sábado, 9 de setembro de 2023

Ética e xenética

                                       

A endogamia foi o grande problema das cobizosas casas reais, incapaces de emparentar con quen non fose da súa caste, ata o punto de facer desaparecer estirpes e dinastías completas. Cando lembramos o noso rei enfeitizado, o último dos Austrias, esquecemos con frecuencia que quen herdou o seu trono, o primeiro dos Borbóns, tampouco era moi ben asisado, todos eles fillos de tíos casados con sobriñas, ou entre curmás durante longas xeracións, porque levaban moi a peito iso da cor do sangue, e a da plebe era demasiado vermella.

Se nos remontamos a tempos moi anteriores, xa os faraóns, tan endeusados eles, crían que ninguén que non fose da familia podía levar o mesmo sangue dos deuses nas súas veas.

Nisto, a xente do pobo, os humildes, tíñano un pouco máis claro, e a endogamia nunca estivo ben vista, tanto así que, ata para casar dous curmáns habían de pagarlle á Igrexa unha despensa, como se con ela xa se liberasen de calquera mutación xenética; e por se había erros extramatrimoniais, a veciñanza estaba sempre disposta a sacar do engano a aquelas parellas que, por falta de coñecemento, non sabían se estaban bailando cunha veciña ou cunha parente, facendo que os fillos ventureiros herdasen o alcume paterno cando non levaban o apelido. Todos coñecemos algún caso.

Finalmente, as casas reais tamén se decataron do problema, pero non foi ata estas últimas xeracións de príncipes e princesas que buscaron para emparentar alguén de sangue menos azul, inclinando as súas preferencias por actrices ou fillas de potentados que, a ser posible, favorecesen a renovación das arcas reais.

Agora o problema dáse cos doantes de esperma, esas boas persoas que espremen a súa semente xerminal de maneira semi altruísta, para axudarlle a algunha parella a conseguir descendencia, a troco, claro está, dunha bonificación económica polo tempo empregado e o consecuente desgaste físico.


E como unha boa masturbación sempre é mellor que sentar á porta do supermercado coa man estendida, contáronnos na prensa que un macho holandés acadou hai uns meses os titulares por ter feito unha doazón masiva de esperma, co que se calcula que puido facilitar a chegada ó mundo de 550 criaturas que nunca saberán se son parentes. Máis fillos ca ninguén na historia da humanidade nin sequeradaquela rusa, Valentina Vassilyeva, que viviu no século XVIII e tivo sesenta e nove crianzas, deixando moi por debaixo ó promiscuo Zeus, quen só recoñeceu a dezasete.

E é que ter moitos fillos arrastra, ademais dos consabidos problemas económicos para os pais recoñecidos, problemas éticos de futuro, se algunha desas crianzas, entre tantos irmáns ciscados polo mundo, non se decata de quen é da familia e quen non, sobre todo no caso deste vizoso doador que para acceder ó pago das súas contribucións seminais falsificou os datos e ninguén se decatou da masiva doazón, e da probabilidade de que as inocentes criaturas nacidas de tan abondoso semental, estean abocadas, sen querelo nin pretendelo, a cometer incesto e endogamia, con todos os problemas derivados, de consecuencias xenéticas, éticas e relixiosas.

Talvez, este cobizoso donante, ademais da gratificación económica, quixo emular a aquel emperador Mongol que tiña a todas as mozas do imperio formando parte do seu harén e agora o ADN demostra que todos os habitantes dos seus antigos dominios son portadores da súa marca xenética.

 Francisco Ant. Vidal

  (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

mércores, 6 de setembro de 2023

ROGELIO SAN LUÍS e JAIME VAELLO

Por Pepe de Rocaforte


Rogelio San Luís e Jaime Vaello foron as dúas persoas a quen máis tratei da xente do “Grupo Poético Amanecer”. San Luís é na actualidade, se non me engano, o único supervivente do Grupo, sobriño de Xesús San Luís Romero, o autor de “O Fidalgo”, a peza dramática máis representada do teatro galego, polo menos ata os anos oitenta do século pasado. Tal vez por seguir os pasos do tío, o sobriño só escribiu para o teatro, tamén se non me engano.

A súa primeira peza representada tivo que esperar ó ano 1966, cando nas festas coruñesas do verao se montou na praza de María Pita unha estrutura, obra do arquitecto Emilio Pérez Piñero, formada por dous módulos semiesféricos desmontables unidos entre si e dentro dos cales se podían celebrar espectáculos aínda en condicións meteorolóxicas adversas. A construción tiña o nome de “Teatro Transportable”, pero na Coruña, pola súa forma, pasou a converterse en “As tetas de María Pita”. Nesta montaxe celebraríase a estrea de “Tres historias de boite”.

San Luís era home con humor para o xogo de palabras, e para comprobalo abonda con repasar os títulos das súas pezas teatrais: “Matemos a los viejos un poquito”, “Despedida de casada”, “Se vende cadáver en buen estado”, “Una muela sin juicio”, “María Pita al borde de un ataque de gaiteiros”, “Verbena en el hospital”, “Dios los da y ellos... na Xunta”, “El presidiario es un ser muy decente”...

Lembro que San Luís padecía unhas vertixes que lle impedían camiñar sen risco de dar un traspé e caír ó chao. Sóubeno cando en marzo de 1992 asistimos ó enterro de Antón Avilés, vello compañeiro seu do Grupo Amanecer, e por causa da cantidade de coches que ocupaban as beiras da estrada de Noia a Taramancos, tivemos que ir máis dun quilómetro a pé ata a igrexa parroquial. Daquela o fermoso paseo dunha tarde de sol pola beira da ría foi para San Luís unha tortura. A partir de entón Agustín Hervella e mais eu iámolo buscar á casa unha vez á semana ou cada quince días e entre os dous levabámolo do ganchete ata o bar máis próximo, onde pasabamos unha tarde de conversa, ata que o costume foi esmorecendo e deixamos de nos ver. Hervella, tamén home de teatro, estivera en Madrid, onde fora á Escola de Arte Dramático, alumno de Mercedes Prendes, Manuel Dicenta, Amparo Reyes e outros. De regreso na Coruña formou parte da “Agrupación Teatral Coruñesa e escribíu algunhas pezas, “Doña Felipa”, “Los Calandracas” etcétera, pero non pertenceu ó Grupo Poético Amanecer, que daquela xa deixara de existir.

Finalmente teño a Jaime Vaello, a quen me parece estar vendo no retrato que lle fixo seu compadre Alberto Carpo, no cal o poeta, sentado nunha cadeira de balancín no seu piso de Perillo, en posición levemente inferior frente ó pintor, eleva o azul dos seus ollos como nun aceno de pedir desculpas sen saber por que. Cando o coñecín só publicara, en 1969, “Ofelio noviembre, Ofelio diciembre”, con ilustracións de Regino Barbeito, un libro que nunca chegaría a ser un best-seller. Vaello era no Grupo Amanecer un punto á parte. Os seus poemas non eran comprendidos (nin estimados) polos outros poetas do grupo e el tampouco sentía moito aprecio pola obra dos seus compañeiros. Tal vez por eso deixou de escribir, ou eso pensaba eu ata que, andados uns anos, me sorprendeu cun novo orixinal: “Adeona”.


Jaime pediume  axuda para lle buscar editor ó seu novo libro. ¡A boa parte viñera!. Eu case non coñecía a ninguén do mundo editorial, e moito menos a alguén disposto a publicar un poemario en castelán, dun autor descoñecido. Despois de algúns intentos infructuosos visitamos a Isaac Díaz Pardo, quen en principio lle deu a súa aprobación a “Adeona”, a condición de contar cun prólogo de algunha autoridade literaria da cultura galega. ¡Estabamos na mesma! De entre os meus escasos coñecementos persoais de escritores, o único que me merecía confianza era Méndez Ferrín. Mandeille o orixinal de “Adeona”, así como o exemplar que tiña do “Ofelio” para que fixese unha composición de lugar, e pasado algún tempo díxome que non se sentía en condicións para prologar aquel libro, déralle voltas, pero fora incapaz “de lle traspasar a codia”. (Por certo, Xosé Luís, non te acordaches de me devolver o meu exemplar do “Ofelio”, que ten unha dedicatoria moi apreciada por min, a ver se estas liñas chegan ós teus oídos [ou ós teus ollos] e mo envías de volta).

Máis ou menos tanto Xabier Seoane como eu intentamos animar a Vaello a escribir en galego, pero dicíanos que para destruír o idioma como el o facía, precisaba un coñecemento máis profundo que, no caso do galego, non tiña.

Por aquel tempo o pintor Xavier Correa Corredoira, admirador de Vaello, pintou unha serie de cadros inspirados nos poemas de “Adeona”, cos cales se montaría despois unha exposición no Museo Serralves, do Porto. A Fundación Serralves editou para a ocasión un catálogo precioso, con reproducións dos cadros de Correa xunto ós poemas de Vaello (catálogo que tamén perdín).

Jaime morreu pouco despois e así quedou todo.