mércores, 25 de agosto de 2021

A VOLTAS COAS LECTURAS

Por Pepe de Rocaforte

 

  

O outro día vin non sei onde un artigo que trataba de libros mercados para non os ler nunca. Ese, pouco máis ou menos, viña ser o seu título; ou tal vez non fose totalmente así, porque ó que en realidade se refería a autora (paréceme que era unha autora) eran eses libros que chaman a nosa atención nun determinado momento e aínda que nese momento non dispoñamos de tempo para llo dedicar, mercámolos e gardámolos á espera de que lle chegue a súa ocasión; ata que o paso dos días nos fai esquecer deles e aí quedan acumulando po para moito tempo ou tal vez para sempre. Non sei se a vostede lle ten sucedido algunha vez, pero a min sucédeme con moita frecuencia e coñezo a bastante xente á que lle pasa algo parecido.

Noutronte, por unha desas coincidencias que con certa frecuencia se dan na nosa vida -ata o punto de empezar a me parecer que non se trata de coincidencias absolutamente casuais-, remexendo por aquí e por acolá atopei unha moreíña de libros medio ocultos na traseira dun estante á espera da man que os liberase do esquecemento.

A cousa sucedeume cando andaba a voltas para axustar a distribución dos volumes ocupantes duns estantes non moi ben aproveitados, a fin de lle facer sitio a outros libros que quería cambiar de ubicación -traballo de artesanía, como se pode ver- e entón batín de mans a boca con esa colección de tomiños de aspecto humilde, mal encadernados, en papel de moi escasa calidade e case sen ningún atractivo material. Ata tal punto os tiña perdidos que nin me lembraba de os ter comprado. E en realidade non os mercara: tratábase duns libros cativos ofrecidos gratuitamente coa compra dun xornal, supoño que dos sábados ou domingos, hai cousa de trinta anos. Empeceille a botar unha ollada e, por contra do seu aspecto hipermodesto, os títulos eran unha verdadeira selección de calidade: Os “Cantares gallegos”, “Follas novas” e “En las orillas del Sar”, de Rosalía. “Queixumes dos pinos”, de Pondal. “Aires da miña terra” de Curros. “Cantigas medievais galaicoportuguesas”, seleccionadas por Luís Alonso Girgado. É dicir: o mellor da nosa poesía clásica.

Pero había tamén poetas máis actuais: Antonio Tovar; “Non / O vento no teu colo”; García-Bodaño, “Compostela”; Aquilino Iglesia Alvariño, “Escolma poética”; Avilés de Taramancos, “Antoloxía poética”; Bouza Brei, “Cabalgadas en Salnés e Poemas”; Claudio Rodríguez Fer, “A muller núa”; Darío Xoán Cabana, “Recolleita”...

En narrativa estaban Castelao, “Escolma”; Otero Pedrayo, “Contos de Santos e Nadal”; Vicente Risco, “Prosa varia”; Emilia Pardo Bazán, “Cuentos de Navidad, Año Nuevo y Reyes” e “Morriña”; Anxel Fole, “Á lús do candil”; Álvaro Cunqueiro, “Encuentros, caminos y noticias en el Reino de la Tierra”; Miguel-Anxo Murado, “Días impares e outros días”; Alfredo Conde, “Cubita, la Bella”; Suso de Toro, “Unha pouca cinza”...

Finalmente (non vou dar a relación completa) vin algúns títulos que me atraíron a atención; por exemplo, de Luciano García Alén, “O señor das olas, crónica de viaxes e outras historias”; de Carlos Mella, “O protocolo xaponés”; ou de Manuel Rabanal Álvarez, “Nebulosas y otros escritos”, o primeiro volume que empecei a follear da colección, porque os que somos leigos absolutos en materia filolóxica agradecemos que quen de verdade sabe, aínda que a veces vaia un pouco “sobrado”, nos explique, en plan divulgativo ó alcance de calquera, a orixe de certas palabras -esfollar, esfolar, debullar-; as ocasións en que se usa a preposición “a” entre o verbo e o complemento directo, e as que non; cando son máis correctas as finalizacións de palabras en “zon” (“granazón”, “nazón”), e cando é preferible o sufixo “ción” (“liberación”, “conxunción”). ¿E que dicir da toponimia? ¿Dos “Sangenjo”/”Sanxenxo”, dos “Rianjo”/”Rianxo”, sen esquecer o impresionante “Niño de la Guía”/”Niñodaguia”?


E o das disquisicións etimolóxicas, un terreo fabuloso para o desenvolvemento da imaxinación. A de “Rianxo”, por exemplo, que segundo o profesor Rabanal, un anterior rivi ángulu, deberíase transformar, de acordo coa normal evolución galega, en “Rianllo” ou “Riaño”. O detalle fíxome imaxinar o que moi ben puido suceder un día, alá contra fins da prehistoria, concretamente nun quinquenio en que tocaba evolución lingüística, e chegou á aldea o alcalde de barrio, de volta de Vilagarcía, a onde fora pagar os trabucos pola pesca da sardiña, coa orde de evolucionar o nome da aldea, que a partir de entón debía ser, segundo lle dixeran, “Riaño”. Pero daquela saltou o primeiro desconforme: «¿Como que Riaño? ¿E logo cando a virxe de Guadalupe vaia descalciña pola area, imos ter que dicir que “parece unha riañeira”? ¡De ningún modo!» «Ten razón Pomponio», opinou outro, «A min paréceme máis elegante dicir que “descalciña pola area parece unha rianxeira´”. É que non hai color». Entón todo o mundo concordou con arrandeos avaliativos de cabeza arriba e abaixo.

E así quedou. Rianxeira e, consecuentemente, Rianxo. Como pervive na actualidade, antes de  que un novo proceso evolutivo nos force a cambialo vai ti saber por que.

 

 

martes, 24 de agosto de 2021

FACENDO O CAMIÑO (24-2)


O CEBREIRO

Por Pepe de Rocaforte

 


Continuación do día 9 de xuño – Na entrada do albergue, mentres o mozo brasileiro vai tomando nota dos que entran, o tipo máis novo da panda valenciana vólvelle preguntar á hospitaleira se as tres mulleres do seu grupo poden pasar xa ó interior do albergue para deixar as mochilas. A muller respóndelle que primeiro débense rexistrar. El insiste, pero a tía, unha autóctona de conviccións poderosas, repítelle un pouco brusca que nanai. Pasamos ó interior Inma e mais eu diante de todos e a mesma hospitaleira pregúntanos: “¿Sodes os primeiros?”. Respondínlle: “Parece que si”. “Pois vinde para acá, ides ocupar o cuarto do fondo”. E alá nos mete, ó extremo, nun cuarto con só tres liteiras de aspecto prometedor.

Estabamos sentados descalzándonos cando abriu a porta o mozo valenciano e ó nos ver puxo unha cara que era todo un poema: “¡Ah! ¿Xa estades vós aquí?”, e cerrou a porta ás súas costas cun aceno de evidente cabreo. Máis tarde saberiamos que era a terceira vez que facía este percorrido e xa coñecía das ocasións anteriores onde estaban as mellores camas.  Velaí a explicación do seu “estiramento de pernas” no remate da etapa. botáranse a toda pastilla para que ninguén lle pisase o cuarto. Aquela familia de listillos estábame caíndo a cada paso peor e xa me gustaría deixalos atrás dunha puñeteira vez. Ou que se fosen por diante con vento fresco.

Pola tarde, despois de xantar e repousar un pouco, entramos na igrexa, onde parece estarse celebrando unha misa en alemán. Nun momento dado o oficiante, un crego alto, delgado, de lentes, duns trinta e tantos anos, bota man de guitarra, arríncalle uns acordes e ponse a cantar, tal vez a homilía, tal vez algunha determinada pasaxe bíblica, vai ti saber. Como o fai en alemán non o entendo. Pero resúltame algo penoso velo, con ese aire progre tan tristeiro, cando “xa non se leva” o destrozar aleivosamente o Blowin’in the wind de Bob Dylan. Sobre todo non tendo nin de moi lonxe unha mínima pinga do seu talento musical. A cousa resulta dun patético entristecedor. Detéñome un momento a observar a cara dun dos concelebrantes, de recio aspecto autóctono, que segue con atención os gorgoritos do creguiño teutón, aínda que cun certo aspecto resignadamente filosófico no aceno, coma quen di, ou pensa: “hai que ver a que extremos ridículos debemos chegar para nos facer os modernos coa esperanza de así camelar á mocidade”. Aínda que ó mellor cando se empezou a utilizar o gregoriano, tamén daquela algúns escépticos coma min, hoxe opinarían o mesmo. E mira ti.

En fin, como o espectáculo do oficiante guitarreiro-cantor non me resulta minimamente atractivo, voume dar unha volta e comprar algo para a cea, o cal me permite observar que o contacto con culturas alleas fai espelir de medo ó agudo gremio dos tendeiros autóctonos, que á parte de che poñer uns prezos de mercado europeo, trátante de moi malos modos e axiña che din que, se a cousa non che gusta así, vaias a Pedrafita, onde hai máis tendas, e merques alí canto queiras, sabedores os moi cabróns de que viñeches a pé e non vas facer agora do mesmo xeito catro quilómetros, e outros tantos de volta, para pagar menos e ter máis onde escoller, derreado como te atopas. Case o mesmo de derreado que o alemán deportista, o interesado na nosa culinaria, a quen vexo chegar ó albergue a eso da media tarde, cansado coma un burro, pero feliz porque seica pola ruta alternativa puido gozar dunhas paisaxes marabillosas.


Pola noite, despois de mercar unhas patacas que deben ser preciosas, un aceite de xirasol a prezo superior ó de oliva virxe extra, e media ducia de ovos, non sei se de ouro, Inma ponse a preparar na cociña unha tortilla de patacas, mentres os sevillanos insisten na súa sopa peregrina, aínda con pan do que lle demos en Molinaseca. Aparentemente moi interesado na nosa arte culinaria, alá volveu onda nós o alemán a observar os manexos de Inma, tan desexoso de aprender o método de elaboración da tortilla española, que o convidamos a probar e aprobou con aire seriamente convencido.

Mentres ceabamos nunha mesa nós, os dous sevillanos, o alicantino, un bilbaíno de quen máis adiante saberemos que se chama Imanol, o alemán deportivo e outros dous rapaces levantinos, departimos de vinte mil historias. Os sevillanos, especialmente Juan, levan a voz cantante a contar sucesos da súa peregrinación pola Vía da Prata e chistes, entre eles un dedicado ó alemán. Di así: Chega un alemán a Sevilla e un guía vaille mostrando a cidade. “Vexa vostede: os “Reales Alcázares”; levou corenta anos construír este edificio”. O alemán mírao e comenta: “Na Alemaña estaría feito en vinte anos”. Continúan a paseata: “Aquí ten a “Torre del Oro”. Esta construírona en tan só cinco anos”. O alemán bótalle unha ollada de arriba abaixo: “Na Alemaña faríase en dous anos”. O guía cala, mosqueado. Proseguen o camiño e ó pasar por diante da “Giralda”, como o guía non diga nin palabra, pregúntalle o alemán: “¿E este edificio, que é?” O guía olla con cara de sorpresa, encolle os ombros e exclama: “Non sei. Cando pasei pola mañá aínda non estaba feito”.

Un dos sevillanos, Carlos, é tamén dos que escriben todas as noites no seu bloc. Xa encheu un e agora leva outro mediado e ten idea de publicalo cando volva á casa. “Eu poño os datos e logo un amigo poeta daralle forma literaria para facer máis atractiva a lectura”. Para cando acaben o camiño xa empezan a trazar plans. “En agosto iremos ós Pirineus. Centrarémonos en Benasque e desde alí faremos rutas a pé para coñecer a zona”. “Si, pero antes, en xullo, iremos a Praga”. “Non. Eu a Praga non irei”, di Juan. “¿E logo?” “Por unha cantidade de razóns. A primeira: que non teño cartos?” “Abonda”, di Carlos. “Non é preciso que me deas máis razóns”.

Como falan tanto de viaxes un rapaz burgalés, Jesús, pregúntalle: “¿Pero vós sodes millonarios ou que?” Ó que responde Juan: “Moito mellor: somos pre-xubilados”. Efectivamente, el éo de Telefónica, e Carlos de Sevillana de Electricidad.

 

(Etapa 25-1)

 

sábado, 21 de agosto de 2021

Ciencia e relixión


 


Lembraba estoutro día a mi tía María, que xa con anos encima foi citada para unha pequena intervención na que lle sacarían unha molesta verruga que lle afeaba unha das tempas. E como entre a cita e a intervención no hospital estaba o san Benito de Seráns, decidiu facerlle unha visita ó santo e lavar a excrecencia na fonte, con tan bo resultado que antes de chegar de volta á casa a verruga xa lle caera.

A maioría dos santos e santas exerceu a medicina sen título e aínda despois da morte seguen sendo a competencia máis directa dos doutores que ocuparon a súa mocidade entre libros, laboratorios e enfermos. Non faltan doentes que antes de someterse a unha operación van de romaría por ver se a intervención do titular lles evita pasar polo quirófano.

O mesmo san Roque, sen ser médico, empregaba o seu tempo en atender e consolar a enfermos da peste, naquel tráxico século XIII, ata que a el mesmo lle pegaron a temida enfermidade e o seu tío mandou que o recluísen para que non andase a espantar coas súas chagas ós cidadáns de pel impoluta, converteuse tras a morte no mellor avogoso contra tal mal, con festa grande en moitos portos de mar, aínda hoxe e a pesar de que a peste xa está practicamente erradicada.

Pero tamén houbo quen dedicou unha boa parte da súa vida a proxectos científicos, como santo Alberte, a quen entre tratado e tratado de teoloxía aínda lle quedaba tempo para redactar textos de bioloxía, astronomía, botánica ou fisioloxía e construír bonecos autómatas e articulados que de facelos un non cristián condenaríano á fogueira por pretender ser tanto coma o Creador. Pero por razóns de pura lóxica relixiosa, a pesar de que ciencia e relixión nunca se levaron ben, non tardou en converterse este santo Alberte en Magno e no patrón dos científicos cristiáns, aínda que a igrexa tardou catro séculos en beatificalo e máis de seis en canonizalo.

E precisamente porque ciencia e relixión nunca conxeniaron, aí temos o caso dun dos científicos máis importante do século XX, o sacerdote Georges Lemaître, considerado o pai da teoría do Big Bang, a quen non se recoñece nin con unha simple beatificación, a pesar de ser quen encaixou a visión creacionista de Biblia coas demostracións científicas da gran explosión, da que procede todo o universo con nós incluídos. Tan ben exposta estaba a súa teoría que durante unha conferencia o mesmo Einstein a aplaudiu dicindo que era o máis fermoso e satisfactorio relato da Creación que nunca escoitara, e o falible Papa comezou a dicir que esa teoría era a demostración de que a Biblia era un texto verídico. E iso si que non. O propio Lamaître púxose en contacto co asesor científico do Santo Padre para que non volvese a dicir tal cousa. Unha cousa é a fe, que nos fai crer sen ver e outra moi distinta a ciencia que nos fai ver para crer.


Tal vez por iso, por rectificar ó Sumo Pontífice, restáronlle puntos para acadar a santidade. E aínda que el dixera nalgunha ocasión que a Igrexa non debe desinteresarse de algo tan humano como investigar a verdade, Xoan Paulo II arremedouno engadindo que á Igrexa bástalle coa cruz e o Evanxeo sen necesidade da ciencia. E a este papa fixérono santo.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


xoves, 19 de agosto de 2021

PEMÁN, CELINE, PRIMO LEVI


Por Pepe de Rocaforte

   

Comentaba o outro día unha noticia segundo a cal, en Cádiz e nalgúns outros lugares de Andalucía, os gobernos municipais e, paréceme tamén, algunhas asociacións e autoridades culturais, procedían a eliminar as inscricións publicas onde figuraba o nome do escritor monárquico-franquista José María Pemán.

Pouco despois vin outra noticia sobre o achado en París de varios miles de folios manuscritos de Louis-Ferdinand Celine, entre os cales figura unha novela, titulada “Londres”, ata hoxe descoñecida, mil folios de “Morte a crédito”, seiscentos de “Casse-pipe” (en sentido figurado: “misión perigosa”), e outros documentos abandonados polo escritor na súa vivenda de Monmartre cando tivo que escapar ó se producir o desembarco dos Aliados en Normandía, e de onde foran roubados, seica non se sabe por quen, un descoñecido que depositou na redacción do diario “Libération”, dirixidos a nome de Jean-Pierre Thibaudat, toda aquela cantidade de manuscritos .

Ó parecer Thibaudat gardou silencio sobre este depósito ata despois da morte da viúva de Celine, segundo esixencia do depositante de todo aquel material -un home que se confesaba “de esquerdas”- para que a muller “non se enriquecese” coa súa publicación. Lucette Destouches, a viúva de Celine, morreu en novembro de 2019 e agora parece non ser xa tan importante quen perciba os beneficios da publicación dos textos inéditos.

Celine continúa sendo para min un misterio pouco doado de explicar. Con dezaoito anos alistouse no exército francés, sendo ferido de gravidade durante a Primeira Guerra Mundial nunha acción para a que se presentou voluntario, polo cal foille concedida a Medalla Militar. Logo licenciouse en Medicina e en 1925 foi destinado a Xenebra como delegado do Instituto de Hixiene da Sociedade de Nacións. Ata 1928 viaxou en varias misións por África e polos Estados Unidos, e de volta en Francia traballou como médico de pobres en Clichy, nos arredores de París .

Esta é a súa cara boa. Logo vén o reverso do espello. Tal vez colaboracionista, disque está comprobado que denunciou ós nazis a tres médicos xudeus. A ideoloxía anti-semita, defendida nos seus panfletos racistas é coñecida de sobra, abonda con lle botar unha ollada a “Bagatelas para unha masacre”, “A escola dos cadáveres” ou “Os fermosos panos”. Celine nunca ocultou o seu filo-nazismo, a súa misantropía, a súa misoxinia. Mais eso non elimina a extraordinaria calidade da súa mellor literatura. E a pesar de todo, o presidente Macron manifestouse en contra da publicación actual dos seus libros, aínda que na aceptación literaria do autor coincidan boa parte dos lectores franceses que non aceptan a súa ideoloxía.


E finalmente, ¿que direi de Primo Levi? ¿Hai hoxe alguén que manteña unha postura en contra súa ou da súa obra? (Bo, por desgracia haino e na actualidade vénse incrementando o seu número). Pero o que non deixa de chamar a atención é que, no ano 1946, o editor Giulio Einaudi, home de ideoloxía esquerdista, rechazase o manuscrito de “Se esto é un home”.

O texto de Levi, segundo conta o historiador Tony Judt, que empeza co relato da súa deportación acusado de ser xudeu, foi rechazado porque ó parecer non coincidía co criterio de como se debían enfocar as narracións sobre o tema dos campos de concentración nazis. Finalmente o libro editouno unha pequena editorial, cunha tirada de dous mil quiñentos exemplares, a maioría dos cales acabarían como saldos nun almacén de Florencia, destruíndose vinte anos despois os que aínda quedaban logo dunhas grandes inundacións sufridas na cidade.

En 1959 “Se esto é un home” publicouse en inglés, e só vendeu uns escasos centos de exemplares. En Francia a Editorial Gallimard resistiuse a comprar os dereitos de ningunha obra de Primo Levi. Só despois da súa morte, en 1987, empezou a ser coñecida, e recoñecida, a súa obra.

¿E a onde quero chegar con toda esta historia? Non sei, tal vez á constatación de que na esencia do ser humano entra o estar sempre en contra de alguén ou de algo. Independentemente da ideoloxía en que se encontre instalado.