Por
Pepe de Rocaforte
Contaba o outro día como fun
sorprendido e amoestado por unha moza de vixilancia cando facía unha foto do
Pórtico da Maxestade na Colexiata de Santa María a Maior de Toro, o que me
trouxo á memoria outra ocasión anterior en que tamén intentei fotografar un
cadro na Gallería Sabauda de Turín.
Sucedeu a cousa hai xa unha manchea
de anos. Era unha mañá de agosto e nas salas do museo turinés non se albiscaba ninguén
a non ser eu, a miña muller e os meus fillos. De súpeto chamoume a atención
desde lonxe un cadro que me deixou fascinado. Parecíame en principio de
Botticelli, pero ó achegarme vin que era de Filippino Lippi, e “Tobías e os
tres arcanxos” o seu nome.
Mirei
a un lado e a outro, non divisei nin unha alma en canto abarcaba a ollada,
botei man da cámara e prepareime a disparar a fotografía. Pero antes de poder
nin sequera enfocar, saída de non sei onde, apareceu ó meu lado unha señora
uniformada que me prohibiu facer a foto.
De
nada valeu contarlle o abraio que me producira a fermosura do cadro e o desexo
de conservar un recordo del, etcétera. Díxome que se quería un recordo podía
mercar unha postal na entrada, o cal me pareceu unha solución aceptable. Desgraciadamente
na tenda do vestíbulo non tiñan ningunha postal coa reprodución do cadro de
Filippino Lippi. Ofrecéronme un catálogo, mais ó lle botar unha ollada,
observei que “Tobías e os tres arcanxos” aparecía en branco e negro, en tamaño
minúsculo, dentro dunha páxina na que debían figurar polo menos outros vinte ou
trinta cadros. Naturalmente non o merquei e quedeime coas ganas de ter unha
reprodución daquela fermosísima pintura.
Agora,
tantos anos despois, ó buscar en internet unha foto do Pórtico da Maxestade de
Toro, ocorréuseme mirar a ver de atopar o cadro de Filippino Lippi que tanto me
impresionara entón. E ¡gracias san Internet!, aquí teño por fin diante miña o
cadro de “Tobías e os tres arcanxos”.
A
todo esto, se polo menos nos tres museos máis importantes do mundo (O Hermitage
de San Petersburgo, o Louvre parisino e o Metropolitan de Nova York, por esta
orde, segundo clasificación feita por unha guía do propio MET) está permitido
facer fotografías, e podo dar testemuña porque eu fíxenas nos tres museos, ¿por
que noutros non se actualizan e o permiten tamén?
Ningún comentario:
Publicar un comentario