xoves, 28 de xaneiro de 2016

CRÍTICA LITERARIA



Por Pepe de Rocaforte
            Déuseme nestes días pasados por empezar a ler unha novela de Javier Marías, “Fiebre y lanza”, primeiro título da triloxia “Tu rostro mañana”. Si, xa sei, esa novela foi publicada en 2002, xa choveu desde aquela; pero creo ter dito aquí mesmo que entre as miñas lecturas non abondan moito os títulos de publicación máis recente. Se non lembro mal a única novela publicada en 2015 que lin por agora foi “Tambien esto pasará” de Milena Busquets, da cal (por suposto) non vou falar agora.
            Volvendo a “Fiebre y lanza”. Empecei con ela e a primeira impresión que me veu á cabeza cando levaba entre quince e vinte páxinas lidas, foi a de atoparme diante dun abuso de palabrería un tanto indixesto. Como se aínda estivésemos no pasado outono, as follas caídas das árbores formaban unha alfombra que impedía ver o “esplendor” da herba. Pero proseguirei coa lectura, díxenme. Malo será que máis adiante non apareza un varredor que limpe toda esta follatada. Seguramente sucede que o autor, cando empeza a escribir unha novela,  ten certas vacilacións, aínda non está moi seguro de cómo enfocala, que camiño tomar, etc., pero indo máis adiante todo empezará a axustarse e tomar forma como é debido.
Ocorréuseme comentar esto cun amigo e recomendoume botarlle unha ollada a unha páxina de internet que, segundo el, me había interesar polas súas opinións sobre a obra de Javier Marías. Seguín as súas instruccións e entrei aquí

            Non sabía quen era Manuel García Viñó, o autor destas críticas, e tiven que botar man do Google para descubrir que se trataba dun profesor universitario, co seu prestixio máis ou menos admitido, nacido en 1928 e morto en 2013, pero morto “coas botas postas”, como di un amigo e admirador seu, deixando listos para publicar varios artigos de crítica literaria, nos cales supoño que dispararía con balas de similar calibre ás utilizadas contra Marías.
Pola miña parte, para non deixar todo o peso nun lado da balanza entrei tamén neste outro sitio 

E polo tanto vouno deixar tamén á consideración de calquera posible lector deste blog. O tema dedicado a García Viñó foi publicado o 14 de octubro de 2005 co título de “El crítico en la cloaca”. Búsquese na columna da dereita, “Archivos de La Senda”.
            A todo esto vénme á cabeza o recordo de cando Xesús González Gómez colaboraba coas súas críticas de libros nA NOSA TERRA e moitos autores botábanse as mans á cabeza diante da inmerecida dureza con que eran tratadas as súas obras polo valdeorrés afincado en Barcelona. Chovéronlle por eso moitas contra-críticas, ad hominem a maioría delas. E pensar que aquelas reseñas do Xesús, á vista do que se ve por aí eran verdadeiros carameliños de café con leite…

Ningún comentario:

Publicar un comentario