xoves, 25 de xaneiro de 2018

VIRXES NACIONALISTAS



Por Pepe de Rocaforte
            Volvémonos ver envoltos nestes días nas reviravoltas arredor da constitución do goberno catalán, algo que me fai pensar en Michel Ende e a súa “Historia interminable”. Pero, por Deus, non quero falar deso, xa hai xente abondo e con moito mellor, e maior, coñecemento de causa, para tratar do asunto.
            O que pasa é que o tema tróuxome á cabeza outra cuestión á cal se me ocorreu chamar das Virxes Nacionalistas. Ou tal vez resulte máis explicativo: “das Virxes belixerantes no referente ás relacións entre países fronteirizos”.
            Vén ó caso que así como os cataláns, polo menos os independentistas, non queren ser españois, aquí ó lado, en Portugal, temos á Virxe do Almortão, que segundo nos informa Jose Afonso, tampouco quere ter nada que ver (e neste caso puntualiza máis) cos castellanos.
            Nesa peza, de letra e música popular, cántase:
                                    Senhora do Almortão,
                                    ó minha linda raiana,
                                    virai costas a Castela,
                                    não queirais ser castelhana.

            E agora que a transcribo decátome de que quen fala non é a Virxe, senón o devoto cantor. A Senhora do Almortão, prudente, non di nin si nin non, o cal tamén podería interpretarse como “quen cala, concede”.

Outro caso, este que non ofrece ningunha dúbida, é o español, no cal se nos informa de maneira inequívoca do pensamento da Pilarica, quen por certo foi pioneira nunha forma de expresión da santidade na que acadaría o punto culminante o chamado San Simeón (ou Simón) Estilita. A Virxe aragonesa seica se expresaba así:

La Virgen del Pilar dice
que no quiere ser francesa,
que quiere ser capitana
de la tropa aragonesa.

Así de claro. E fai moi ben esta Virxe, porque os franceses xa teñen a súa en Lourdes, que aínda tratándose da mesma persoa, gasta outro look e semella máis milagreira.
            Agora, como sucede case sempre, unha cousa lévame a outra: ó caso das mulleres que coa súa intrepidez superan en valentía ós homes e lle dan a volta a situacións de previsible derrota militar, converténdoas en vitorias heroicas, caso de María Pita ou Agustina de Aragón. Pero esto será mellor deixalo para outra ocasión máis ó caso.

luns, 22 de xaneiro de 2018

Un mestre con oficio



          
     A verdade é que nada máis ver esta lápida dixen que era a dun carpinteiro de ribeira, baseándome para iso nos atributos que porta o finado ou no que interpretaba que eran, na man dereita o aixó, con empuñadura que se axusta á man, porque esta é a ferramenta que se usa para desbastar e darlle a forma curva ás pezas que forman unha embarcación, e na outra a corda cos nós, que aparentemente se sitúan en distancia de unha cuarta, o sistema de medida que soen usar (entre outros) os carpinteiros de ribeira, que aínda hoxe en día definen as súas embarcación por cuartas para falar do tamaño. Logo soubemos que esta lápida dátase na segunda metade do século XVI, segundo nos informa o director do museo do Mar de Vigo, e que estaba no desaparecido mosteiro de Cálogo, en Vilanova de Arousa, unha vila que por esa época era un lugar de moito tráfico marítimo e de puxante industria pesqueira, co que gañábamos puntos a favor da nosa tese, pero como é sabido, unha opinión non é lei nin conclusión.
     A ferramenta que porta, non está moi ben definida, e tamén pode ser unha maza, e polo tanto o finado un albanel, canteiro ou mesmo carpinteiro; sexa como sexa, esta lápida pertence a un obreiro, seguramente un profesional de alto rango entre os dos gremio, moi famoso, ben relacionado e ben pagado para poderse costear tan fermosa lápida, pero un obreiro que traballaba coas mans e non se avergoña de deixar constancia do mesmo para a posterioridade; á fin, que na hora da morte puido igualarse ós nobres segundo concluímos á vista da rica e detallada lápida, pero sen renunciar a ser quen era.

Índice "Lingua Proletaria" 2017

Marcas de orgullo
 A aprendizaxe mecánica
 Os nomes da violencia
cultivos na cidade
Escravos no século XXI
Lecturas contra a anorexia
Pesca e diamantes en Namibia
 Enerxía devastadora
 A enerxía de Tabby
Preguntas sen resposta
Palabras con memoria
As chaves da cultura
A Venus birolla
Actividades legais
 Rostros de esperanza
 Santo Ernesto, o Che
 A Dama e a formiga
De volta á rutina
Sedentarismo
A comodidade no vestir
 Rituais
A química do ánimo
Historia dunha furgoneta
 Eucaliptos e gridshell
A cor do diñeiro
O paraugas universal
 Fátima
Primeiro de maio
A inutilidade do G-20
Retratos reais
Cunchas sen desperdicio
A función da lectura
O bar dos ricos
Amor e interese
Noruegueses de Noruega
Regras e condicións
 A comida non se tira
Un pasquín contra Trump
E agora os estibadores
Cartas de amor
Coa man diante da boca
 Sen propósito de emenda
Axudas á natalidade
O ictus do porquiño
Os Reis non existen

sábado, 20 de xaneiro de 2018

Mascotas e animaladas


Di Xulio que hai certas semellanzas entre aqueles escravistas doutro tempo e certos donos de animais (cando son amos e non protectores), que asemade teñen as mascotas para adorno, ofensa ou xoguete, e non para redimilas dun mal estar ou para usar os beneficios que aportan sen abuso nin imposición; verdadeiros escravistas que, cando xa non lles cumpren as súas expectativas, xubílanas para que outros as aturen, abandónanas lonxe da casa ou sacrifícanas coa hipócrita desculpa de evitarlle unha longa agonía.
Di Xulio que se facía necesario lexislar en pro desta especie de escravos multiservicio, destes animais convertidos en damas de compañía, obxecto de ornamento ou submiso recadeiro, pero tamén matón descontrolado ou caprichoso abusón segundo o gusto do seu amo, porque as mascotas aínda non foron liberadas da escravitude, e por unha galleta que lles dá diarrea son quen de lamber o chan que o seu amo pisa e cando non o fan son zorregadas ata a extenuación.
Pero tamén di Xulio que, se ben se facía necesario liberar a eses mastíns que pasan a vida atados ou castigar a quen os usa en pelexas e festas pouco dignas, tamén era necesario evitar os degradantes espectáculos circenses, a arrepiante imaxe dunha fera metida nunha gaiola a base de lategazos, ou mesmo contra quen fomenta a creación de colonias de animais sen control, co fin de evitar a proliferación de gatos salvaxes alimentados por quen crendo que fai un acto de caridade está fomentando a propagación de pragas, evitar que andar pola rúa sexa un viacrucis de obstáculos en forma de excrementos ou que as mascotas se convertan en agresiva arma contra os transeúntes. E non porque o dixera o meu amigo, acabouse aprobando unha lei que en case cincuenta artigos pretende regular o trato que lles damos, evitarlles a tortura, prever a negación da súa condición ou arredalos do seu medio, todo iso que non é menos inhumano anque non sexan humanos. Toda unha serie de regras que agardemos sirvan para poñer orde entre quen confunde o amor ós animais co desprezo ós humanos.

Porque, segundo Xulio, isto de outorgar roles impropios, anque o chamen adestramento, mansedume ou educación, con larpeirada de por medio, vén sendo o mesmo que impoñer condicións, con premio ou castigo segundo o caso. Artimañas de mal amo. E que alguén teña un caniche para recibir mimos, non significa que teña dereito a darlle unha vareada cando non se amosa submiso ou non vaia correndo a recoller a pelota que lle botamos entre as silvas. Escoller un can pola raza e logo adulterar a súa forma física a base de bisturí ou macheta non é tratar ben ó animal, e deixar que o can faga as súas necesidades en plena beirarrúa ou moleste a tranquilidade dos transeúntes é tratar mal ós teus conxéneres. Pero tamén –segue opinando Xulio-, tourear a un boi bravo, cravarlle ferros e facer con el un espectáculo de sangue e tortura é moito máis punible ca meter a un león nunha gaiola ou facer danzar a un elefante sobre unha banqueta. E sen embargo esta lei, que se di tan xusta, non di nada en defensa dos touros nin contra as touradas. Porque se ben son moi humanitarias ou animalarias, ou como se diga, moitas das cousas que nesta lei se propoñen, as touradas, as torturas máis macabras que se fan hoxe en día no mundo, seguen impunes. Que por certo, neste noso país, agás contadas ocasións, non teñen grande éxito nin sequera para velas por televisión. Un espectáculo indigno de calquera pobo que se diga civilizado. 

venres, 19 de xaneiro de 2018

PREFACIO A “POLA IDA E POLA VOLTA”



Breogán Riveiro

               A obra “Pola ida e pola volta” que tes nas túas mans -ou na túa pantalla, que tanto ten- foi publicada o ano 1977. Iso supuxo algúns problemas á hora de pasala a soporte informático, tanto porque non existiu nunca orixinal dese soporte como porque falamos dunha época prenormativa. O galego non estaba normalizado. Os correctores automáticos, afeitos a “ir polo rego” do legal non funcionan con palabras tan entrañables como “televexo”. Ademais, o papel no que está impreso o libro non é da mellor calidade -eran épocas esforzadas tanto na escrita como na edición-, o que fai que ao escanealo os erros se vaian acumulando.

                Polo tanto tiven que limpar os textos a man, corrixindo algunhas cousas e deixando outras, a maioría, porque penso que o “sabor” do texto é mellor se respectamos a época na que estaba escrito. Teño que confesar que esta tarefa foi esgotadora e non de todo satisfactoria, hai tildes aquí e acolá que foron inventos do OCR -o programa de conversión a texto- que tamén fixo aparecer símbolos e puntuacións, e fixo aparecer letras... e esqueceu palabras, e borrou textos, e desordenou todo...  Un  desastre. Ademais... diante dunha obra vella, prenormativa, que debo corrixir e que non? Decidín decantarme polo mínimo esforzo, co permiso de Rocaforte, que me fixo a petición para “Libros na Artesa”.

                Confeso que para min foi un pracer volver ler “Pola ida e pola volta” despois de moitos anos. Pode que non sexa a mellor obra literaria da historia da humanidade, pero é singular, déixase ler  con facilidade, aínda que en ocasións o texto é ampuloso de máis. Por certo que no texto pon “anque” por “aínda que”, como aínda se di en moitas zonas de Galicia, e como se fai en italiano. Calquera afeccionado á filoloxía gozará co texto. Sorprendeume, porque nunca me decatara, que “Pola ida e pola volta” é moi visual. En ocasións semella o guión dunha película: “se nos imos achegando escoitaremos voces, e se nos achegamos máis veremos rapaces que...” Tampouco me parara a analizar que a obra é tremendamente positiva dende un punto de vista sociopolítico: Representa aos “pobres” desta sociedade cun respecto enorme, representa á xente vulgar, a emigrantes sen moitas luces, que abondo teñen con saír adiante cos seus problemas. Son antiheroes, pero non aparecen -como decote na literatura- como perdedores ruíns e noxentos. Non: os protagonistas son os nosos paisanos, a nosa xente, “somos” nós, e o autor quéreos, sen dúbidas nin traicións. Coido que é un prantexamento moi pouco habitual na literatura. E agradécese.

                Tamén teño que reivindicar que “Pola ida e pola volta” é das primeiras obras galegas en tratar o tema da emigración a Europa, así como os problemas que a emigración supón para quen a padece: o “síndrome de Ulises” en retorno perpetuo a unha Ítaca que non existe, os problemas idiomáticos, a alienación, os cadros nervosos que encheron os siquiátricos galegos. Todo iso existe e todo se trata, con amabilidade, con naturalidade.

                E velaí o último descubrimento que fixen nesta obra: a naturalidade. Había intres nos que a lectura me traía a sensación dunha película neorrealista. Un saibo máxico dunha época que agora estamos en pleno proceso revisionista: como se instaurou en España iso que chamamos “réxime do 78”. Coido que calquera lector interesado en coñecer un pouco a rúa naquela época debería ler “Pola ida e pola volta”.

                Son moitos motivos para botarlle unha ollada a esta obra. Dos seus defectos e carencias xa algo dixemos, pero se non vos importa, falaremos outro día.

                Moitas grazas a Francisco Vidal, a Xosé Manuel Martínez Oca e a “Libros na Artesa” por permitirnos poñer nas vosas mans esta obra.

                Agora, gozádea.