mércores, 3 de agosto de 2022

As festas


Unha das moitas fotos que andan polas redes sociais é a dun grupo de músicos subidos a un palco adornado con bandeiriñas e ramallada nalgún ano de antes de que a luz eléctrica entrase nas vilas galegas, co que se supón que a partir da posta do sol os cantantes entoaban o popurrí final e recollían os instrumentos. Pero a troula non acababa aí. Seguía nalgún salón privado, nalgunha taberna da vila ou neses “camiñiños entre o millo”.

Mais a festa xa comezaba antes de que os gaiteiros paseasen polas rúas coas súas marchas e alboradas ou que as bombas espertasen ós veciños coas primeiras luces da mañá. O sinal de saída dábase uns días antes coa invitación na casa patrucial a todos os achegados, incluíndo a quen morase noutras vilas (ós que fóra foron casar), e cunha dilixencia desenfreada para ter todo disposto, porque, unha festa non é tal se non se comparte, se non se vive e convive. Agora imos ó restaurante e a celebración facémola fóra, pero ata non hai moitos anos o comedor ou a cociña era o lugar onde se reunían familiares e amigos presididos polo cabeza de familia, os homes sentados e as mulleres sen descanso trafegando con potas, pratos e cubertos, nunha actividade que polo xeral comezaba na véspera, a lume lento.

Cambiaron as formas e as normas. Os callos, os cocidos e as empanadas déronlle paso ás mariscadas, e non é que daquela non houbese marisco, pois había máis que agora, a pesar dos furtivos e dos lambóns sen conciencia, pero era xente que necesitaba enerxía e non pitanzas. Incluso se compartían as potas entre veciños, para que tamén aqueles que non estaban na mesa degustasen as exquisiteces.

Eran días de música e comida, de relaxación, xogos e competicións deportivas, de bolos antes de que nos invadira o fútbol, ou carreiras de sacos antes de que o jogging, o mal chamado footing, se apoderase das rúas.

Eran outros modos pero seguimos agardando pola festa dende varios días antes, facendo reservas no mercado e no restaurante, e regalándonos coa visión dos toldos e chigres que enchen de ilusión a maiores e cativos. E xa non importa que se poña o sol, agora a electricidade non só permite que sigamos paseando entre os postos a medianoite como se fose o mediodía, tamén podemos seguir bailando ou escoitando música véndolle a cara ós músicos. Cambiaron as formas pero non a maneira de sentir, onde antes se bebía viño da casa agora degústase e trasfégase algún de marca rexistrada, onde antes se bailaba unha polca agora sáltase ó ritmo da canción de verán. Pero, de momento, e mentres a globalización non nolo quite, os gaiteiros seguen espertándonos ó amencer e seguiremos, entre os trescentos sesenta días de traballo, dedicando ó menos un par deles para celebrar a vida.

(Este artigo foi publicado no especial sobre as festas de Ribeira na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


xoves, 28 de xullo de 2022

UN TIRO PARA MÉNDEZ FERRÍN


Por Pepe de Rocaforte


    


 

Non teño un recordo claro de como e cando coñecín a Xosé Manuel del Caño, pero debeu ser tal vez nalgunha visita a Ourense, alá polos inicios dos anos oitenta, e quizais nalgunha das nosas primeiras conversas sairía a relucir o nome de seu tío Carlos del Caño, quen desde Os Peares mandaba ó xornal “La Región” unhas colaboracións cheas de intención e ironía, que por sorte para min continuarían en “Follas secas”, a revista dirixida por Xosé Manuel naquela época prometedora para as revistas en galego, recordemos “Teima” de fins dos setenta, “Man Común” de principio dos oitenta e, como non, as “Follas secas” de Xosé Manuel del Caño, con abondosas mostras do humor gráfico de autores posteriormente tan sobranceiros como Carlos Silvar, Xosé Lois “O Carrabouxo” ou Xaquín Marín. Con grandes poetas como Novoneyra, Antón Tovar e Guerra Dacal. Narradores da talla de Méndez Ferrín e Neira Vilas, nunha relación que se faría excesiva para as intencións con que escribo estas liñas. Pero na que non podo deixar de citar a Margarita Ledo e Pilar García Negro, a Basilio Losada, Carballo Calero e Franco Grande, a prometedora xente nova como Camilo Franco e Marcos Valcárcel...


Agora, recén xubilado das súas tarefas xornalísticas, Xosé Manuel del Caño ofrécenos unha nova mostra da súa xa extensa relación de obras informativas e literarias con “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias”, colección de retrincos, no seu día non incluídos noutros libros dos que en principio poderían formar parte, pero que aquí cobran un novo sentido que en moitos casos transcende a simple anécdota para acadar unha altura creativa que satisfará a quen como eu agora empece a follear as súas páxinas.

(Texto redactado para a presentación na Feira do Libro da Coruña o día 1 de agosto de 2022 do libro de Xosé Manuel del Caño)



xoves, 21 de xullo de 2022

JAIME SANTORO, POSITIVAMENTE

Por Pepe de Rocaforte


Hoxe volvo botar man dunhas páxinas que atopei remexendo papeis vellos á espera de ver algo que me dese pe para unha nova colaboración semanal. O que encontrei foi o texto dun prólogo que, hai xa moitos anos, me pedira un amigo, Jaime Santoro, para poñer ó frente do seu libro de relatos “Positively. Finalmente os editores decidiron prescindir do meu prólogo e as súas páxinas ficaron esquecidas nun caixón e, a falta de pan, velaí ese meu texto de xa hai máis de trinta anos. Se con estas liñas houbese alguén disposto a ler ese fermoso libro de Jaime Santoro xa me daría por satisfeito e o posible lector habíamo agradecer, deso non teño dúbida.

¿Como expresar o pracer que sentín con relatos como “A saudade finxida”, “Eles”, ou “Positively, un encontro casual”? O humor, a ironía, a tenrura, presentes xa desde os diálogos introdutorios de cada conto, son as características sobranceiras deste libro de Jaime Santoro. Características que me lembran a Woody Allen ou ás primeiras novelas de Aldoux Huxley, Yellow Crome ou Those Barren Leaves (titulado, na tradución que eu lin, “Arte, Amor y todo lo demás”).

Laing, en “O Eu dividido”, fala dun xogo de espellos no que ó se ver reflexado pode atopar o home a Outro que non é El (Un individuo que non se experimenta a si mesmo como unha persoa completa senón como dividida de varias maneiras, quizais como unha mente máis ou menos ligada a un corpo, como dous ou máis eus, e así sucesivamente). No relato “Eles”, Santoro parafrasea ese desdobramento (son dous focos que aboian en min, diferentes, pero paradoxicamente unidos nunha mesma conciencia”), nun xogo sempre resaltado por unha ironía da mellor caste.

En “A saudade finxida”, relato en espiral descontinua no cal, só o disfrace das palabras, o xogo literario do finximento -finxir que se finxe, como na tópica cita de Pessoa-, o artellar as pezas de maneira distinta para chegar a acadar a mesma figura refacendo unha e outra vez a infancia, a vida enteira, de modo que se acomode ós nosos desexos, desexos que non queremos confesar aínda que fervemos por que se saiban, son manexados con mestría polo autor.

Se reparamos en “Fixarse en ti”, a ironía dá paso a unha historia emotiva, tensa, na que se albisca a angustia adolescente do inicio dunha primeira relación amorosa. Ou “A figueira”, un retorno ás raíces na voz dun narrador distinto ó habitual da maioría dos relatos deste libro.

A ironía dispárase en “Positively, un encontro casual”, historia que transcorre como un río caprichoso, pero co curso rixidamente prefixado pola “Norma”, co inicio nunha festa de Entroido na Alemaña para proseguir nun departamento dun tren con destino a Frankfurt, onde se reúnen o narrador, unha monxa que leva latas de cervexa debaixo do hábito coas que convidar a un eventual compañeiro de viaxe, e un home alto, co traxe tradicional suavo, que se pon a repartir salchichas ó tempo que ofrece un tarro de mostaza no que mollalas, mentres se enfrascan os tres nunha elevada, e hilarante, controversia filosófica, para seguir cunha estrambótica festa nun chalé madrileño, continuar nunha estraña peregrinación nocturna o día do Apóstolo en Santiago e rematar cunha imposible volta ó principio, porque ¿é o facerse da identidade unha liña continua, descontinua, ondulada, espiral, un simple punto irradiante, un sampler (sampler de que?), ou unha cebola? Velaí o problema, ¿como representar a evolución que leva á maduración da identidade para rebobinar e repetir as cousas tal e como deberían ser?



A Coruña, setembro de 1999


sábado, 16 de xullo de 2022

A Virxe e o escapulario



Na comunidade con máis quilómetros de costa de todo o Estado, o 16 de xullo é un día grande. En cada vila mariñeira celébrase algún acto para honrar á súa patroa e lembrar ós náufragos, con barcos empavesados e procesións coa Nosa Señora embarcada a percorrer os lugares onde os seus devotos laboran acotío.

Sen embargo o Carme é unha advocación nova, pois ata finais do XIX a quen os mariñeiros festexaban era a aqueles santos que figuran como pescos de profesión, Pedro, Andrés ou Bartolomeu. Lembremos que ela só é patroa da Armada Española dende abril de 1901, e se repasamos as advocacións mariñeiras da Barbanza vemos que só ostenta o padroado en parroquias que naceron a partir de mediados do pasado século e, antes ca ela, só Nosa Señora de Belén, que se introduciu hai uns cincocentos anos como avogosa contra a piratería, segundo nos recorda Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza, se pode contar como unha advocación mariana de protección a pescos e mariños.

A do Carme chegou tarde pero convenceu. Fáiselle máis festa a ela que a moitos patróns parroquiais.

Para darse a valer visitou a Simón Stock no monte Carmelo, seguramente sen o hábito con que agora a coñecemos, prometéndolle que a todo aquel que morrese co seu escapulario ó pescozo, ela mesma baixaría a liberarlle a alma das chamas do purgatorio. Pero a promesa, a pesar de non ser custosa, pois só pedía levar un anaco de hábito carmelita, non acababa de callar nos devotos, e non sería ata a reforma da orde, tres séculos máis tarde, con Tereixa de Xesús e Xoán da Cruz, facendo fincapé nas virtudes e beneficios que a posesión de tal amuleto lle outorgaba a quen o portase, que comezaron a popularizalo. Os primeiros foron os mineiros, quen, asociando a idea de que o purgatorio era algún lugar situado no fondo da terra, baixaban con ese retallo de hábito por se a desgracia os collía picando mineral, e deles o costume pasou ós mariñeiros que axiña o incluíron como unha prenda máis do seu vestiario de faena, por se un mal golpe os facía descender ás profundidades, convencidos de que a mesma Virxe, vestida de marrón, había de rescatar a todos aqueles que levasen consigo o devandito salvoconduto.


Da lenda pasouse ás iconografías que a representan botando o seu distintivo como cabo salvador de náufragos e penados, como tamén se ve en grande cantidade de petos de ánimas espallados por toda a xeografía, incluso en terras arredadas da beiramar, para facer así máis universais as virtudes do escapulario.

    (Este artigo foi publicado baixo o epígrafe Lingua Proletaria no especial sobre "O Carme" publicado na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).




mércores, 13 de xullo de 2022

DE “UN HOME NAMORADO”

Por Pepe de Rocaforte

 

        


 

Nuns tempos tan calorosos como os que nestes días padecemos, ou algunha outra xente desfruta, sucédenos, polo menos sucédeme a min, que as escasas ganas de facer algo con que me levanto decote, multiplícanse con este bochorno estival. E entón é cando se me ocorre pensar no motivo polo cal nos países nórdicos se dan tanto os bos escritores. Co viruxe que alí deben soportar grande parte do ano, o máis normal parece sentarse diante dunha mesa-camilla co seu correspondente braseiro e poñerse a encher folios en branco ata rematar unha peza teatral como as que escribía Ibsen, ou unha novela como as que se lle ocorrían a don Knut Hamsun. (Desculpen esta imaxe tan anticuada, que nos retrotrae ós tempos de Ramón Piñeiro, actualmente supoñamos que o escritor se pon frente a pantalla do ordenador nun aseado cuarto con calefacción central e alí se dedica ó seu labor creativo).

            E aproveitando que levo unha temporadiña lendo unha novela de Karl Ove Knausgard, “Un home namorado”, vou copiar un fragmento dela e poñelo aquí, no lugar desa colaboración semanal que non acaba de se ne ocorrer. E eso sairán vostedes ganando.

 

            «Escribir unha novela é marcarse unha meta e logo camiñar durmido cara a ela, dixera Lawrence Durrell nunha ocasión. E era verdade. Non só temos acceso á nosa propia vida, senón a case todas as vidas que existen na nosa civilización, non só temos acceso ós nosos propios recordos, senón a todos os recordos desta fodida cultura, porque eu son ti e ti es todo o mundo, vimos do mesmo, imos ó mesmo, e polo camiño todos oímos o mesmo na radio, vemos o mesmo na televisión, lemos o mesmo nos xornais, e en nós está a mesma fauna de rostros riseiros de persoas famosas. Aínda que ti esteas nun minúsculo cuarto, nunha minúscula cidade a miles de quilómetros dos centros do mundo, sen te encontrar cunha soa persoa, o seu inferno é o teu inferno, o seu ceu é o teu ceu, só tés que rebentar ese globo que é o mundo e deixar que canto hai nel se esparexa por todos os lados.


            »A linguaxe é compartida, medramos dentro dela, e as formas nas que a usamos tamén son compartidas, de modo que por moi idiosincráticos que sexades ti e as túas ideas, na literatura nunca poderás abandonar ós demais. Ó revés, é a literatura quen nos achega os uns ós outros a través da linguaxe, que non é propiedade de ningún de nós, e en quen apenas conseguimos influír, e a través da forma, que ninguén pode transgredir por si só, e se alguén o fai, unicamente ten sentido se outros o seguen de inmediato. A forma sácate de ti mesmo, afástate do teu ego, e é esa distancia a que constitúe a condición necesaria para a proximidade ós demais».

E, con estas, teñan todos un feliz día de praia.