Este cruceiro montado sobre un poste que máis
parece unha pedra fita, á que lle engadiron a cruz frorlisada e a imaxe dunha
santa moldeadas en cemento, foi erixido por un pai en honor do fillo asasinado
á porta da casa, neste mesmo lugar de Seivane, preto de Vilalba.
A triste historia que se remonta a máis de
setenta anos atrás, fala de dous mozos que pretendían a mesma moza, dous
veciños e amigos que por tal causa discutiron, e na discusión un deles nomeou
con malas palabras á nai do amigo, provocando que as palabras desen paso ás
mans, e xa un deles estaba sobre o outro, cando o vencido sacou unha pistola que
levaba no peto e o matou.
Neste cruceiro non hai nome nin data, pero aí está a
memoria que, por sorte, nós aínda tivemos quen nola contase. A pesar de que ela
por si soa xa é esa oración en pedra que dicía Castelao, a oración dun pai
dorido neste caso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario