mércores, 6 de abril de 2016

O PÓRTICO DA MAXESTADE



Por Pepe de Rocaforte

            Desde hai moitos anos a cidade de Toro exerceu en min, aínda antes de coñecela, unha fascinación que non me sinto capaz de explicar con claridade. A primeira vez que alí estiven, desviándome da ruta prevista, foi para unha visita de recoñecemento dun escaso par de horas, nas cales case tan só puiden admirar a extensión do val do Douro abarcada desde o paseo do Espolón, o suficiente para considerar pola miña parte ben aproveitado o desvío. Sempre me atraeron eses miradoiros elevados, que aínda en lugares do interior ofrecen a suxestión de estar abertos a unha extensa e libre paisaxe marítima.
            Debo confesar que naquela ocasión aproveitei a parada, e algunhas outras en datas posteriores, para mercar, e probar, unhas botellas de viño da localidade, como seguramente algún ben pensado xa imaxinaría, pero esa é outra historia, e a proba do tinto de Toro tamén paga ben a pena.
            Na miña última visita xa dispuxen de máis tempo para me achegar a varios dos monumentos representativos da cidade: a Praza Maior, co edificio do Concello, barroco, do século XVIII. O palacio renacentista dos condes de Requena e o dos marqueses de Alcañices, onde morreu desterrado o conde-duque de Olivares. O Arco da Torre do Reloxo, na Porta do Mercado, para a construción da cal na masa botada para unir a pedra empregouse viño en lugar de auga (vaia vostede saber o motivo). As vellas rúas asoportaladas do centro da poboación. E, por riba de todo, a colexiata de Santa María a Maior, a máis prezada xoia da cidade, grandioso templo no que se conxuga o románico cos inicios do gótico.

            A Colexiata de Santa María a Maior merece a visita por moitas razóns, entre outras pola talla da Virxe da Esperanza, preñada, do século XII. Pola pintura ó óleo da Virxe da Mosca, do século XVI, atribuída a algún pintor da escola flamenca. E, especialmente, polo Pórtico da Maxestade, antiga entrada principal do templo, do século XIII, actualmente oculto á vista desde o exterior pola construción, xusto diante seu, da capela de Santo Tomás no século XVII.
            Este fermosísimo pórtico conserva a policromía orixinal do século XIII, motivo polo cal supoño que está prohibido facerlle fotos. Eu fíxenlle unha disimuladamente e á parte de saírme movida, como era de rigor en tales condicións, fixo que unha moza, vixiante, se decatase e viñese chamarme a atención, a pesar de eu dicirlle que unha foto feita sen flash non podía prexudicar para nada as imaxes. A non ser, como comentou unha señora alí ó meu lado, que prexudicase a venda de postais do monumento. Pero tampouco, porque sempre se poden obter por internet, como se ve pola mostra de aquí ó lado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario