Sempre nos dicían que o ateísmo era un
invento moderno para a perdición da humanidade, que foron os endemoñados
franceses da revolución da igualdade, liberdade e fraternidade quen o
inventaron, que era cousa do demo ou que o século das Luces creou esa sombra
para facer valer a crenza de que nada hai sobrenatural nin sobre as persoas.
Pero parece ser que non, que os ateos son máis vellos cos montes aínda que
sempre foron tratados como apestados na sociedade. Cando eu mesmo quero enfadar
a mi tía María, dígolle que son ateo, e daquela ela persígnase do dereito e do
revés, chorréame con auga bendita e asegura que prefire verme coxo, manco e
cego antes ca ateo. Unamuno, tan pulcro nas palabras, preguntábase se somos nós
creación de Deus ou é Deus creación nosa, e non sei quen dicía: Será palabra de
Deus, pero a verdade é outra.
Sempre houbo alguén que puxese o asunto sobre
a mesa, mesmo hai uns días, chegábanos a nova dun novo libro sobre o tema, escrito
polo profesor Withmarsh da universidade de Cambridge, quen se mergullou nos
textos e nas historias clásicas para sacar á luz un ensaio no que demostra que,
xa na politeísta Grecia había ateos, pero por algunha razón, aínda que fosen homes
dun saber excepcional, foron silenciados. Incluso a persoas como Sócrates,
executado en Atenas por non recoñecer ós deuses da cidade, se lle silenciou
esta faceta atea que foi a causa real da súa morte, cando a maioría dos seus
paisanos pensaban que un deus andaba polo ceo levando o sol nun carro ou que
determinado fillo de Eolo era quen fecundaba ás eguas do monte.
O tema non é doado. Preguntádelle a un pai
que perdeu un fillo se deus é xusto e contestará claramente que non hai deus
porque de habelo non pode ser tan mala persoa. Claro que sempre queda a
resposta daquel curiña de Macondo, que no principio do mundo quen gañou a
guerra entre anxos bos e malos foron os malos, pero como son malos, fannos crer
que foron os bos os gañadores, para que lle botemos a culpa de todos os males
do mundo a Deus.
Sempre houbo unha disociación entre relixión
e ciencia en todas as culturas, é como se o simple feito de buscar unha razón
que explique as cousas convertese en malvado ó investigador, por negar a
suposta facultade de mañoso do creador, e a pesar de todo aí están tantos
cregos que, sen sacar os hábitos descubriron leis físicas irrefutables, leis da
natureza que aínda estudiamos nas escolas e razóns astronómicas que nos fan
pensar máis nun deus matemático ca nun deus bruxo.
Pero se ben é certo que a partir do Século
das Luces o ateísmo puxo contra as cordas o pensamento relixioso, obrigándolle
a intentar demostrar as verdades bíblicas fronte á ciencia empírica, aínda hai
lugares onde se prefire ser crédulo a ser lóxico. Sen embargo, a dicir do
profesor Withmarsh, o problema máis grave é que o ateísmo se acabe convertendo
noutra especie de relixión. E non hai nada peor que as guerras de relixión, de
mouros contra cristiáns, católicos contra protestantes ou crentes contra ateos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario