martes, 8 de novembro de 2016

Alpendres da Golada



            Hoxe, o día da foto, non había feira, pero hai que ver o burbullar de xente, as voces, os reclamos e os regateos cando a hai.
              Está ben que se recuperen todas estas construcións que coñecemos como alpendres pero son verdadeiras tendas abertas á afluencia do público, que usan a tella onde hoxe se usa a lona, cos seus mostradores de pedra que algún día se ateigaban de produtos, roupas, e ata pequenos animais nos días de feira. O traballo de cada día exposto para a venda. Estanse recuperando e estáselle dando vida de novo. Postos a cuberto, que animaban e animan a vendedores e compradores, interesantes construcións por entre as que os paisanos circulan comparando, curioseando, probando, discutindo e intercambiando, pero sobre todo eran (e son) unha forma de organizar os mercados rurais, asegurando que a afluencia de público non se vise influída polo mal tempo, por exemplo, ou asegurando que non eran necesarios os chifres desmontables para expoñer os produtos.
                       Moitos destes pendellos tiñan o seu almacén con pecho, para gardar os produtos dun día para outro. Este era o grande centro comercial dunha bisbarra, todo un pobo convertido en centro comercial, que construían os canteiros populares, que se anunciaban polo boca a boca, que atraían ás xentes das aldeas e pobos do entorno e aínda de máis lonxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario