Por Pepe de Rocaforte
Baixei a Lisboa e ó sur de Portugal
moitas veces e nunca se me ocorrera pasar por Peniche. Fíxeno por fin un día e
a vila, de entrada, pareceume un poblachón desartellado, estraño, cun certo
aire de fin do mundo de raro atractivo, tal vez por contraste coa fermosura de
cromo de São Martinho do Porto, a miña parada anterior.
Nun folleto apañado na oficina de
información turística lería que Peniche foi unha illa ata o século XV. E un
certo aspecto illado, arredado, continúa a ter hoxe. Ou polo menos esa foi a
miña impresión ó chegar.
Atravesei as rúas ata o porto, de
onde saen barcos turísticos para as Illas Berlengas, e deixei o coche no
malecón, debaixo dun letreiro preventivo: “PERIGO - MAR TRAIÇOEIRO”, que me trouxo
o recordo doutro similar visto nunha localidade española do Cantábrico:
“PELIGRO – REBASES DE AGUA CON
TEMPORALES”. A comparanza entre un e outro texto paréceme mostra elocuente das
diferenzas entre o carácter portugués e o español.
Case ó lado de onde parara estaba a
Fortaleza, prisión durante a época salazarista, unha mole con mostras de triste
abandono, a pesar dos arranxos que a converteron nun museo onde, como en botica, hai un pouco
de todo: coleccións de cunchas, mostras de traballos de encaixe, mobles,
cadros, libros escolares de épocas pasadas e, o máis importante, as celas de
seguridade da antiga prisión fascista, con reconstrucións de cómo era a vida
dos reclusos, reprodución de informes da policía do réxime, mostras de
traballos dos presos, cartas, unha colección de debuxos de Álvaro Cunhal, quen
ademais de dirixente do Partido Comunista, tamén foi escritor (a novela “Até
amanhã, Camaradas”, publicada en 1974 co seudónimo de Manuel Tiago, é obra súa)
e debuxante (acompaño dúas mostras dos seus “Desenhos da Prisão”).
Esta parte do museo, emotiva,
sobrecolledora, é outra boa mostra das diferenzas entre Portugal e España,
entre unha revolución, por moderada que fose, e unha “transición” feita por e
para os mesmos que controlaran o réxime anterior, como é o noso caso.
De calquera xeito dáme a impresión
de que o maior atractivo hoxe para os visitantes de Peniche son as ondas do seu
mar, ideais para a práctica do surf.
Se alguén de vós é practicante dese deporte e non lle ten medo ás vagas poderosas,
pode achegarse a surfear alí. Eu
conformeime coa visita á Fortaleza e nin sequera me animei a coller o barco
para ir ata as Berlengas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario