luns, 18 de febreiro de 2019

Crónicas desde o outro mundo (6)



                                                            O Curmán de Undochán

      Despóis do telón botánico destoutro día, tornarei ao elemento humano do Uruguai e concretamente aos inmigrantes a estas ribeiras. Penso, máis unha volta, nos que aquí arribaron no tempo da I República española, exiliados non tan dramáticos como os do franquismo de seis décadas posteriores (é de mencionar o ensaio de Marañón acerca das periódicas expulsións dos seus millores elementos que España fixo durante a sua axitada historia de país en tanta medida malogrado).

Figura case heroica, José P. Varela Berro, o Reformador do ensino, neto do coruñés Jacobo Varela
      Esa cumprida camada estaba composta por profesionais que exerceron un papel fundamental no erguemento do nivel cultural do Uruguai, cando aínda se estaba fundando a Universidade da República. (Aí atrás había intelectuais, xa fillos daqueloutros, que levaban nomes de pía evocadores das glorias españolas, recentes ou remotas, tales os irmáns Daoíz, Velarde, Ibero, Sagunto e Medulio Pérez, fillos dun Pérez Bugallo noso, exemplos abondo contundentes!).

      Está por facer, que eu saiba, a historia desta inmigración se non masiva si influínte no seu tempo. Aí están os mestres, galegos ou non, Frade, Campos ou Nieto; profesores ou avogados como Becerro de Bengoa ou Suñer i Capdevila; médicos tal Espínola, editores como Vázquez Cores… por non dar máis que unha manchea ben curta, que me leva, inevitabelmente, ao famoso Castro López de Buenos Aires. Non é de estrañar, pois,  que aquí, aos meus pés, xunto á praza Galicia esté o espazo I República española.


        Coa caída da II República (que tamén ten a sua grande praza na vila veciña de Santiago Vázquez, onde, por certo, se ergue un monolito, gémeo do que hai en Morata de Tajuña-Madrid, en honra dos brigadistas uruguaios na guerra española) pasou algo semellante, inda que, respecto dos intelectuais, agora outros foran os países principais de destino, particularmente, como é ben sabido, Arxentina e México.

      Tamén está por construirse o estudo dos encadeamentos de emigrantes en base ás zonas de procedencia: uns primeiros deslocados decimonónicos chaman a familiares e paisanos; os sobriños galegos veñen xunta os tíos xa ben situados… e tantas veces acaban casando coa curmá crioula: así os importantes De Castro de Dodro, afastados parentes de Rosalía.

      A bisbarra estradense no XVIII e o Val Miñor e Bergantiños no XIX e XX son algunhas das áreas que deron milleiros de valentes en procura dunha vida millor; primeiro homes, máis tarde mulleres e cativos. Mais tamén Coruña-capital, que ten tanto protagonismo na historia uruguaiana, como o demostran os que eu dei en chamar “Os sete de San Nicolás”, por teren sido ali batizados, resultando próceres eles mesmos, xunto a outros que fundaron familias con membros de moito destaque.



  Hospital público en terrenos doados por Dolores Pereira de Rossell, bisneta do coruñés Antonio Pereira

         Entre aqueles: José Pérez Brito (nado en 1753), Antonio Pereira Moscoso (de 1756), Joaquín de la Sagra (de 1784, irmán pequeno de Ramón) e Antonio Díaz Castañón (nado en 1789), e, entre os últimos: Manuel Vázquez Senra (de 1752), Jacobo Adrián Varela (de 1758) e Pablo Blanco Agruña (nado en 1812): as familias Brito del Pino, Pereira Buxareu ou Acevedo Díaz, Vásquez Acevedo (sic), Varela Berro ou Blanco Acevedo deles proceden e marcaron fitos no devir da novel república platense.


      Frase publicitaria de antano (non sabendo a que se dedicaría este galego oriundo): “En la vía asombrado/se paró el ferrocarril/para ver a Morgade/lo que tiene por allí”.

sábado, 16 de febreiro de 2019

Do propio e do alleo


 Somos bos artesáns pero malos feirantes.
    
Está moi ben iso do amor ó propio e de loar o noso por encima do resto. Pero non todo é tan bo nin todo o bo se promociona o suficiente, unhas veces por desleixo e outras porque nos dá vergoña presumir daquilo que consideramos demasiado común ou popular como para ser valorado. Así, por exemplo, ambos casos se resumen nas conserveiras que enlatan uns mexillóns de medio centímetro, ós que non se lle pode nin sacar o pelo de pequenos que son, mentres que en calquera peixería, sen envoltorio multicolor nin cousa polo estilo, ningún baixa da polgada de largo e son moito máis baratos. Por iso o amigo Xulio pide que cando o envase pon “mexillón galego”, se coide un pouco máis a presencia e non sexa esa minchiña sen afeitar que cabe no oco dun dente cariado. Tal vez, o noso defecto é que temos o produto pero non o sabemos vender.
O chauvinismo ten ese algo de cegueira que nos fai amosar certa hostilidade co máis popular para enxalzar as cousas máis inverosímiles ata o límite de competir teimudamente por comparación, o cal, moitas veces, nos fai quedar a medio camiño, esquecéndonos do verdadeiramente bo e insubstituíble.
Para exemplo do que se debe ou non se debe facer, este xoves, diante dunhas cervexas (xa sabedes vós de que marca) estabamos chegando á conclusión de que as ostras do Eo nada teñen que ver coas de Arcade, cando un asturiano que nos escoitaba se meteu na conversa e deunos unha lección de cultivos mariños, mareas e plancto que nos deixou abraiados, ata o punto de facernos ir á peixería para saborear a diferenza.

      Con isto do propio e do alleo, alguén quixo xulgar ó señor Donald Trump por invitar a un grupo de deportistas a un xantar tipicamente americano (segundo el mesmo o definiu), a base de hamburguesas e salchichas, algo que aquí, entre nós, sería criticado e rexeitado ó momento con todos os nomes imaxinables para chamarlle ó señor presidente bruto, vulgar, analfabeto, inculto e sen idea das normas mínimas da ética nin do protocolo culinario. Algo que incluso algún americano de pura cepa criticou aconsellando o tradicional pavo asado e o pastel de cabaza como substitutos máis idóneos na mesa da Casa Branca. Pero non negaredes que foi unha invitación moi patrioteira, só lle faltou poñer a bandeiriña das barras e as estrelas encima de cada prato. Con todo, vulgar ou non, non podemos acusalo de non promocionar o seu ata poñelo por encima das mellores viandas importadas e que agora xa teñen a nacionalidade americana, como a pizza italiana ou as tortillas e tacos mexicanos que ningún muro é quen de parar. E aínda diría que criticar a Trump por agasallar con hamburguesas é o mesmo ca criticar a Fraga por executar o espectáculo das queimadas nos seus momentos de euforia, salvando as diferencias culinarias.
      Non sei se iso se enmarca no patriotismo ou no chauvinismo, pero xa quixera eu ver a don Alberto invitando nalgunha recepción, no pazo de Raxoi, a sardiñas asadas sobre pan de boroa, a un caldo de repolo ou a un cocido con morro, rabo, e touciño, regado cun Barrantes en cunca de barro, para rematar cun bo café de pota, con gotas ou chorro de augardente, servido por camareiros de chaqué que faría as delicias de calquera delegación diplomática, e de paso había de valer para promocionar esa dieta atlántica tan nosa e tan envexada en medio mundo.


mércores, 13 de febreiro de 2019

IZNATORAF


Por Pepe de Rocaforte
Normalmente, cando vou ir de viaxe a un lugar onde nunca estiven, ó contrario do que fai a maioría da xente que coñezo, non busco información previa para me facer unha idea do que poderei ver. Son deses que, en cambio, despois de ter estado nun sitio que non coñecíamos nos poñemos a  indagar non só sobre o que vimos, senón tamén o que, por ignorancia, nos quedou sen ver.
Agora, que me preparo a irme de viaxe a Andalucía, venme á memoria a ocasión en que, fará sete anos en abril, tiven a primeira noticia da existencia dunha vila chamada Iznatoraf. Como poden supoñer vostedes, antes de estar alí non tiña nin idea de que houbese unha poboación así denominada. Precisamente, o primeiro que me chamou a atención foi ese nome tan curioso, ou tan estraño. E alá fun visitar, e coñecer, Iznatoraf, ou Torafe, como tamén lle chaman os seus veciños.
A vila, de arredor de mil habitantes, débelle o nome a unha locución árabe, hisn at-turāb, que seica ven significar algo así como “Castelo do Camiño”. Como case era de esperar, en Iznatoraf non se conserva na actualidade ningún castelo, pero hai restos das murallas que nos permiten imaxinar como puido ser a fortaleza.

A poboación está situada no alto dun outeiro (ou teso, como lle gustaría chamarlle a Uxío Novoneyra) desde onde se abarca unha longa extensión de lombas suaves cubertas de oliveiras,  en curvaturas coma de ondas marítimas en suspenso, que se estenden en perfecta formación xeométrica por toda a contorna ata a liña do horizonte.
Ós coches non lle está permitido o acceso ó centro da vila, non só por prohibición municipal, senón porque as rúas son tan estreitas que non permiten a circulación de automóbiles. Así, a sensación de estar detidos no tempo, a calma e o silencio, son impresionantes.
E un detalle curioso: quixemos visitar a igrexa parroquial, pero estaba pechada. Era un día de semana, pola tarde, e cando lle preguntamos a uns rapaces que enredaban por alí ó lado, dixéronnos que, se esperabamos, poderiámola ver un pouco máis tarde, porque se ía celebrar a bendición do pan.
Non lembro agora a explicación que me deron, nin atopei información en internet, pero a fin de contas a cousa consistía en que os veciños ían á igrexa cuns moletes de pan amasados e cocidos no forno da casa  para que o crego procedese a bendicilos. Non sei ben se me dixeron que eses moletes eran amasados con ovo, ou se se me cruzou este dato co da cerimonia similar da relixión xudaica. Pero o que podo asegurar é que en Iznatoraf esa bendición celebrábase na igrexa católica parroquial de Nosa Señora da Asunción e alí puiden vela eu.
Non sei se o amigo especialista nestes temas relixiosos nos poderá ampliar e explicar o caso, porque o certo é que a min quedoume interese por saber algo máis do asunto.

luns, 11 de febreiro de 2019

Crónicas desde o outro mundo (5)



                                                                        O Curmàn de Undochán

Plátanos centenarios desde o meu 9º andar…
    Esta primavera austral madrugou o florecemento das árbores. Tanto, que ao chegar eu xa pasara o tempo florido dos plátanos que protagonizan a flora urbana montevideana, xeralmente rexeitados pola peluxe cor de ouro vello que botan xenerosamente e causan conxuntivites a cachón. A maiores, as suas e as raiceiras horizontais doutras árbores, como os autóctonos paraísos, esbandallan os paseos das ruas (veredas no español do país), levantando as lousas que é un mal endémico nesta tan dispersa como hiper arbórea urbanización.


     Si puiden gozar da florescencia lila das jacarandás, miñas predilectas, seguida da amarela das tipas, a estraren aceras e calzadas cun manto tan vistoso como molesto para os porteiros de fincas e barrendeiros. Como amoladora é a caída das follas en toda estación, agás no desfollado inverno, por mor dos fortes ventos a quebraren as ponlas… por suposto moito máis mesta a follaxe no outono.
     Logo, cara a ese outono, virán os paloborrachos, coa sua espectacular eclosión de grandes flores rosadas e os seus troncos espiñentos e cun feitío abombado, semellante a unha botella, que foi tal vez o causante do seu nome popular… e son aínda máis invasivos do chan, mesmo a produciren perigosos esbaramentos dos peóns. Todas tres árbores autóctonas das Américas, como o ombú (a bela sombra dos brasileiros, do cal temos un exemplar nos xardíns coruñeses, sen dúbida prantado por algún americano), o ceibo (do que tamén hai un representante na Casa de Rosalía) ou a palmeira, esta con máis dunha variedade americana.
     Hai, porén, un arbusto do que só vemos nas ruas capitalinas as suas flores, pois pertence ao ámbito dos xardíns privados (sendo moi explotados comercialmente), cal é o xasmineiro, que dá esas a xeito de gardenias xigantes chamadas jazmín del Cabo (por proceder antano do Cabo de Boa Esperanza, beiras dun país que fica á mesma latitude xeográfica que este que nos ocupa). O seu recendo findaneiro nas esquinas urbanas é ben gorenteiro, tal o doutras variedades locais, como o delicado jazmín del país ou de lluvia, coas suas pequeniñas flores tamén brancas. Hibiscos e adelfas completan sen a esgotar a flora da cidade.
     Tamén madrugueira por estes lares é a luz do día: pergúntome por que para uns poucos amañece ás 5’30… sendo que para uns moitos anoitece xa ás 20’30, isto cando os días máis longos? Aqueles madrugóns da flora son naturais, en canto este adianto nos reloxios é artificial, como produto de quen mando no conto… e tan deslocado como o atraso horario da Galiza nas interminábeis tardiñas de xullo…

     Todo este arborado, a formar as típicas bóvedas –máis propias que serían de estradas rurais que de ruas urbanas-, asombra aos visitantes, mesmo aos veciños do sul, e entre eles a aquel coruñés porteño, Adolfo Rey. que rexistrou no seu ampuloso e retórico “Notas de verano” (Buenos Aires, 1914),  “el arbolado magnífico” de Montevideo… frondosidade da que lle falei ao alcalde Gelo Seoane, ao admirar a luxuriante riqueza vexetal de Oleiros, cando a festa en celebración do meu amigo Nacho Taibo.
Versos ad hoc: “Jacarandás de mi pueblo/viento lila entre las ramas…", que dixo o poeta.