martes, 16 de febreiro de 2016

Receita para facer filloas




            Dado o interese que moitos dos lectores deste caderno amosan polo artigo titulado Filloas á Pedra, no que se fala da pedra usada para facer filloas, exclusivamente, queremos asemade incluír a receita para facelas co fin de que ninguén se quede co mel nos beizos ou co gusto na punta da lingua, seguindo unha receita recollida en Peiro, Culleredo.
            A receita que presentamos é de casa farturenta, onde non poden escasear os produtos, empezando polos ovos, polas ducias de ovos ós que se lles mestura por cada un dúas culleradas de fariña e a auga do caldo batendo ata facer unha pasta de densidade baixa e sen grumos. Logo, na tixola ou na pedra da filloeira ben quente, úntase con touciño e bótase un cullerón do amoado feito, deixando que se faga por ambos lados, e así, máis ou menos durante o tempo que nos leve en proporción ós ovos que usamos.
            Hai quen substitúe a auga do caldo por sangue de cocho, por auga limpa ou por algo de leite, nisto non se discute, depende dos cociñeiros e do gusto dos comensais.
            E logo, hai quen lle bota azucre, quen mel, quen marmelada e quen envolve con elas uns roxóns quentes. Sexa como sexa, estamos diante dunha das receitas máis acomodaticias que existen, tanto para primeiro prato como para sobremesa, para almorzo ou para merenda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario