xoves, 14 de xaneiro de 2016

MAN DE CAMELLE OUTRA VEZ



Por Pepe de Rocaforte

            Uns días antes destas últimas festas un amigo comentoume que andaba a voltas coa idea do guión para unha longametraxe sobre Man de Camelle e pedíame as informacións que eu lle puidese aportar sobre a súa vida. Explicábame que tal como o imaxinaba, a forma máis axeitada para desenvolver a historia parecíalle a dunha película de debuxos animados, onde da man do relato da vida dese home en Camelle trataría de abordar unha “historia” da Alemaña onde Man vivira antes de recalar na Costa da Morte.
            Finalmente comentoume que, ó menos polo de agora, para el rematara o asunto porque a produtora para a que traballa opinou que a idea de facer debuxos animados non lles semellaba facedeira, por careceren de experiencia nese campo.
            Entre tanto andei dándolle voltas ós papeis e gravacións de audio que conservo (por certo en bastante mal estado a estas alturas) relacionadas con Man e entre outras pequenas cousas de escasa valía (pola miña culpa como investigador, enténdase) encontreime cun parágrafo onde o home me falaba da súa obra. Pareceume tan fermoso que non me resisto a reproducilo.
Dicíame Man: "Eu son como un camelo. Un camelo que leva sobre o lombo un tapiz delicado, fermosísimo. Outros camelos levan leña enriba das súas xorobas, fardos de mercancías, transportan homes. Eu levo enriba ese tapiz, unha obra de arte que pode resultar atractiva ou non. Pero o tapiz non son eu, eu só son o camelo que o transporta mentres vai tripando cos seus pes a area ardente do deserto..."
            E aquí vénme á cabeza a opinión doutro amigo, segundo quen a historia de Man a partir da súa chegada a Camelle non ten maior interese. En todo caso, para el, o único interesante sería afondar na súa vida na Alemaña e nos outros países por onde andou antes de vir dar aquí.
Non son do mesmo parecer, pero gustaríame coñecer algunha outra opinión ó respecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario