mércores, 6 de xaneiro de 2016

RUTINAS

Por Pepe de Rocaforte
 
Belén de Arturo Baltar en Ourense
           Claudio Magris, no inicio de “Utopía e desencanto”, cita uns versos de Leopardi sobre a esperanza, a fins de cada ano, de encontrar un ano máis feliz que os anteriores, ós que tamén, pola súa vez, se esperou coa confianza de que traerían consigo unha felicidade que, porén, nunca trouxeron.
            Moitas veces queixámonos da monotonía de todos os días iguais, sen variacións que rompan a súa rutina, e saudamos cunha certa esperanza indefinida a chegada destas datas en que confiamos saír da monotonía cotiá do resto do ano. Pero o único que acadamos é outro repertorio de lugares comúns, de reiterados rituais festivos adobados coas frases convencionais de desexos de felicidade e boas perspectivas para o ano entrante, para comprobarmos unha vez máis que a única variación consistiu en entrar noutra dinámica repetida, agora dunha periodificación máis alargada, pero igualmente rutinaria, que nos fai sentir saudade das anteriores rutinas digamos a curto prazo, de máis breve tempo de repetición.

            Así unha vez e outra. Non escarmentamos. E saltamos dun ano ó seguinte coa única variación da cifra final do calendario, á cal tampouco lle deberiamos dar maior importancia. De calquera xeito, por non poderme evadir como quixera destes reiterativos costumes, aproveito a ocasión para desexarvos a todos que o ano recén comezado vos (nos) traia toda a ventura a que aspiramos. Dígovolo de corazón.

            E xa que empecei cunha cita apañada de Claudio Magris, vou rematar cun poema que vén no mesmo libro aludido ó principio. Di Magris que o descoñecido autor desta poesía á morte dunha persoa amada, é un dos tres mil “piaroa”, unha poboación india que vive, illada, na América meridional, na selva tropical que se estende en La Guaira e o Alto Orinoco. Seica foi recollida en 1956 por Giorgio Costanzo nunha expedición ó Amazonas. En principio non ten que ver co tema anterior, pero pareceume tan fermosa que non me resisto a dárvola a coñecer.


A hamaca pequena está baleira…
En silencio olla a lúa alta por riba dos carballos.
…A auga do río flúe cara ás fervenzas,
as follas voan no vento:
toda a selva se move. Tamén a túa canoa
se arrola no río.
Só ti estás inmóbil so a gran Pedra Negra.

E eu pensaba que todas as cousas

vivían unicamente por ti…

Ningún comentario:

Publicar un comentario