luns, 17 de xullo de 2017

o grifón


Cando os albaneis estaban tirando as paredes de pedra e barro dunha casa vella e semiabandonada da parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo, para erguer no seu sitio outras de ladrillo e cemento que a converteran nun modesto "fin de semana", apareceu este grifón, emparedado como un perseguido fantasma, condenado por ser máis do que as leis divinas permiten.
El, o imaxinario animal que, segundo conta Plinio na súa Historia Natural, estaba ó servicio de Apolo para coidar e defenderlle as minas de ouro, resume, nun só corpo, a maxestosidade da aguia e a soberanía do león. Pero tamén a ambición de telo todo; a ambición de posuír a forza e a valentía, a temeridade e a victoria, os bens materiais e os do espírito; o poder e o control desde o máis alto do ceo ata o ras do chan.
A historia do grifón é tan vella como a imaxinación humana. El xa era o inseparable compañeiro dos reis do Imperio Antigo de Exipto, pois coma el ningún outro ser recolle en si maior realeza, a da ave que voa no máis alto e pode ver no chan á máis insignificante criatura, e o animal que pisa firme na terra facendo tremer a todos ó seu paso. El é a vixilancia serena e repousada, a mirada atenta, a nobreza nos xestos e a implacable fereza no ataque. ¿Que soberano se lle pode igualar?, ¿quen coma el reúne a maior suntuosidade que dá a natureza e que o home sempre ambicionou?, ¿en quen mellor se resume realeza e divindade?. ¿Quen non querería ser grifón?.
Este fabuloso animal, que só a mente do home, a mente máis creativa do universo foi capaz de idear, desapareceu cando Roma deixou de adorar a Apolo, e polo tanto xa non se necesitaba esta garda de elite para protexer o seu tesouro, aínda que o pobo, sempre fiel ó seu pasado, o seguise recordando e botando de menos, como tamén se botan as ilusións perdidas. E foi, san Isidoro de Sevilla entre os séculos sexto e sétimo, quen o recolleu dos libros e das lendas, para apuntar que este animal debía ser o símbolo de Xesucristo, pois que tanto un como outro son quen de reunir as dúas naturezas, a divina e a humana, nun só corpo; ambos os dous mesturan no seu ser o ceo e a terra, a inalcanzable divindade e a cotidianidade terrea.
Gracias á proposta de san Isidoro, na Idade Media, o grifón entrou nas igrexas para custodiar os tesouros do cristianismo.
Pero, como chegou este grifón a formar parte da vella parede de Oseiro, é algo que, moi dificilmente, se poderá saber algún día; quizabes era parte do cascallo dalgunha igrexa renovada ou dun pazo vido a menos. Quizabes, os vellos desta casiña foron xente de armas ou fillos de fidalgo, a quen os novos tempos devalorizaron, e ata as máis preciosas xoias da familia houberon de ser reinvestidas, xa fose en bolos de pan ou en cachotes para as novas paredes que lles desen acubillo. O caso é que este grifón, como un proscrito agardando o indulto por algo do que non é culpable, con toda a súa maxestosidade, aguantou con real paciencia ata que a picaña dun albanel viñese a rescatalo.

Cando saíu a luz renovou as fantasías de quen o vía, ilusionou ós cativos que nunca viran un león con ás e os maiores que se preguntaban se detrás desta pedra se agocharía o tesouro dun cabaleiro medieval.
O grifón observa atento a quen o mira, sen soltar a cinta na que se len as palabras entrecortadas dunha mensaxe apocalíptica, que xa non lle di nada a ninguén; e hoxe, el, que outrora representou a imaxe do bo gardián, xa forma parte da fachada da nova casa, perfectamente encaixado nun lugar ben alto e vistoso, aprisionado entre o formigón, recuperado, para orgullo de moradores e disfrute de quen o vexa.
El, non é un escudo nobiliario, pero dálle prestixio ós antepasados deste solar. El non é a irrefutable proba dunha parentela real ou dos descendentes dalgún esforzado soldado en terra de mouros, pero é, desde agora, un símbolo identificador da familia, unha dubida de grandeza no pasado, e quizabes de alcume no día de hoxe, son os do Grifón, que xa é moito; polo menos non tiraron co que lles legou a historia.
( A Nosa Terra, en Camiño vello congostra nova, 30/1/1997)

xoves, 13 de xullo de 2017

SAUDADE DE OURENSE



Por Pepe de Rocaforte
      En Ourense eu vivía na Avenida de Buenos Aires, máis coñecida como a carreteira de Trives, nas proximidades do cuartel da Garda Civil, ó lado da carnicería da Rogelia, onde un día vin un home pintándolle a porta con cores chamativas e rechamangueiras. Un amigo púxome ó tanto de que se trataba do pintor Virxilio Fernández, seica parente do xenro da Rogelia, ou algo polo xeito. Olla ti, un pintor de cadros pintando portas polo barrio.
     Nunha das casas de enfrente da carnicería vivía o “Veneno”, un home de mirada alucinada e bigotes de regulamento, de quen contaban que se cepillara unha boa manchea de “roxos” despois de xullo de 1936. Un día apareceu morto na cama, seica se pegara un tiro na cabeza coa pistola, tamén de regulamento. Xa os ollos lle daban que algo non marchaba ben na súa chencha, tal vez o recordo dos republicanos por el paseados.
     Máis abaixo, despois do asilo, onde estaba sempre na porta un vello delgado e alto, de lentes e cabelo branco moi peiteado, atopábase o Colexio Galicia, de don Albino Núñez, avó do hoxe coñecido gaiteiro Carlos Núñez. E un pouco máis abaixo, pola outra banda da rúa, xunto ó edificio dos bombeiros,  xa no comezo da praza das Mercedes, vivía o pintor Prego de Oliver.
     Pero atrás, entre o Colexio Galicia e o Asilo dos vellos, quedoume a marmoraría de Faílde, Antonio Faílde, o escultor. Por Faílde sentía eu moito interese despois de ver dous grupos escultóricos seus na innecesaria, por non aproveitada, estación de ferrocarril de San Francisco, a onde iamos os amigos cando se nos daba por “copar” ás clases do instituto. 
     Volvín un día a Ourense e unhas das primeiras cousas que fixen foi ir á estación de San Francisco para ver as esculturas de Faílde. Xa non estaban. Ocorréuseme que as poderían ter levado para a outra estación, a de Ourense-Empalme, pero tampouco alí as vin. En cambio seguían estando as pinturas murais do vestíbulo, cualificadas como de escaso valor por algúns entendidos amigos meus (por certo esquecéuseme o nome do autor deses murais e tampouco ningún dos meus amigos me soubo dicir quen fora).
     O que me dixeron en cambio foi onde se atopaban agora as esculturas de Faílde: nun parque infantil non moi afastado da estación de San Francisco. Un emprazamento moi axeitado por certo, o cal me alegra.
     E xa chegado a estas alturas, como empezo a me estender máis do prudente, volvo deixar para outro día o tema dos ourensáns “artistiñas” viaxeiros de quen prometera falar hai algún tempo. A ver se para a semana...

xoves, 6 de xullo de 2017

XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO



                                                                              Por Pepe de Rocaforte
       Nun destes días pasados, a raíz da cita sacada de “A saga dun afiador” na miña colaboración da semana anterior, comentábame un amigo que non lle gustaba nada esa novela de Ferreiro. Aínda máis: moi pouca cousa do escritor de Espartedo lle chamaba a atención.
        Matinando sobre esta opinión, oída xa a alguén máis, dáme a impresión de que o gran problema de Ferreiro reside, desde o meu punto de vista, no descoñecemento por parte da maioría dos lectores dalgunhas das súas mellores obras, escurecidas polo éxito doutras, para min de menor entidade, aínda cando algunha delas gañase un importante premio e fose un grande éxito de vendas.
      O Ferreiro que a min me gusta é o autor de dous libros, nunha primeira impresión diametralmente opostos entre si, pero complementarios para a comprensión de por onde andaban as súas ideas e os temas que o atraían.
       Un é “Co medo nas mans”, colección de contos onde incide no tema da saudade da aldea nativa, o lugar irrecuperable, como irrecuperable é a infancia. Aquí recobra para o lector a vida diaria nesa aldea hoxe morta. As conversas nocturnas arredor da lareira. Ou as vespertinas, na solaina, mentres as mulleres debullan as fabas á sombra. Ou o relato dalgún encontro de madrugada, de volta do muíño, cunha alma en pena. Ou a aparición do lobo no medio do monte nunha noite de nevada. Historias máxicas, de lobishomes, de mortos e aparecidos, de lobos e cobras, escoitadas por el de neno, nese Espartedo do cal quería deixar memoria viva na súa escrita.
        O outro título é “O Minotauro”, unha novela delirante, “historia onírica e brutal, como onírica e brutal –esperpéntica- é a vida”, escribe o autor na dedicatoria dun exemplar que agora mesmo teño diante. Desta novela di Xosé Luís Méndez Ferrín no prólogo da primeira, e polo de agora única, edición: “De entre todas as novelas de Xosé Fernández Ferreiro é esta a máis súa [...] [a súa] obra prima [...] Eu agora sei dicirvos que atopo neste libro triste e escuro o espello do meu ánimo”.
       Para remate quérolle recomendar a quen non lese ningún destes títulos que o faga agora. E espero que lle gusten.

xoves, 29 de xuño de 2017

PAT GARRET & BILLY THE KID




Por Pepe de Rocaforte
         Era xa pola noitiña cando chegou á casa. Abriu a porta do patio e entrou. Parouse uns intres, escoitando, mirando. Logo foi á corte e viu as vacas roendo na palla por enriba do carro. As pitas no poleiro, os porcos ganindo no cortello (...) na eira ouvíanse os rapaces que brincaban entre os palleiros e os hórreos.
        Por se ó lector lle entra algunha dúbida: o parágrafo anterior pertence á novela “A saga dun afiador”, de Xosé Fernández Ferreiro. Reprodúzoo aquí por me lembrar unha das “marcas da casa” de Sam Peckinpah.
          Ferreiro, nun estilo tipicamente peckinpahiano, móstranos unha escena de normalidade cotiá como preludio apracible (e enganoso) á chegada de Xandón á casa para asasinar a coiteladas á súa muller.
        Algúns directores de cine utilizan a veces nos seus filmes unha determinada situación, algunha curta escena, un sonido particular, que se repite dunha película a outra. É o caso de Alfred Hitchcock e as súas breves aparicións nas fitas dirixidos por el. Ou, nas películas de Bergman, o son dunha campana, se a escena se desenvolve no campo ou nunha vila, ou o bruído reiterado da sirena dun barco se a escena transcorre no mar ou na beiramar.
         A “marca” de Peckinpah é unha plácida escena na que uns nenos xogan no campo ou no medio dunha rúa onde non sucede nada fora do habitual. Esto débenos alertar porque, acto seguido, vaise producir unha situación de violencia desatada, esa violencia que tantos lle botaban en cara ó director norteamericano.

        Acabo de ver (por enésima vez) “Pat Garret e Billy o Neno”, e non se me vai da cabeza a escena onde os rapaces xogan na praza antes de que Billy Bonney,  o día anterior ó de ser aforcado, fuxe do cárcere despois de matar a tiros ós seus gardiáns.  Mentres Billy fuxe, na praza quedan os nenos xogando, algúns utilizando como randeeira a corda da forca, mentres dous homes morren desangrados case ó lado seu.
          “Pat Garret & Billy the Kid” é unha historia de perdedores, narrada cun lirismo bronco e profundo, onde un James Coburn en estado de gracia representa o papel do sheriff Garret, executor da lei ó servicio dos ricos facendeiros para quitar da circulación a quen fora ata entón seu amigo e compañeiro de bandoleirismo, Billy o Neno, representado por un Kris Kristofferson que non pode chegar á altura interpretativa do seu opoñente.
         Pero, para min, o que fai inesquecible este filme é a banda sonora composta e interpretada por Bob Dylan. Ó empezar a soar os rasgueos da guitarra de Roger McGuinn  nos comezos da película, seguidos logo pola voz de Dylan: “Din que Pat Garret che ten tomado o número. / Durme e soña cun ollo aberto, / cada son pode ser un trono / do cano do seu revólver”, imaxino unha escena das nosas feiras de hai anos: a do cego cantando a historia pintada en viñetas nun cartelón que o axudante mostra ós espectadores.
Musicalmente o punto culminante do filme prodúcese cando Dylan interpreta “Chamando ás portas do ceu”, (que no enlace anterior pode oírse a continuación do tema inicial) noutra escena chea de emotivo lirismo. Para rematar, nos minutos finais, con outra canción  da que me chamou particularmente a atención un verso, “non hai muíños na mente dos tolos”, unha chiscadura de ollo quixotesca. (Cómpreme dicir que esta é a primeira vez que vexo a película coas cancións traducidas en subtítulos, motivo que me dou pe para este comentario).