Por Pepe de Rocaforte
Normalmente, cando vou ir de viaxe a un lugar onde nunca estiven, ó
contrario do que fai a maioría da xente que coñezo, non busco información
previa para me facer unha idea do que poderei ver. Son deses que, en cambio,
despois de ter estado nun sitio que non coñecíamos nos poñemos a indagar non só sobre o que vimos, senón tamén
o que, por ignorancia, nos quedou sen ver.
Agora, que me preparo a irme de viaxe a Andalucía, venme
á memoria a ocasión en que, fará sete anos en abril, tiven a primeira noticia
da existencia dunha vila chamada Iznatoraf. Como poden supoñer vostedes, antes
de estar alí non tiña nin idea de que houbese unha poboación así denominada. Precisamente,
o primeiro que me chamou a atención foi ese nome tan curioso, ou tan estraño. E
alá fun visitar, e coñecer, Iznatoraf, ou Torafe, como tamén lle chaman os seus
veciños.
A vila, de arredor de mil habitantes, débelle o nome a
unha locución árabe, hisn at-turāb, que seica ven significar algo así
como “Castelo do Camiño”. Como case era de esperar, en Iznatoraf non se
conserva na actualidade ningún castelo, pero hai restos das murallas que nos
permiten imaxinar como puido ser a fortaleza.
A poboación está situada no alto dun outeiro (ou teso,
como lle gustaría chamarlle a Uxío Novoneyra) desde onde se abarca unha longa
extensión de lombas suaves cubertas de oliveiras, en curvaturas coma de ondas marítimas en suspenso,
que se estenden en perfecta formación xeométrica
por toda a contorna ata a liña do horizonte.
Ós coches non lle está permitido o acceso ó centro da
vila, non só por prohibición municipal, senón porque as rúas son tan estreitas
que non permiten a circulación de automóbiles. Así, a sensación de estar
detidos no tempo, a calma e o silencio, son impresionantes.
E un detalle curioso: quixemos visitar a igrexa
parroquial, pero estaba pechada. Era un día de semana, pola tarde, e cando lle
preguntamos a uns rapaces que enredaban por alí ó lado, dixéronnos que, se
esperabamos, poderiámola ver un pouco máis tarde, porque se ía celebrar a
bendición do pan.
Non lembro agora a explicación que me deron, nin atopei
información en internet, pero a fin de contas a cousa consistía en que os
veciños ían á igrexa cuns moletes de pan amasados e cocidos no forno da
casa para que o crego procedese a
bendicilos. Non sei ben se me dixeron que eses moletes eran amasados con ovo,
ou se se me cruzou este dato co da cerimonia similar da relixión xudaica. Pero
o que podo asegurar é que en Iznatoraf esa bendición celebrábase na igrexa
católica parroquial de Nosa Señora da Asunción e alí puiden vela eu.
Non sei se o amigo especialista nestes temas relixiosos
nos poderá ampliar e explicar o caso, porque o certo é que a min quedoume
interese por saber algo máis do asunto.
Sería interesante saber a data da tal bendición. E tamén baixo que advocación se fai.
ResponderEliminara data, se mal non lembro foi o 24 de abril do ano 2012
ResponderEliminar