xoves, 25 de febreiro de 2016

AS FLORES DA CORREOULA



Por Pura Tejelo

                                                                 Árbores de Lola Fernández


Coa flor da correoula que gabeaba pola muralla vella
faciamos toucados de noiva
na pequena praza
transformada  en salón de baile.
Os banzos  que adentraban na  solaina  da señora Concha
remedaban  reclinatorios engalanados
 onde os xoenllos  consagraban a cerimonia.

As nenas casabamos por ter  unha coroa de flores na cabeza,
casulos espumosos verquíanse  en fervenza sobre os cabelos  de frescura,
brotes brancos flotantes entre as edras vellas.

Non sei como os nenos compartiron
este  xogo os días  daquel verán.
Quizais nos amaron en secreto
ou amaron o arrecendo e a beleza das flores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario