Somos bos artesáns pero malos
feirantes.
Está moi ben iso do amor ó
propio e de loar o noso por encima do resto. Pero non todo é tan bo
nin todo o bo se promociona o suficiente, unhas veces por desleixo e
outras porque nos dá vergoña presumir daquilo que consideramos
demasiado común ou popular como para ser valorado. Así, por
exemplo, ambos casos se resumen nas conserveiras que enlatan uns
mexillóns de medio centímetro, ós que non se lle pode nin sacar o
pelo de pequenos que son, mentres que en calquera peixería, sen
envoltorio multicolor nin cousa polo estilo, ningún baixa da polgada
de largo e son moito máis baratos. Por iso o amigo Xulio pide que
cando o envase pon “mexillón galego”, se coide un pouco máis a
presencia e non sexa esa minchiña sen afeitar que cabe no oco dun
dente cariado. Tal vez, o noso defecto é que temos o produto pero
non o sabemos vender.
O chauvinismo ten ese algo de
cegueira que nos fai amosar certa hostilidade co máis popular para
enxalzar as cousas máis inverosímiles ata o límite de competir
teimudamente por comparación, o cal, moitas veces, nos fai quedar a
medio camiño, esquecéndonos do verdadeiramente bo e insubstituíble.
Para exemplo do que se debe ou
non se debe facer, este xoves, diante dunhas cervexas (xa sabedes vós
de que marca) estabamos chegando á conclusión de que as ostras do
Eo nada teñen que ver coas de Arcade, cando un asturiano que nos
escoitaba se meteu na conversa e deunos unha lección de cultivos
mariños, mareas e plancto que nos deixou abraiados, ata o punto de
facernos ir á peixería para saborear a diferenza.
Con isto do propio e do alleo,
alguén quixo xulgar ó señor Donald Trump por invitar a un grupo de
deportistas a un xantar tipicamente americano (segundo el mesmo o
definiu), a base de hamburguesas e salchichas, algo que aquí, entre
nós, sería criticado e rexeitado ó momento con todos os nomes
imaxinables para chamarlle ó señor presidente bruto, vulgar,
analfabeto, inculto e sen idea das normas mínimas da ética nin do
protocolo culinario. Algo que incluso algún americano de pura cepa
criticou aconsellando o tradicional pavo asado e o pastel de cabaza
como substitutos máis idóneos na mesa da Casa Branca. Pero non
negaredes que foi unha invitación moi patrioteira, só lle faltou
poñer a bandeiriña das barras e as estrelas encima de cada prato.
Con todo, vulgar ou non, non podemos acusalo de non promocionar o seu
ata poñelo por encima das mellores viandas importadas e que agora xa
teñen a nacionalidade americana, como a pizza italiana ou as
tortillas e tacos mexicanos que ningún muro é quen de parar. E
aínda diría que criticar a Trump por agasallar con hamburguesas é
o mesmo ca criticar a Fraga por executar o espectáculo das queimadas
nos seus momentos de euforia, salvando as diferencias culinarias.
Non sei se iso se enmarca no
patriotismo ou no chauvinismo, pero xa quixera eu ver a don Alberto
invitando nalgunha recepción, no pazo de Raxoi, a sardiñas asadas
sobre pan de boroa, a un caldo de repolo ou a un cocido con morro,
rabo, e touciño, regado cun Barrantes en cunca de barro, para
rematar cun bo café de pota, con gotas ou chorro de augardente,
servido por camareiros de chaqué que faría as delicias de calquera
delegación diplomática, e de paso había de valer para promocionar
esa dieta atlántica tan nosa e tan envexada en medio mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario