sábado, 24 de setembro de 2016
mércores, 21 de setembro de 2016
NÉBOAS DE OUTONO
Por Pepe de Rocaforte
Esta mañá cedo cando saía da casa
vinme envolto nunha néboa espesa que maldito se permitía ver cousa ningunha a
máis de dez metros. Ó instante sentinme transportado ó Ourense da miña
adolescencia cando ía polas mañás de inverno camiño do instituto, ou de volta
polas noites, por unhas rúas de lousas brillantes de humidade, onde máis alá
dun radio de tres metros arredor dun a penas se podía albiscar nada.
Recordo que daquela por veces sentíame trasladado a
Londres, ós barrios das novelas policiacas con que alimentaba a miña fame de
lecturas: Withechapel, Soho, que sei eu... Pero hoxe, mentres camiñaba envolto
pola brétema, arredor meu todo en silencio, só de vez en cando o ruído afogado
do motor dun invisible pesqueiro de arribada ó porto, a escena que me acudía á
memoria pertence a “Amarcord”, a inesquecible película de Fellini.
Nesa escena o avó sae da casa unha mañá de brétema mesta
e despois duns poucos pasos encóntrase perdido, sen referencias de ningún lugar
a onde se dirixir, ata que un veciño aparecido de improviso lle mostra a súa
propia casa alí ó lado, de onde camiño da escola sae un neto quen tamén se perde
na néboa, nunha escena surrealista frente a unha fantasmal vaca branca de
enormes cornos.
E esto lévame a pensar na forma maxistral en que Fellini
mostra o transcurso das estacións ó longo da película, desde ese inicio co voo
da penuxe dos salgueiros (supoño que será dos salgueiros, asociados ó mito de
Perséfone e os ciclos estacionais) que a min me trae recordos do Camiño de
Santiago unha primavera entre Castrojeriz e Carrión de los Condes, co verde da
herba medio oculto pola capa de penuxe, case un manto de neve baixo o sol
primaveral.
E despois o verao, cos campos amarelos e os mosquitos,
todo o ceu cheo de sol, o silencio da sesta remarcado polo criquear de grilos e
cigarras sobre o cal, avivecido pola pulsión xenesíaca da estación, se vai
elevar o berro do tío Teo: “Voglio una donna!”, “quero unha muller!”
O inverno traerá a nevada desmedida á beira do mar, cun
labirinto de pasadizos entre a neve por onde se perden os veciños da vila,
pasmados diante da aparición do pavo real do conde noutra impagable imaxe
surreal. E finalmente, despois do inverno, o voo da penuxe anunciando a nova
primavera e o casamento de Ninola, a “Gradisca”, o soño erótico de todos os
mozolos da contorna.
A nós, os namorados da película de Fellini, tócanos agora
o outono, iniciado hoxe, debidamente anunciado por esa tarxeta de presentación
das néboas matinais.
sábado, 17 de setembro de 2016
venres, 16 de setembro de 2016
A casa de Colón
Xa sabedes, que nesta casa ou neste caderno de bitácora,
somos moitos os que estamos seguros de que don Cristobal Colón morreu sen saber
onde quedaba Xénova. Pero tamén, que se don Celso García de la Riega non fose
tan perfeccionista cando quixo amañar as letras dun pergamiño, hoxe non
andariamos tan metidos nesta dúbida eterna sobre a súa orixe.
Hai obras, feitos e evidencias abondo coñecidas que
apoian a tese da galeguidade de Colón, e en Pontevedra, no lugar de Portosanto,
aínda conservan a que se di que foi a súa casa natal, a cal ten un cruceiro diante
onde se fala dun tal Colón. Na mesma igrexa de Santa María, hai unha inscrición
con letras góticas na que se indica que unha capela que queda á man dereita
preto da porta principal, foi pagada pola xente da familia Colón, que eran
xentes de mar, e podemos seguir falando da linguaxe usada no seu caderno de
bitácora, dos nomes escollidos para bautizar os acidentes xeográficos das novas
terras ou que o nome que lle deron á carabela Santa María era pola patroa da
igrexa dos mareantes pontevedreses ou que no argot mariñeiro a aquela lle
chamaban “La Gallega”.
En fin, só por lembralo, aquí deixamos a foto da casa
hoxe convertida en museo, cunha interesante biblioteca sobre a vida do
Almirante. Pero tamén é mágoa que na reforma non se vexa unha reconstrución do
hábitat en que vivían os moradores precolombinos, por facernos unha idea de
como era o seu día a día, e só se fixo o esforzo de convertela nunha enorme
sala de varios pisos con paneis informativos sobre as súas viaxes e algunhas
das evidencias da súa procedencia galega.
![]() |
recreación do lugar en época de Colón |
Gustaríanos que nesta casa, tamén puidésemos facer un
percorrido pola biografía coñecida e documentada de antes da viaxe, así como profundar
máis na tese galeguista, tese que cada día conta con máis evidencias e partidarios.
mércores, 14 de setembro de 2016
OUTROS SANTOS INEXISTENTES
Por Pepe de Rocaforte
Comentaba a semana pasada o caso de
Santa Liberata, ó parecer inexistente (a santa, non o caso). Sen saírmos de
Galicia temos outra mártir máis coñecida, Santa Mariña de Augas Santas, de quen
no século XVIII o bispo de Ourense Juan Muñoz de la Cueva escribiu unha crónica
relatando o martirio desta máis ou menos coetánea de Santa Liberata, a quen o
gobernador romano Olibrio, namorado dela, diante da súa negativa a abxurar do
cristianismo e entregarse a el, despois de tres ou catro sesións de variados
tormentos mandouna decapitar e, nun precedente do que séculos despois sucedería
co Mariscal Pardo de Cela, a súa cabeza, ó caír, deu tres botes, pero en lugar
de exclamar “credo, credo, credo”, fixo nacer cadanseu manancial de auga santificada.
Sen embargo, na colección de santos
inexistentes, hai outros dous que figuran entre os meus predilectos e, ó
contrario das dúas galegas, figuran ambos na “Lenda Dourada”, ese best-seller
escrito no século XIII polo bispo de Xénova, Santiago de la Vorágine, un autor
de quen tería moito que aprender o Marqués de Sade.
O primeiro destes meus santos
favoritos é San Cristobo, “San Cristobalón” que lle chamaba García Lorca, e o
aumentativo non é para menos, porque de adulto a súa estatura era de doce cóbados
(medida de lonxitude que no Imperio Romano viña supor algo máis de cinco
metros). Con semellante corpulencia non é estraño que infundise terror a canto
mortal se lle poñía diante. Por certo: antes de se facer cristián este bo
xigante chamábase “Réprobo”, que non é por nada, pero tampouco estaba mal.
Despois de renunciar a varios
empregos, seguindo o consello dun eremita dos que por aquela época estaban
cheos os desertos, estableceuse na ribeira dun río onde morría moita xente ó
intentar vadealo, para pasar a cabaliño os camiñantes que por alí precisaban
cruzar. Dunha vez cadroulle de ter por pasaxeiro ó Neno Xesús quen o convenceu
para se converter ó cristianismo, o cal por suposto empezou a producirlle unha
reste de desgustos cuxo final sería o martirio por medio de decapitación.
Pero o meu santo number one é
sen dúbida San Xorxe. Chámolle así, e non San Xurxo, porque así ó oín desde
neno, en referencia ó patrón dunha parroquia próxima á miña vila natal onde se
celebraba no seu día unha grande festa á que os labregos da contorna levaban a
bendicir as súas aguilladas para o gando, servizo moi axeitado para tan conspicuo manexador de
lanza contra dragóns.
O final da historia deste inexistente
santo guerreiro foi, coma o de tantos outros, o martirio por decapitación
despois das preceptivas e variadas sesións de tortura.
San
Xorxe, ou Xurxo, continúa con fieis ó longo da maior parte do mundo cristián,
desde a Capadocia, na Anatolia Central, onde conta a tradición que veu ó mundo,
ata Rusia, onde é o santo patrón de Moscú, pasando pola Gran Bretaña, Croacia,
Cataluña, etcétera, o que tampouco está nada mal.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)