Triptico do Bosch |
Nestes chanzos que nos levan dos fastos ós
festexos, non quería esquecer a unha santa galega nacida en Baiona, a quen os haxiógrafos
lle poñen data de nacemento no ano 119, cando o resto dos galegos aínda
adorábamos a Lug, Navia e outros polo estilo. Pero tan milagrosa é a súa
figura, que ata para nacer se fixo acompañar de outras oito irmás xemelgas,
todas dun parto, cando o pai, gobernador de Galaecia e Lusitania, andaba de
inspección por outras terras. De maneira que a nai, adoecida de tanto parir,
temendo que o esposo ó volver desconfiase da súa fidelidade, entregoullas a
unha das criadas para que se desfixese delas arroxándoas ó Miño.
Había que ter corazón de ferro para facer tal
atrocidade, e como pasou noutros casos na historia e na mitoloxía, as cativas
fóronlle entregadas a un pastor que as criou na fe cristiá e o mesmísimo santo
Ovidio, bispo de Braga, as bautizou e adoutrinou en secreto.
Santa Liberata en Baiona |
Como queira que fose, a persecución de
Adriano chegou a Galiza e o pai das cativas, tivo que oficiar de xuíz, e como
tal descubriu a súa paternidade. E se por un lado non podía soportar o suposto
engano da esposa, polo outro non ía permitir que as cativas se metesen nunha
seta como aquela que pregoaba consignas contra o poder establecido que el
representaba. Mandou pois que a prendesen e metesen nunha cadea para
reflexionar, pero fuxiron.
Liberata, refuxiada en Castelo Branco, axiña
foi apresada e condenada por rebelde e insubmisa a morrer crucificada un once
de xaneiro do ano 139.
Sen embargo, dado que os seus restos foron
trasladados a Baiona o 20 de Xullo do 1515, en tal data fanlle festa na súa
vila natal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario