo non vale e haberá que volver
outro día.
Esperemos que con estes consellos
que a nosa tradición nos reserva, a miña amiga Amparo leve un bo embarazo, e
máis adiante xa lle contarei das precaucións a ter en conta de cara ó parto e
ós primeiros momentos do recén nado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario