Por Pepe de Rocaforte
Comentaba o outro día unha noticia segundo a cal, en Cádiz e nalgúns outros lugares de Andalucía, os gobernos municipais e, paréceme tamén, algunhas asociacións e autoridades culturais, procedían a eliminar as inscricións publicas onde figuraba o nome do escritor monárquico-franquista José María Pemán.
Pouco despois vin outra noticia sobre o achado en París de varios miles de folios manuscritos de Louis-Ferdinand Celine, entre os cales figura unha novela, titulada “Londres”, ata hoxe descoñecida, mil folios de “Morte a crédito”, seiscentos de “Casse-pipe” (en sentido figurado: “misión perigosa”), e outros documentos abandonados polo escritor na súa vivenda de Monmartre cando tivo que escapar ó se producir o desembarco dos Aliados en Normandía, e de onde foran roubados, seica non se sabe por quen, un descoñecido que depositou na redacción do diario “Libération”, dirixidos a nome de Jean-Pierre Thibaudat, toda aquela cantidade de manuscritos .
Ó parecer Thibaudat gardou silencio sobre este depósito ata despois da morte da viúva de Celine, segundo esixencia do depositante de todo aquel material -un home que se confesaba “de esquerdas”- para que a muller “non se enriquecese” coa súa publicación. Lucette Destouches, a viúva de Celine, morreu en novembro de 2019 e agora parece non ser xa tan importante quen perciba os beneficios da publicación dos textos inéditos.
Celine continúa sendo para min un misterio pouco doado de explicar. Con dezaoito anos alistouse no exército francés, sendo ferido de gravidade durante a Primeira Guerra Mundial nunha acción para a que se presentou voluntario, polo cal foille concedida a Medalla Militar. Logo licenciouse en Medicina e en 1925 foi destinado a Xenebra como delegado do Instituto de Hixiene da Sociedade de Nacións. Ata 1928 viaxou en varias misións por África e polos Estados Unidos, e de volta en Francia traballou como médico de pobres en Clichy, nos arredores de París .
Esta é a súa cara boa. Logo vén o reverso do espello. Tal vez colaboracionista, disque está comprobado que denunciou ós nazis a tres médicos xudeus. A ideoloxía anti-semita, defendida nos seus panfletos racistas é coñecida de sobra, abonda con lle botar unha ollada a “Bagatelas para unha masacre”, “A escola dos cadáveres” ou “Os fermosos panos”. Celine nunca ocultou o seu filo-nazismo, a súa misantropía, a súa misoxinia. Mais eso non elimina a extraordinaria calidade da súa mellor literatura. E a pesar de todo, o presidente Macron manifestouse en contra da publicación actual dos seus libros, aínda que na aceptación literaria do autor coincidan boa parte dos lectores franceses que non aceptan a súa ideoloxía.
E finalmente, ¿que direi de Primo Levi? ¿Hai hoxe alguén que manteña unha postura en contra súa ou da súa obra? (Bo, por desgracia haino e na actualidade vénse incrementando o seu número). Pero o que non deixa de chamar a atención é que, no ano 1946, o editor Giulio Einaudi, home de ideoloxía esquerdista, rechazase o manuscrito de “Se esto é un home”.
O texto de Levi, segundo conta o historiador Tony Judt, que empeza co relato da súa deportación acusado de ser xudeu, foi rechazado porque ó parecer non coincidía co criterio de como se debían enfocar as narracións sobre o tema dos campos de concentración nazis. Finalmente o libro editouno unha pequena editorial, cunha tirada de só dous mil quiñentos exemplares, a maioría dos cales acabarían como saldos nun almacén de Florencia, destruíndose vinte anos despois os que aínda quedaban logo dunhas grandes inundacións sufridas na cidade.
En 1959 “Se esto é un home” publicouse en inglés, e só vendeu uns escasos centos de exemplares. En Francia a Editorial Gallimard resistiuse a comprar os dereitos de ningunha obra de Primo Levi. Só despois da súa morte, en 1987, empezou a ser coñecida, e recoñecida, a súa obra.
¿E a onde quero chegar con toda esta historia? Non sei, tal vez á constatación de que na esencia do ser humano entra o estar sempre en contra de alguén ou de algo. Independentemente da ideoloxía en que se encontre instalado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario