Por Pepe de Rocaforte
Hai xa
dous ou tres anos o xornalista Javier Calvo Perales prometía no seu blog non
volver escribir para ninguén se non era a cambio de diñeiro. Hoxe en día, a raíz
das informacións aparecidas na prensa nos últimos tempos, a promesa máis
axeitada, sobre todo para xubilados e pensionistas, sería non volver escribir.
Sen máis. En caso contrario corremos o risco de ver suspendida a nosa pensión
os que con tal regalía sobrevivimos.
Non sei
se o asalto a esas pensións, acadadas despois de cotizar “relixiosamente” con
cargo ós nosos soldos de cando estabamos “en activo”, parte de Fátima Báñez,
ministra da Seguridade Social no último goberno de Mariano Rajoy, ou de
Cristóbal Montoro, ministro de Facenda na mesma lexislatura, tanto me dá Xan
como a súa irmá.
Esta faena xa vén do ano 2013, pero a alarma empezouse a estender a fins de
2015 despois de que un grupo de xubilados, participantes como extras na rodaxe
da película “Ocho apellidos catalanes”, recibisen o requerimento da Facenda
para devolver do importe da súa pensión o equivalente ás cantidades cobradas no
seu debut como figurantes de cine.
En
principio moitos tomámolo a broma. Parecíanos imposible. Pero logo vimos a
noticia de que as dúas primeiras vítimas desta mesquindade parecen ser os
escritores Antonio Gamoneda e José Manuel Caballero Bonald, e agora xa se di que
outros doce autores, entre os cales están Javier Reverte e Eduardo Mendoza,
pleitean por defender o que consideran
un ataque flagrante ós seus dereitos.
As
informacións parecen aínda un tanto confusas. Por unha parte dise que o
ministerio actuará cando os importes cobrados superen os 9000 euros anuais
(salario mínimo interprofesional); pero as cantidades reclamadas ós figurantes
cataláns non parecen indicar tal cousa. A non ser que no primeiro caso se
proceda a cancelar o dereito á pensión na súa totalidade, e no outro suposto (percibir
menos de 9000 euros) detraerase o importe cobrado do que cada un percibe como
pensionista.
¿Vistes
unha cousa máis mesquiña? Sobre todo á vista das amnistías fiscais de que gozan
conspicuos defraudadores habituais. Pero esto pásanos ós que escribimos por
exercer a función de tontos de capirote. Non hai máis que ver as porcentaxes
que as editoriais lle pagan ós escritores, produtores da materia prima
editorial, para saber que a fin de contas somos a última carta da baralla e só
nos falta pagar a cama para completar a xogada.
Aínda
que aquí debo dicir que non somos os únicos nin os que nos atopamos en peor
situación. Hai dous días, na fachada da Casa do Pescador de Malpica, vin unha
pancarta onde se informaba de que o prezo medio de xurelos e xardas percibido
polos barcos da flota do cerco é de 0,50 euros o quilo. Sabedes o que nos costa
o pescado na praza, tampouco aquí compre dicir máis. Tan só mostrar solidariedade
cos pescadores que durante case tres meses estiveron acampados diante do
edificio da Xunta en San Caetano para reclamar un máis equitativo reparto das
cuotas de pesca. Eles, peor aínda ca nós, verdadeiros pringaos, están sendo ninguneados polo goberno autonómico e acábanse
de ver finalmente obrigados a levantar o campamento sen acadar resposta ás súas
reivindicacións.
As atrocidades de facenda cos xubilados, a quen ó parecer lles está prohibido aportar nada á sociedade segue neste enlace: http://www.infolibre.es/noticias/politica/2016/01/20/hacienda_multa_con_casi_000_euros_una_jubilada_por_impartir_manualidades_dos_horas_semana_43629_1012.html
ResponderEliminarAcabo de ver o enlace indicado. Tristísimo! E bestialmente desproporcionado. E o peor é que hai máis casos dos que imaxinamos. Aquí mesmo, un dos que escriben neste blog tamén foi multado pola Facenda. Para o caso de quen cobre calquera migalla por escribir, indico o enlace que me remitiron da Asesoría Xurídica da ACE (Asociación Colegial de Escritores de España): http://acescritores.com/la-situacion-de-los-escritores-frente-a-la-seguridad-social/
EliminarTense ós escritores como uns privilexiados, por xente rica e sobrada, porque hai quen pensa que o escritor é un deses vendedores de papel impreso que aparecen nas listas de máis vendidos. Quixera saber cantos escritores poden vivir do que escriben, e cantos, por escribir, son perseguidos como delincuentes públicos, se non é coa censura é con facenda, como estamos a ver.
ResponderEliminarPor non sairmos do entorno máis inmediato podemos citar a Blanco Amor e como pasou os últimos anos da súa vida. Se de persecucións (e paso pola cadea) polas ideas políticas, así a bote pronto ocórrenseme os nomes de Méndez Ferrín ou Cid Cabido. E por se eso fora pouco, agora, xa o vemos, perseguidos polo Ministerio de Traballo.
EliminarEste goberno pode facer o que queira. Son unha panda de sinvergoñas avalados por millóns de outros coma eles.
ResponderEliminarCreo que non está mal este artigo do ex-ministro César A. Molina sobre o tema:
ResponderEliminarhttp://cultura.elpais.com/cultura/2016/02/01/actualidad/1454352040_220576.html