luns, 18 de xaneiro de 2016

San Paulo o eremita.



Estes primeiros días do ano reúnen no santoral a moitos eremitas, con toda seguridade co propósito de amosar como a soidade e o illamento a que nos invita o desapracible e frío tempo desta primeira época do ano, ten outras recompensas se se aproveitan con ben, tal vez a reflexión e a esperanza de que outro tempo mellor ha de vir neste ou nos vindeiros meses, nesta ou na outra vida. E un dos santos eremitas, de vida máis retirada e solitaria imaxinable, de máis longa reflexión sobre as cousas daquí e daló, e este Paulo que viviu entre finais do século III e principios do IV, agochado nun deserto, primeiro por fuxir da persecución que Dacio levou a cabo contra os cristiáns, e logo porque lle colleu gusto a aquel tipo de vida retirada, a pesar de pertencer a unha rica familia de Tebas, alimentándose tan só do pan que un corvo lle levaba.
Na súa soidade, acabou por amansar a dous leóns que coas gadoupas cavaron a tumba onde quixo ser soterrado, vestido cunha túnica feita con follas de palmeira entrelazada que el mesmo confeccionara e era todo o seu enxoval, favor que lle pediu a outro eremita famoso: santo Antón abade.
Os fabricantes de esteiras téñeno por patrón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario