Entramos nun momento do ano no que se veneran moitos
santos solitarios, a cada cal máis curioso, santos que, evocan o triunfo sobre
o ermo e a soidade tan propias do inverno, facendo triumfar o sacrificio, o
recollemento, e a soidade sobre todo tipo de tentacións. Tal este Simón que
viviu sobre unha columna no deserto.
Cóntase del que se impoñía tan grandes penitencias,
que os mesmos monxes do seu convento lle pediron ó abade que o botase fóra por
esaxerado, e botouno. Pero o home na súa incesante procura da paz espiritual,
deu en meterse no fondo dun pozo para facer penitencia e xaxún durante toda a
Coaresma. Pero como así non amosaba o seu sacrificio pola fe, tivo a idea de construír
unha columna sobre a que se colocou dedicado só a rezar e beber auga como
mostra de que o sacrificio santifica o corpo. E converteuse en todo un
espectáculo. Os curiosos ían ó pé da columna, non máis alta ca cabeza dun home,
para velo e escoitalo, e dado que a afluencia de público non lle deixaba
meditar, argallou outra da altura de catro homes, sobre a que estivo durante
dez anos a vento e chuvia. Mais, aínda non contento, construíu outra o dobre de
alto onde permaneceu catorce anos máis.
O
espectáculo medraba e atraía a unha moitedume de curiosos, polo que, para
facelo aínda máis difícil, construíu outra equivalente a altura de oito homes,
cunha superficie tan pequena, que tiña que durmir sentado. Pero, temeroso de
ser tentado coas argalladas do diaño, prohibiulle ás mulleres acceder o recinto
da súa columna; e como aínda lle parecía que aquilo non era suficiente
sacrificio, decidiu sosterse sobre un só pé. E tal era o espectáculo que
armaba, e tan grande a multitude que acudía a escoitar os seus sermóns que
predicaba dúas veces ó día incitando a seguir o seu exemplo.
E ó
final, tras máis de corenta anos subido a un plinto, deixou este mundo ós
sesenta e nove anos de idade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario