Desilusióname
que entre as novas xeracións se estean abandonando os nomes
familiares en favor das modas impostas pola televisión ou as modelos
de pasarela, esquecendo aquel antigo costume de poñerlle ó fillo
máis vello o nome dos avós e ó segundo o do pai. Así, todos
coñecemos nenos portadores dalgún apócope en lingua foránea. E é
que nisto dos nomes, ademais de modas tamén hai certo desleixo
patrimonial. Non vou criticar aquí o pouco tacto dalgúns pais
inscribindo ó fillo co nome dun monstro que só aparece na Odisea ou
dunha divindade que chegou ata nós por mor das súas artes
maléficas, á fin santos hai no ceo que tampouco foron tan boas
persoas como nolos pintan.
Moitas
veces, aqueles nomes que se poñían como parte da herdanza familiar
continuaron e continúan nas familias a través dos séculos, aínda
máis aló do que duran os apelidos, e así, por exemplo, sei dunha
parroquia na que todos os Emilios son curmáns entre si, ou na que
todos os Eduardos proceden dun ancestro común, convertendo o nome
nunha marca de identidade que se vai arrastrando a través das
xeracións, un antigo costume que se perde con tanto estranxeirismo
mal escrito invadindo as aulas de primaria e secundaria por mor duns
pais que, na euforia do momento, procuran a distinción do recén,
máis preocupados pola eufonía ca polo significado, sen decatarse de
que o Jimmy segue sendo un Santi e o Joe un Pepe de toda a vida.
Pero
hai outro factor, recentemente publicado pola universidade de
Míchigan, non menos interesante e moito máis sorprendente, segundo
o cal, dependendo de como se chame unha persoa, esta pode alongar a
esperanza de vida superando a media dos seus conxéneres. E anque
dito así parece unha fantasía propia das redes sociais, dalgún
xeito, este estudio pode axudarnos a entender ese troco de nome en
pro da integración en terra de acollida, ese troco que se dá entre
as novas xeracións dos nosos emigrantes.
No
caso estudiado, tras analizar tres millóns de partidas de defunción
de varóns negros de varios estados do sur dos Estados Unidos,
datadas entre os anos 1800 e 1970, chegaron á conclusión de que
quen se chamaba Moisés, Abraham ou Elías, por exemplo, podía vivir
ata un ano máis cos seus veciños. E tras revisar outros factores
sociais daqueles estados escravistas, viron que cando un amo tomaba ó
seu coidado a algún neno, non só o bautizaba cun nome bíblico,
senón que ademais preocupábase de darlle unhas elementais
comodidades hixiénicas e unha preparación mínima, xa fose
relixiosa ou de primeiras letras que, segundo os analistas do
estudio, predispoñía ós mestres a dedicarlle unha atención
preferente ós nomeados segundo o Antigo Testamento antes ca a
aqueles que seguían os patronímicos das súas tribos ou nacións de
orixe, o que redundaba, naqueles, nun mellor e máis doado acceso a
traballos menos duros, incluíndo o de predicadores dalgunha das
igrexas que por aló abundan, co que ademais de que o corpo sufría
menos o paso dos anos, facían do nome, xa daquela, un eficaz
elemento de integración e condicionamento social.
(Lingua Proletaria. La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario