Por
Pepe de Rocaforte
Botar man do tópico do “Libro
Guinness dos records” para ponderar a excelencia, ou o grandor, ou a
excepcionalidade dunha cousa calquera, é recurso común aínda entre aqueles que
nunca abrimos un exemplar de semellante libro.
Saco esto a conto porque estes días
pasados, remexendo fotos, encontrei algunhas que me fixeron pensar no ditoso
libro dos records. O máis probable, por non dicir seguro, é que tanto a
“Campana do Zar” (Tsar Kólokol), como o “Cañón do Zar” (Tsar Pushka), ámbolos dous
no Kremlin de Moscú, figuren nas súas páxinas, o cal me leva a pensar nas dotes
proféticas dos seus construtores, cando, máis que pensar nunha hipotética
utilidade, pensaron en chegar a figurar en lugar destacado das páxinas dese
libro futuro.
A campana, con algo máis de seis
metros de alto e tamén un pouco máis de seis metros e medio de diámetro,
fundida entre os anos 1733 e 1735, nunca chegou a tocar polo lamentable feito
de romper e quedar inservible, como pode verse na fotografía, cando intentaban
subila ó seu campanario. De calquera xeito, chegase ou non a cumprir o labor
para que fora fundida, o certo é que aí está e pasa por ser a campana máis
grande do mundo.
En canto ó cañón, tamén sucedeu con
el tres cuartos do mesmo. Construído en 1586, cun peso de case trinta e oito
toneladas, un calibre de oitocentos noventa milímetros e un diámetro exterior
de mil douscentos milímetros, se non o de maior peso e lonxitude, pasa por ser
o de maior calibre do mundo. Sen embargo nunca foi disparado. Os proxectís que
aparecen ó seu lado teñen un diámetro superior ó da boca do cañón. Seica foron
fabricados en San Petersburgo e circula o boato de que os petersburgueses os
fixeron cunha pulgada máis de diámetro para foder ós moscovitas, por aquelo da
“eterna rivalidade” estilo o Vigo-Coruña de por aquí.
E como ambas pezas se atopan no
interior do Kremlin, aproveito a ocasión para confesar que durante case toda a
miña vida pensei que o Kremlin era un edificio único situado na capital de Rusia.
Agora explicáronme que kremlin é o nome dado ós recintos amurallados das
antigas cidades rusas. E polo que se refire ás murallas deste kremlin de Moscú
dáse o caso de teren un perímetro de 2.235 metros. É dicir: case igual ó das
murallas romanas de Lugo, estas con 2.266 metros.
Curioso, ¿non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario