luns, 14 de novembro de 2016

San Dunstan e as ferraduras da boa sorte



     


                 O certo é que xa os gregos lle atribuían á ferradura o poder de atraer a boa sorte, porque coa súa forma de media lúa é un símbolo de fertilidade asociado a Hécate, ou á Diana romana. Aumenta o seu poder apotropaico se ten sete cravos, como sete son os astros do ceo, se é de ferro porque ese é o metal da forza e do poder, e mellor aínda se se atopa porque a fortuna atopada é a que máis gorenta.

              Sen embargo, o cristianismo, negándolle razón á tradición grega, asegura que o poder de atracción da boa sorte que lle outorgamos á ferradura débese ó bo facer de san Dunstan, quen antes de ser o arcebispo de Canterbury desde o ano 959  ata a súa morte o 19 de maio do 988, foi ferreiro.
                 Sucedeu que estando o bo home exercendo o seu oficio, apareceulle diante un ser horripilante, con medio corpo de persoa e outro medio de besta, quen lle pediu unhas ferraduras para os pezuños que tiña por pés. Ó momento Dunstan decatouse de que aquel era o demo, e entón no momento de ferralo, contrariamente ó que é norma, meteu os cravos contra a parte de dentro, de tal maneira que lle provocou unha dor descomunal que lle facía xurar en arameo, pedíndolle que llas sacase. Entón o ferreiro negociou con el as condicións para sacarllas e poñerllos ben, obrigándoo a prometer que nunca impediría que a boa sorte e a fortuna se arredasen das casas que tivesen unha ferradura na porta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario